O galego que defendeu Barcelona: Antonio de Villarroel

Se o home é o único ser que posúe unha mente xeométrica e racional, por que os indefensos combaten o poderoso e ben armado? Por que os poucos se opoñen aos moitos e os pequenos resisten contra os grandes? Eu seino. Por unha palabra. Así comeza Victus, de Sánchez Piñol. Son as palabras de Martí Zuviría quen escribe a crónica desde a defensa de Barcelona desde o exilio. Un dos asedios máis cruentos e desiguais da historia, que vai desde o verán de 1713 ata a entrada das tropas borbónicas en setembro de 1714. Na novela Zuviría estaba ás ordes de Villarroel, quen foi elixido comandante supremo das forzas catalás, e dirixiu a defensa da cidade. Naceu en Barcelona, pero era de raigames galegas, seu pai era un militar destinado na cidade. A  pesar de ser unha figura controvertida, xa que serviu a Felipe V ata que decidiu poñerse do lado dos austracistas, chegou a ser unha figura clave nun dos momentos máis importantes da historia de Catalunya. Dirixiu a Coronela, un exército do pobo duns catro mil homes con escasa formación militar que defendía a liberdade de Catalunya baixo o estandarte “Viurem lliures o morirem lliures". A novela  concede unha xusta importancia a esa milicia barcelonesa que defendeu a cidade a pesares do medo, a fame e as enfermidades. Foi o poder popular, a cámara baixa non as clases dirixentes, quen decidiu non someterse ao Borbón e plantarlle cara. Catalunya xa perdera toda esperanza no apoio internacional. Ana de Inglaterra non puido cumprir o seu compromiso de manter os privilexios e leis do Principat de Catalunya. En 1714 deputados ingleses manifestaron o seu desacordo no que se chamou “o caso dos cataláns”. Por iso no 2010 14 deputados do Parlamento de Westminster, de países como Gales, Escocia ou Irlanda del Norte demostraron a seu apoio ao dereito de Catalunya de decidir o seu futuro.

Victus, a novela de Sánchez Piñol, alén dunha lectura moi recomendable é apaixonante quer pola recreación desas batallas e personaxes históricos, como o propio Villarroel, quer pola ollada traxicómica do conflito a través da narración de Martí Zuviría. Lémbrame a una especie de Cándido, ao máis belo e lúcido estilo de Voltaire.

Din as biografías do xeneral que rematou os seus días preso no Castelo de Santo Antón, na Coruña. Inxustamente esquecido, a historiografía catalá non lle prestou atención. En Barcelona, na actualidade, só existe unha rúa co seu nome.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.