O envés da candidatura unitaria galega.

Sofri a verdade ao vêr-me ali, porque, como é de supor, foi a mim mesmo que primeiro busquei”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Hai uns días, a piques de irse agosto, recibín carta do meu tío Lisardo e, con esa perspectiva e sabedoría que imbúe aos que teñen que interpretar a nosa resecada paisaxe dende terras lonxincuas, déuselle por recrear a súa conspicua caligrafía, disertando sobre a autenticidade das cousas que tanto nos desacougan.

Na súa atinada epístola, o meu parente lembroume que os limiaos nunca demos convencido, aos consumidores do noso produto estrela, de que unha cousa son as patacas producidas Limia e outra cousa son as envasadas nas terras da Antela. A pesar de falarmos dun produto acollido a unha indicación xeográfica protexida, no mercado véndense patacas procedentes de calquera lugar do mundo, que tratan de pasar por “patacas da Limia”. O mesmo acontece cos espárragos de Navarra. Hai unha marca que se vende co incontestable nome de “Cojonudos-palabra de rei”, mais estamos fartos de ler nos prospectos que moitos proceden do Perú ou da China.

Isto non quere dicir que non haxa bos espárragos polo mundo adiante, nin creo que o meu egrexio tío pretenda afirmar que todas as patacas da Limia sexan excelentes tubérculos. Non, que va! Hainas boas e menos boas; mais unhas son limiás, e merecen levar o selo que as identifica co seu territorio. E outras, por moi boas que parezan, non poden estampar semellante cualificación nas súas saquetas. 

Hai quen pensa que o respectable público galego debería saber xa, se imos contar cunha “candidatura-nacional-galega-de-unidade” ou, no seu canto, se teremos que arranxarnos con outras propostas máis light

Esta reflexión vén ao conto, porque hai quen pensa que o respectable público galego debería saber xa, se imos contar cunha “candidatura-nacional-galega-de-unidade” ou, no seu canto, se teremos que arranxarnos con outras propostas máis light. Porque, candidaturas con posibilidades de alcanzar o cincuenta por cento da puntuación, podemos armar varias en Galicia. Mais, polo visto, o que non parece tan doado é que sexamos capaces de conformar unha que poida merecer o nome composto e os dous apelidos. Trátase logo de requirir aos promotores das distintas iniciativas que teñan os azos de ofrecernos unha candidatura que sexa realmente unitaria e que naza libre de servidumes, para poder defender os intereses de Galicia. Vaia! Talvez se trate de que saibamos xa, se imos estar nas Cortes co selo da identificación xeográfica protexida –un grupo parlamentar propio- ou se nos contentaremos con ser unha franquía disposta a envasar en Galicia produtos alleos, ata o punto de relegar a un segundo plano a  procura das solucións aos nosos eternos problemas. 

Ah! Mentres tanto, aquí seguimos e aí andamos, discutindo de álxebra e de algarismos; dilucidando sobre o que debe ser e nunca é. Gurrando e porfiando, entre os que son ben poucos e cren que son todos, e os que pensan que son todos e realmente só son uns poucos. Pois iso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.