0 Gardados para despois

Carlos Neira Suárez

Asemblea da comuna

Eu comecei a miña actividade política no terreo sindical, mais tiña convencemento de ser insuficiente isa aportación, e buscaba máis acción e máis relacionada co galeguismo que sen sabelo ía collendo.

Botei unha man no Grupo de Teatro do Círculo de Perlío, que colleu muito aquel nos anos 70, e, forzado, tocoume tamen actuar, subir ao esceario.  Fixen varios persoaxes na obra de Brecht “O circo caucasián”, e nunha escea fun comisario do Soviet nun koljós, onde os protagonistas da comuna debatían acedamente sen atopar conclusión algunha.  Eu, comisario responsabel, xa canso finalmente, e aproveitando un silenzo preguntei:

“e eu que fago coa miña acta? 

A comuna hoxe está no redondel, expectante e participativa, escoita aos voceiros e todos eles parecen servir á revolución, mais cada un atopa matiz, condición, disteramento ou guinda que pórlle ao pastel ainda non cociñado. E como toca marchar, que o Soviet Supremo tenme convocado, decido facer acta  senon de conclusións, sí de relato veraz, fedatario, do que na asemblea se dí.

1.-  Unha parte boa da comuna dí que non espera por instruccións de ninguén e xa está a argallar os traballos.  Chámanse entre eles Encontro e son xente nova, con algunha freba nervosa de vellotes pouco dados á norma ou disciplina.   Amañan tractores, reparten o traballo nas leiras, organizan as quendas, e din que cando os outros se poñan a elo, se acaso se reparten outra vez, amáñanse máis tractores e distribúense novas ferramentas.

A comuna hoxe está no redondel, expectante e participativa, escoita aos voceiros e todos eles parecen servir á revolución, mais cada un atopa matiz, condición, disteramento ou guinda que pórlle ao pastel ainda non cociñado

2.- Outra parte intervén para falar de cómo a revolución ten que ser,  sabe ben quen e como son os enemigos, e como han de agruparse as diversas capas comunais, ao tempo que  explica con acerto e coincidencia cos anteriores os procedementos para a organizacións dos traballos da comuna.  Din chamarse os Anovos.  O seu voceiro é un vellote enérxico, veterán asembleísta, vibrante, extenso e rigoroso no discurso, escoitado con atención polos seus, xente tamen mui  nova, mais acompañada de taludos camaradas.  Non acometen os traballos porque agardan definir ben as alianzas, blindar os acordos e asegurar a boa marcha das repúblicas para que o koljós non fique fora da revolución.

3.- Un sector pequeno da asemblea está formado por xentes tamen bastante novas,  de variada presencia e condición, que din ser capaces prácticamente eles sós de amañar a producción e a convivencia, e así se chaman Podemos, fan poucas intervencións, que máis ben dan conta de cousas que se din na Praza Roxa, e comunican que está ben, que están para escoitar, que atenderán o que se decida na comuna, mais sempre nas coordenadas da Revolución, cuxos intérpretes máximos polo Soviet andan.  Saúdan en cada aserto ao petrucio dos Anovos, e esperan instruccións.

4.- Nótase que unha grande parte da asemblea está calada, e asinte con olladas e inclinacións de testa cando un voceiro seu, vestido sinxelamente, con casaca sen adornos, toma a palabra no nome do que dí ser o Bloco, e explica que xa eles saben, que levan muito tempo a dicilo, o que a comuna necesita, as alianzas e os medios que se deben usar, para o mellor futuro da colectividade, incardinada na revolución. Antes e despois ca él, xentes mui celebradas saen á palestra falar da unidade, da revolución, da comuna, do mundo, do benestar, e dinse dispostos a camiñar XA cos Encontros e comezar laboura efectiva.  Algún deles rosma polo baixo non sei que.

5.-  O resto da comuna non parece ter voceiros, ainda que polo que se vé, coinciden con algún agochado rosmón que dí estar todo ben como antes.

Eu recollo a miña acta, sabendo que ao mellor en canto dea a volta, ou fique durmido no tren de retorno, calquera dises da en arrimarse a outro, ou falarlle mal, ou non falarlle e daquela haberá tractores en marcha, xentes nos campos, fume nas chemineas. Ou irá tomar polo cú o koljós e de paso a revolución.

Acerca de Carlos Neira Suárez