O Congreso non é o Medulio

Nas pasadas eleccións municipais o BNG obtivo o 12,9% do voto válido. Nos concellos onde se presentou a media foi do 13,4%. Mais as expectativas para as xerais son ben inferiores a eses 190 mil votos municipais.

Hai 4 anos nas eleccións ao Congreso o Bloque obtivo case eses mesmos votos (11,2%, con maior participación) e 2 deputadas. En contraste, a última vez que ficou fóra do Congreso, en 1993, obtivo 127 mil (8,0%). Nun punto intermedio, arredor dos 150 mil votos ou do 10% do voto válido, sitúase o fío da navalla sobre o que se decide o futuro da fronte nacionalista.

Tres son os factores que xogan en contra do BNG: a tendencia social e electoral minguante (que dura xa 15 anos), o feito de que desde Nunca Máis obtén menos votos nas xerais que nas municipais (o contrario do que pasaba anteriormente) e un desprazamento do centro de gravidade do seu electorado cara segmentos máis envellecidos e rurais (o que o afasta das innovacións políticas e electorais que se veñen sucedendo desde o 15M nas zonas urbanas).

Á luz destes tres elementos, vexamos cal foi o comportamento electoral do Bloque nas pasadas eleccións municipais, diferenciando os concellos nos que se presentou en función do número e cualidade das candidaturas rivais coas que tivo que concorrer:

Fonte: Ministerio del interior. Resultados provisionais.
Resultado medio do BNG nas eleccións do 24M Voto válido
Onde o PSOE non presentou candidatura 38,0 %
Onde foi a única alternativa a PP e PSOE 20,4 %
Onde houbo coalicións SON (EU e/ou Anova) 13,8 %
Onde houbo candidaturas de Compromiso por Galicia 12,8 %
Onde houbo candidaturas de Cerna 11,1 %
Onde houbo candidaturas (oficiais ou non) de Podemos 10,3 %
Onde houbo mareas municipais 10,0 %
Onde houbo outras candidaturas de esquerdas 7,6 %

 

Sen máis rivais políticos ca el fronte ao PP e o PSOE, o BNG foi quen de superar o 20% do voto válido. Mais en canto compartiu cartel con outra oferta electoral nacionalista ou progresista automaticamente o seu nivel de voto reduciuse de xeito significativo, como mínimo nun terzo.

A redución atinxiu a metade cando o Bloque tivo como concorrente directo ben unha candidatura nacida ao abeiro dos círculos de Podemos ou ben unha marea, situándoo á beira do 10% do voto válido, esa referencia crucial. Porén, a contracción aumentou a té preto de dous terzos cando competiu con outras candidaturas municipais de esquerdas (locais, galegas ou estatais).

Sen máis rivais políticos ca el fronte ao PP e o PSOE, o BNG foi quen de superar o 20% do voto válido. Mais en canto compartiu cartel con outra oferta electoral nacionalista ou progresista automaticamente o seu nivel de voto reduciuse de xeito significativo, como mínimo nun terzo.

Non é difícil imaxinar que nas eleccións xerais, na hipótese pouco desexable de se presentaren varias candidaturas alternativas ao bipartidismo, unha delas liderada polo BNG e outra ou outras participadas por Podemos e/ou as mareas, e onde esas candidaturas concorren en todos os concellos nas catro provincias, o Bloque caería por baixo do 10% e ficaría automaticamente fóra do Congreso.

Eses son os datos reais das últimas eleccións. Diversas enquisas elaboradas nos concellos galegos durante o outono pasado, amosaban que o BNG cedería só aos de Pablo Iglesias entre o 30% e o 40% dos votos obtidos en 2011 (de forma directa, sen contar os posibles indecisos). O actual nivel demoscópico de Podemos é equivalente ao que existía entón, polo que aquela sangría de voto probablemente se materializaría agora coa mesma intensidade.

Outro indicador desta situación de ruptura coa súa base electoral dánolo a fidelidade de voto, a porcentaxe de antigos votantes que repetirían voto. Os seguintes son datos reais de enquisas calculados sobre mostras pequenas, mais unha media de todas elas sitúa a fidelidade ao Bloque arredor do 40% (nótese que en 2011 o recordo de voto ao BNG referíase a practicamente todo o nacionalismo).

Fidelidade de voto ao BNG nas eleccións xerais %
CIS, Galicia, xerais -> xerais, media outubro 2014-abril 2015 39 %
GESOP, Galicia, xerais -> xerais, decembro 2014 60 %
Calidonia Hibernia, concellos medianos da provincia de Lugo, municipais -> xerais, setembro-novembro 2014 22 %

 

Cal foi a resposta da UPG perante a perspectiva da quebra electoral e financeira que suporía ficar fóra do Congreso? Invocar por enésima vez os innegables valores da unidade. A novidade esta volta radicou en que, por primeira vez na historia do Bloque, a U tivo que botarse de fóra da fronte para promovela: así naceu o chamado por unha manifestación unitaria o 25X, reciclado logo como o Banquete de Conxo 2.0 e reconvertido agora na Iniciativa pola Unión. Todos eles remítennos a unha unidade nacionalista, en campo nacionalista, cando non exclusivamente nacionalista. Un regreso ao pasado pre Amio para unha reunificación nacionalista con reminiscencias da AN-PG. Unha manobra á desesperada que procuraba, con permiso de Anova, manter invariable o control político do nacionalismo por parte da UPG. Con efecto, o tempo é circular no outeiro do Medulio.

Neste percorrido á Benjamin Button a UPG conta coa complicidade de Cerna (desexoso de reingresar na nave nodriza no horizonte do 2016) e de boa parte de Compromiso por Galicia (os restos do que en esencia foi o gran lobby quintanista de Máis Galiza, agora á espera da súa oportunidade en Somos Nós). Estes dous partidos achegan ao rescate do BNG 25 mil votos e unha coincidencia plena no discurso nacionalista clásico, aquel que confunde e identifica de forma reducionista os partidos que teñen unha visión nacional de Galicia cos partidos nacionalistas, o grupo parlamentario no Congreso co grupo nacionalista galego, e, en definitiva, Galicia co nacionalismo.

Ningún destes vellos coñecidos da política galega fixeron aínda diagnóstico da deriva electoral e social do nacionalismo durante a última década

Ningún destes vellos coñecidos da política galega fixeron aínda diagnóstico da deriva electoral e social do nacionalismo durante a última década. Descoñecen ou, peor, ignoran o alcance e a natureza da separación entre o que predican e o que Galicia é hoxe e pode ser mañá. Semella tarde de máis para salvar a ruptura xeracional que existe entre o mundo que representan e a sociedade, mesmo colocado á fronte destas plataformas algunhas caras mozas e sobradamente preparadas. En realidade, esta fuxida cara atrás non pretende outra cousa que pechar en falso unha dupla crise estrutural, ideolóxica e organizativa.

Podería entenderse ese chamado á confluencia do mundo Bloque se antes ca eles non foran Podemos e as mareas os primeiros que non só enunciaron senón que practicaron a verdadeira unidade, a confluencia real, a popular, a que achega as organizacións políticas ao pobo, tanto no discurso e na retórica como no método participativo que lle dá voz directa á cidadanía. Podería comprenderse esa estratexia do xuntos-máis-fortes se non tiveran sido eles os primeiros a rexeitala e autoexcluírse nas pasadas eleccións municipais. Trala emerxencia de Podemos as mareas foron eses pequenos milagres que colocaron a Galicia na vangarda da política española. Caducaron as formas partidarias de facer política. A maioría social xa non é propiedade nin couto exclusivo de forza ningunha, e a confluencia e a unidade de nacionalistas e non nacionalistas é xa a única forma admitida para traballar e gañar o cambio político.

Que non se me entenda mal. O BNG é necesario e conta e suma na unidade popular

Que non se me entenda mal. O BNG é necesario e conta e suma na unidade popular. A forza dunha papeleta única para o cambio compensa sobradamente o rexeitamento que o vello nacionalismo xera en algúns sectores da poboación. Fronte aos 5 mil militantes do BNG-aparato pode haber un BNG-sociedade de 100 mil votantes, e fronte a eles unha maioría social de progreso duns 400 mil. A chave está en recoñeceren criticamente a súa deriva e a súa situación, e se recoñeceren non como problema senón como parte da solución: participaren dunha Marea Galega onde non van ser nin a cara visible nin a man invisible, onde terán un espazo onde expresaren as súas ideas escoitando as dos máis, e onde se habilitarán ferramentas de participación (primarias, referendo) coas que decidir, xunto a toda a cidadanía galega e en pé de igualdade, o futuro de Galicia.

A relación do BNG coa Marea Galega non debe circunscribirse ás próximas eleccións xerais, senón que debe estenderse de forma inequívoca ás próximas eleccións autonómicas

O debate sobre a relación entre Galicia e España non se debe dar antes das eleccións, nin ser o motivo de disputas e rupturas posteriores. É a cidadanía quen debe decidir iso chegado o momento, non os partidos. Se esta idea se entende e se comparte, pouco máis hai que dicir, non sendo que a relación do BNG coa Marea Galega non debe circunscribirse ás próximas eleccións xerais, senón que debe estenderse de forma inequívoca ás próximas eleccións autonómicas. Dese xeito despexaríase calquera sospeita de oportunismo e visualizaríase inequivocamente o seu compromiso co cambio político.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.