A beneficencia nunca é Política Social

Nesta recta final de agosto, o "tumba e dalle" no que se veñen somerxendo Compostela Aberta e o PP por conta da decisión do goberno de Santiago de retirar as subvencións ás asociacións "Red Madre" e "Centinelas", pon de manifesto a urxente necesidade de rematar coa vella política de subvencions e desenvolver, dunha vez por todas, políticas sociais solventes, modernas, baseadas nas accións concretas para resolver problemas concretos e na corresponsabilidade social. É dicir, nos concertos.

Evidentemente, non é de recibo que as institucións locais, autonómicas ou estatais sufraguen con diñeiro público organizacións que exerzan accións que contraveñan o noso marco legal ou que os seus estatutos se sitúen ao marxe dos principios constitucionais. Ainda resoan as subvencións que teñen recibido asociacións como a "Francisco Franco" ou mesmo a continuada e excesiva dende tódolos puntos de vista, financiación estatal (tamén via exencións fiscais) á igrexa católica, por exemplo.

As subvencións por asignación directa de recursos públicos e baseadas fundamentalmente nos criterios políticos "de turno" teñen que ser superadas. Evitaranse así polémicas como a destes dias en Santiago e, sobre todo, a mínima arbitrariedade e o descontrol na administración do diñeiro de todos. Certo é que moitas destas subvencións atenden a procesos mais ou menos regulados, pero suxeitos ás veces a baremos que permiten criterios laxos na sua resolución. E tamén que os sistemas de control por parte das administracións do destino dos recursos, cando non son inexistentes, adoitan ser pouco efectivos.

De aí que neste tempo en que tanto se reivindica a "nova política", a "corresponsabilidade cidadá", a "xeración de sinerxias"...é o momento de pasar das palabras aos feitos e mudar non só os destinatarios das subvencions senón fundamentalmente o modelo polo que se asignan, que polo de agora segue sendo o mesmo que o PP exerceu no anterior mandato.

Os servizos sociais públicos deben marcar as accións e ser así a referencia e a porta de entrada para os cidadáns e cidadás que se atopen en risco de exclusión

Os servizos sociais públicos deben marcar as accións e ser así a referencia e a porta de entrada para os cidadáns e cidadás que se atopen en risco de exclusión. Se nunha cidade como Santiago se detectan, porque os hai e moitos, problemas sociais concretos (pobreza, malnutrición infantil, necesidade de atención ás vítimas de violencia de xénero, solucións para as familias que xa teñen sufrido desafiuzamentos, etc...) a obriga do goberno local dentro das súas competencias ten que ser prantexar programas para a solución destes problemas, cuantificar os recursos necesarios para desenvolver estes programas e promover a colaboración necesaria do tecido asociativo na resolución de cada un dos problemas. E facelo de tal maneira que as persoas que traballen por conta das asociacións colaboradoras en cada proxecto, gocen de estabilidade laboral, dentro do obxectivo xeral e prioritario de xerar emprego estable. Concertos fronte a subvencións. Política social fronte a beneficencia ou caridade.

As novas formas de facer política non serán máis que maquillaxe se non se mudan as políticas de fondo.

A política social ten bases ideolóxicas pero a ideoloxía na concesión de subvencións non pode levar a desatender problemas sociais. Evitemos situacións como as que se veñen dando estes dias, como a acusación por parte dunha asociación que se cre inxustamente tratada polo goberno local de que Compostela Aberta practica "política chabacana" ou de que a concelleira de Política Social recoñecera retirar unha subvención porque ainda sen ter lido os estatutos da asociación "lle dixeran, sonáballe, que era provida".

As novas formas de facer política non serán mais que maquillaxe se non se mudan as políticas de fondo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.