Contaminación pública, ganancias privadas

Cando falamos de saúde e de beneficios empresarias, o primeiro que nos vén á cabeza é o actual intento do goberno do PP de privatizar a sanidade pública para convertela nunha fonte de ganancias empresariais, aínda que no camiño haxa que deixar sen atención médica ós sectores máis desfavorecidos da poboación. Mentres as persoas defensoras do social vemos a economía como un medio para satisfacer as necesidades públicas vitais, os neoliberais ven as necesidades vitais exclusivamente como oportunidades económicas de conseguir beneficios empresariais privados.

As empresas conseguen os seus beneficios privados en parte grazas a que non se fan cargo dos residuos tóxicos que xera a súa actividade industrial

Pero do que queremos falar hoxe é de como as empresas conseguen os seus beneficios privados en parte grazas a que non se fan cargo dos residuos tóxicos que xera a súa actividade industrial, deixando que a xente cargue coas enfermidades derivadas e co seu custe económico. Parte dos ingresos industriais corresponden así directamente á transformación da saúde pública en dividendos privados.

A contaminación nuclear non consiste só no seus residuos (que teñen una radioactividade mortal de miles de anos) senón tamén nos accidentes nas centrais nucleares: compensa toda a produción pasada de enerxía nuclear xaponesa a desfeita medioambiental actual do accidente de Fukushima?

Durante anos o Reino Unido tirou bidóns de residuos nucleares fronte a Galicia, na fosa atlántica, mostrando así claramente a súa irresponsabilidade empresarial. Estase a utilizar radiación ionizante para esterilizar algúns alimentos e aumentar a súa data de caducidade, sen que haxa estudos definitivos sobre a súa inocuidade. A contaminación electromagnética está por todas partes: desde os cables de alta tensión ata os teléfonos móbiles ou os microondas, co conseguinte aumento de cancro na poboación.

Durante anos o Reino Unido tirou bidóns de residuos nucleares fronte a Galicia, na fosa atlántica, mostrando así claramente a súa irresponsabilidade empresarial

O quencemento global é moi perigoso porque o seu carácter planetario e os procesos de realimentación fan que sexa algo difícil de reverter unha vez que supere determinado punto de non retorno. A auga vai ser un problema endémico para a supervivencia de centos de millóns de persoas no planeta, á vez que imos ter un clima máis extremo, con períodos prolongados sen chuvia seguidos doutros con riadas e tornados. A destrución da capa de ozono producida por produtos artificiais como os CFC aumenta o risco de cancros ó deixar pasar as radiacións nocivas do Sol.

A proliferación de plásticos tóxicos na maioría dos produtos fai que xa teñamos presenza dos seus compoñentes no sangue, coas conseguintes consecuencias na saúde: cancros, desaxustes hormonais, diminución da fertilidade humana, etc. Os produtos artificiais como conservantes, colorantes, etc. están presentes en case tódolos artigos que consumimos, con consecuencias nocivas para a saúde. Os materiais sintéticos industriais como o PVC ou o amianto son fontes de enfermidades en moitos casos mortais. Os metais pesados contaminan todo o noso entorno, desde o chumbo ata o mercurio, pasando polo cobre. Non son biodegradables, senón que se acumulan ó longo da cadea alimentaria intoxicándonos e producindo malformacións no embarazo.

Os transxénicos están a estenderse na agricultura, fomentando a resistencia das bacterias ós antibióticos, o abuso de pesticidas tóxicos e a aparición de consecuencias ecolóxicas irreversibles ó introducir xenes artificiais na natureza. Isto ademais do risco de reducir a diversidade natural de especies agrícolas ó centrarse a produción nas poucas especies que venden as multinacionais transxénicas.

A táctica que utilizan as empresas para seguir coas súas actividades industriais tóxicas consiste en inverter a carga da proba ó afirmar que non existe ningún estudo que demostre que os seus produtos son nocivos para a saúde

A táctica que utilizan as empresas para seguir coas súas actividades industriais tóxicas consiste en inverter a carga da proba ó afirmar que non existe ningún estudo que demostre que os seus produtos son nocivos para a saúde. Sen embargo, o procedemento no ámbito da saúde é exactamente o contrario: do mesmo xeito que un medicamento ten que superar anos de experimentación para demostrar que non representa un risco para a saúde polos seus efectos secundarios, os produtos industriais deberían tamén probar que son inocuos antes de permitirse o seu uso. Non ten sentido someter á poboación a anos de exposición a materiais tóxicos para ter que retiralos ó cabo do tempo pola presión social froito de estudos independentes.

O progreso tamén é posible sen que trasladen á poboación os custes de vidas das actividades empresariais tóxicas, valéndose da desinformación sistemática

Os neoliberais din que é o prezo do progreso; pero para que isto fose aceptable tería que ser algo aprobado por unha decisión democrática e non pola imposición tecnocrática dunha minoría parasitaria. O progreso tamén é posible sen que trasladen á poboación os custes de vidas das actividades empresariais tóxicas, valéndose da desinformación sistemática. Nos últimos decenios os casos de cancro de mama pasaron de unha muller de cada vinte a unha de cada oito na actualidade. E esta situación de aumento de enfermidades e mortes non é exclusiva dos países ricos senón que se da tamén nos países pobres, nos que a contaminación medioambiental chega a cotas escandalosas pola falta de presión social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.