O momento da responsabilidade, ou queremos ou non queremos

A esquerda vese decotío superada por unha realidade dura e propende a perderse en fantasmagorías. Frecuentemente confunde a política coa literatura, está mal que eu o diga, así que lembremos as realidade primeiro para poder imaxinar logo solucións esperanzadoras. Lembremos e despois imaxinemos.

Lembremos as evidencias máis simples, por exemplo: nas pasadas elecións autonómicas o PP conseguiu o 45,80% dos votos, o PSOE o 20,61% e o 24,02% son os votos de AGE e BNG sumados. É dicir, estas dúas candidaturas xuntas serían a segunda forza política. Evidentemente, habería diferenzas dentro, como as hai dentro do BNG e de AGE, mais son tantas que non puidesen ofrecerlle á sociedade un programa conxunto? Polo que se ve no seu labor no Parlamento apenas hai diferenzas e si un acordo en todo o fundamental. Teñamos en conta, ademais, que esas dúas candidaturas nacen dun momento de fracasos e compareceron como un enfrontamento. Que resultado terían se meramente se presentasen conxuntamente e fosen o froito dun achegamento? É ben razoábel pensar que terían un resultado moito mellor. Con todo, esas contas xa son pasado e, ademais, hoxe cambiaron cousas e cambiamos tamén nós, e para ben. Só interesa para poder imaxinar as posibilidades que tería unha forza transformadora.

Hoxe moitas persoas vemos cousas dun modo distinto a como as viamos hai tres meses. Fóronse acumulando motivos: desde hai uns anos padecemos unhas políticas antisociais como nunca que crearon grande malestar social e unha crítica aos partidos existentes; esa crítica impulsouna e capitalizouna un grupo que articulou Podemos e obrigou os demais partidos a comezar a revisar algúns modos de relacionarse coa sociedade; o Estado tal cal é chegou a unha crise pola reclamación nacional catalana e a resposta nacionalista española... Entre nós, na Galiza, tendo como temos recursos naturais e humanos de noso levamos anos a baleirarnos. Estase a dar un proceso de espolio acelerado no que perdemos todos os recursos financieiros, absorbidos por Madrid, e mesmo de recursos humanos, a mocidade emigra a todas partes. É ben significativo o dato de que a emigración galega a Madrid medrou un 40% na última década. España configurouse definitivamente como un sistema radial forzado ao redor dun grande furado negro que traga todas as enerxías do ámbito no que domina. O drama nacional do noso país sábeno ben os mariñeiros, os campesiños, a mocidade, os traballadores...Estamos a perdelo todo, xa non falo da nosa cultura e a nosa lingua, tragadas nunha cultura español-madrileña chovinista e pailana. E neste contexto de baleiramento de nós e de desmoralización non se lle ofrece á sociedade un liderado responsábel.

Os dous grandes partidos estatais basicamente conservan os seus apoios, porén os votos dos partidos de esquerda e galeguista sumados mostran a posibilidade dunha inflexión, mostran unha esperanza

As recentes elecións locais mostraron que os dous grandes partidos estatais basicamente conservan os seus apoios, porén os votos dos partidos de esquerda e galeguista sumados mostran a posibilidade dunha inflexión, mostran unha esperanza. A iso responden os movementos que comezamos hai tres meses desde diversos lugares e posicións a favor de sumar forzas, de confluír e construír unha candidatura nacional galega. Esa candidatura soberana non só tería a función de representar os nosos intereses nun novo parlamento que previsíbelmente vai redefinir o equilibrio de poder territorial, unha redefinición política trascendente que terá consecuencias de todo tipo nas nosas vidas. A Galiza non pode faltar nese momento aí cunha voz soberana para articular políticas xustas para nós e solidarias dos demais.

Eses movementos a prol dunha candidatura nacional galega foron chamando a atención dos sectores críticos do noso país, o 25 de Xullo da nación galega, mal que lles doia a quen ten desleixo polo noso país, foi un momento particularmente fermoso e valioso que ninguén nos vai arrebatar. Foi valioso porque demostrou varias cousas: que a sociedade recibe con simpatía as iniciativas que nacen da mesma cidadanía, que o chamado á unidade esperta a atención e a simpatía, que existe unha conciencia e un sentimento nacional galego transversal que até agora non tivo expresión política acertada... E algo fundamental: que o noso país ten necesidade de esperanza, que hai xente que non quere renderse e agarda que a chamen a mobilizarse e que unha Galiza con carácter político é posíbel.

Eses movementos coinciden e cruzáronse xa con movementos críticos socialmente e coas estratexias de partidos que pularon candidaturas locais abertas, de xeito que no momento no que isto escribo somos un magma no que se entrecruzan correntes culturais e políticas. En principio, o panorama é que hai partidos que aprobaron confluír nun movemento político sobre a base dunha candidatura galega soberana e un programa contra as políticas antisociais en curso, e tamén hai grupos e candidaturas locais que partillan esas mesmas ideas.

O prazo para confluír e artellar tecnicamente esa candidatura xa está prácticamente esgotado, os debates dentro de cada grupo están feitos, chegou o tempo de sentar a negociar con data fixada

O prazo para confluír e artellar tecnicamente esa candidatura xa está prácticamente esgotado, os debates dentro de cada grupo están feitos, chegou o tempo de sentar a negociar con data fixada o modo de confluír nun único movento que debe avivecer aos sectores máis activos do noso país. E, así e todo, non hai unha data, non hai unha iniciativa acordada e seguimos a dar rodeos, consultas deste grupo con aqueloutro e logo o outro con aquel. Que está a ocorrer realmente nun xogo no que nos estamos a marear uns a outros?

Penso que se xuntan varias cousas, a fundamental é que estamos a crear algo novo que, ademais, choca co pasado inmediato: trátase de xuntar iniciativas e persoas que, moitas delas, hai pouco tempo tiveron enfrontamentos. Hai que reparar fracturas. Doutra banda, o que queremos construír é efectivamente algo novo, un proxecto político, un espazo cultural que non é aquel no que estaban situados uns ou outros hai tres meses aínda. Non se trata de unir a nacionalistas galegos con nacionalistas españois, a esquerda co que non é esquerda..., iso é facer contas vellas. Precisamos que cada quen deixa na súa casa o que impide confluír no esencial, porque estamos a prefigurar un novo espazo cívico que inclúe as diferenzas nun propósito común. É un novo republicanismo galego, un novo galeguismo cívico.

O que queremos construír é efectivamente algo novo, un proxecto político, un espazo cultural que non é aquel no que estaban situados uns ou outros hai tres meses aínda

Mais as persoas, os grupos e as organizacións implicadas estamos a facer unha viaxe non só ideolóxica, tamén sicolóxica. Temos que aprender a imaxinar cousas novas e temos que ser capaces a ver os demais dun modo distinto. Iso faise facéndoo: achegándose con franqueza e limpamente.
Inflúe o pasado, mesmo o pasado recente, hai grupos de persoas que naceron hai poucos meses articulándose ao redor de candidaturas municipais e agora que acaban de nacer e están a ocupar poder local temen disolverse nunha cousa meirande, hai partidos de longa tradición que temen un proceso incerto do que non coñecen o final... E tamén interveñen partidos que, en principio, teñen unha estratexia distinta e non obstante actúan dentro de grupos que din querer formar esa candidatura nacional galega. É o caso de Podemos. Se non falamos dos partidos dentro, detrás, por enriba, debaixo dos grupos de persoas que estamos nese proceso, daquela mentímonos a nós e mentímoslle ás persoas que están a agardar un resultado de vez.

Os grupos que están á vista, as iniciativas que estamos a mostrar a cara e as intencións ante a sociedade só somos un desencadeante. Ás veces un oe ou le que somos “a cidadanía”. Non tal, iso sería unha soberbia absurda e un autoengano, somos unhas pequenísimas minorías, uns grupiños moi localizados social e territorialmente que asumimos unha responsabilidade ante a sociedade: facer porque naza algo serio e decisivo. Unha forza que irradie o país enteiro, unha onda de ilusión que ten que chegar a todas as cidades, vilas e aldeas, a todos os sectores sociais e laborais. Unha esperanza vivificadora.

Nós temos un único plan: unha candidatura social e nacional galega constituída polos partidos e organizacións que queiran e coa participación aberta da cidadanía

E o que está a retardar ese proceso necesario é o que non está á vista. Nós temos un único plan: unha candidatura social e nacional galega constituída polos partidos e organizacións que queiran e coa participación aberta da cidadanía, e non temos outro plan ningún oculto. Non temos plan B, se fracasa o noso plan daquela fracasamos. O que ten que saír dunha vez á luz son as conversas dos partidos, que senten a falar publicamente e poñan as cartas sobre a mesa. Porque os cálculos e os movementos por detrás están a nos enredar aos demais. Se Podemos non quere partillar o noso proxecto que o aclare de vez, e quen queira seguir o seu camiño que o siga, se o BNG está disposto a sentar a falar con Podemos para confluír nesa candidatura, que o diga e o faga públicamente, se EU quere participar do noso proxecto cívico que o diga ou senón que o saibamos tamén, que se Compromiso quere o que quere ou non, que se Cerna, que se Anova...Abonda.

O que ten que saír dunha vez á luz son as conversas dos partidos, que senten a falar publicamente e poñan as cartas sobre a mesa

Non podemos seguir a procurar informacións de radio macuto, no díxome díxome, que se este ou aquela andan por Madrid aquelando, que se estes non se levan con estoutros, que se este ten un acordo co outro... Eses son os xeitos da máis vella política de politiquillos, esiximos transparencia e claridade porque xa non hai máis tempo. Ou arre ou xo.

Agora, que conste, o noso país quere “arre” e quen nos poña un “xo” terá unha responsabilidade histórica. Porque, que queiran que non, este país vai ter unha candidatura nacional galega para conseguir grupo parlamentar propio. Queremos data para nacermos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.