0 Gardados para despois

Xabier Sánchez Lombardero

Negocios privados á conta do público, un clásico do neoliberalismo

Que teñen en común o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Luis Maldonado (ex número dous de Bankia con Rodrigo Rato) e a filla da Conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia? A resposta é Price Waterhouse Coopers, tamén coñecida como PwC, unha das grandes multinacionais de asesoría e consultoría legal e fiscal, que acostuma realizar informes independentes para axudar a privatizar todo canto servizo público atopa no camiño. Encárgase, ademais, de auditar as empresas máis poderosas do mundo desde hai décadas.

Trátase dunha consultora con moito prestixio nos grandes medios a pesar de que 61 dos seus altos cargos e a propia empresa acabasen nos tribunais do Estado Español por, supostamente, defraudar 40 millóns de euros falseando salarios para evitar tributar ou facelo por menos do que correspondía. Pois ben, esta é a empresa que a Xunta, a dos grandes xestores Núñez Feijoo e Alfonso Rueda, escolleu para que adxudicase o contrato do novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, do que tanto se está a falar nos últimos meses. Esta é, por acaso, a empresa para a que traballaba Rocío Mosquera Álvarez, filla da Conselleira de Sanidade.

Trátase dunha consultora con moito prestixio nos grandes medios a pesar de que 61 dos seus altos cargos e a propia empresa acabasen nos tribunais defraudar 40 millóns de euros falseando salarios

Existe un precedente ben documentado. En 2013, PwC elaborou un informe no que recomendaba ao goberno da Generalitat de Catalunya a privatización de 18 hospitais e 45 centros de atención primaria. A publicación do documento obrigou ao encargado de Sanidade do goberno catalán, Boi Ruiz, a desmentir en sede parlamentaria que o seu goberno pagara pola redacción do mesmo. Segundo a súa versión, PwC confeccionárao por iniciativa propia. Logo sóubose que a Generalitat pagara en 2012 uns setecentos mil euros por diferentes servizos, todos eles ían na mesma liña de pretender xustificar o desmantelamento do sector sanitario catalán. Esa relación entre Generalitat e PwC, se quixéramos pensar mal, podería ter algo que ver con que o exconselleiro de Presidencia na etapa de Jordi Pujol, Joaquim Triadú, traballe agora na propia consultora.

Esta é a empresa que a Xunta, a dos grandes xestores Núñez Feijoo e Alfonso Rueda, escolleu para que adxudicase o contrato do novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, do que tanto se está a falar nos últimos meses

Certamente, Triadú non é o único que empregou a porta xiratoria entre PwC e altos cargos públicos. Sucede o mesmo con Jaume Matas, expresidente balear, agora en prisión, que foi contratado pola matriz americana para asesorar en custións medioambientais. Son coñecidos, ademais, os casos de Carmen Becerril, que foi Directora Xeral de Política Enerxética e Minas no Ministerio de Industria e máis tarde Directora de Consultoría Estratéxica do Sector Enerxético para PwC, ou o de Jordi Sevilla, exministro do PSOE e máis tarde alto cargo na devandita compañía. Hai tamén exemplos no sentido contrario, como o de Olga García Frey, que tras traballar en PwC ocupou a dirección do ICO, con tan bos recordos da súa época na consultora que adxudicou varios contratos á mesma en lugar de inhibirse como debería ter feito por lei. Así, actualmente está cumprindo unha inhabilitación de sete anos para execer cargos públicos. Pero se alguén destaca dentro desta nómina é o señor Luis de Guindos, actual Ministro de Economía, encargado de executar os recortes que impón a Troika, convertindo o traballo digno nunha peza de museo e instaurando a precariedade como única saída ao paro estrutural que padecemos. Lembremos que De Guindos foi presidente de Lemhan Brothers en España, o banco norteamericano que quebrou en 2008, abrindo a chamada crise, e que meses depois pasou a traballar en PwC, que foi a empresa encargada de liquidar a entidade.

Por que un artigo sobre PwC? Pois por poñer nome aos saqueadores do sector público e porque para recuperar os nosos dereitos e acadar a xustiza social non chega con cambiar as persoas que ocupan as institucións, cousa que urxe facer, senón que tamén hai que poñelas a funcionar de xeito transparente e aberto. Temos que implicarnos moito máis na xestión dos asuntos públicos, construíndo ferramentas e procesos cada vez máis participativos, para que nunca máis as voces que escoiten as persoas que ocupan as institucións sexan murmurios a escondidas nos despachos en benefico de intereses privados, senón voces capaces de abrir as institucións a novas ideas e prácticas, esforzándose en garantir e ampliar os dereitos de todas e todos.

Acerca de Xabier Sánchez Lombardero

Xabier Sánchez Lombardero. Sociólogo.