Compostela, a velas vir

Cen dias. Dúas mil catrocentas horas. Cento corenta e catro mil minutos. O tempo de cortesía que se lle ven dando aos gobernos que estrean mandato estase a cumprir dende que o 13 de xuño se constituiran a maioría das corporacións municipais.

A campaña de Martiño Noriega e os partidos e movementos coaligados baixo as siglas CA foi tan innovadora e ilusionante como baleira de propostas concretas e proxectos de cidade

Voume centrar en Santiago. As urnas falaron e fixérono claramente. As ansias de peche dos catro anos negros do PP deron un espectacular resultado a Compostela Aberta, un castigo severo ao PP, un mazazo ao PSdeG e case un mantemento do tipo a duras penas ao BNG. Terremoto político sen precedentes na capital de Galicia, como en moitas outras do País e do Estado.

A campaña de Martiño Noriega e os partidos e movementos coaligados baixo as siglas CA foi tan innovadora e ilusionante como baleira de propostas concretas e proxectos de cidade. De ahí que o seu discurso de investidura fora improvisado e de que tres meses despois os xestos de cambio foran contados, ainda que ben explotados, e os feitos e medidas concretas case inexistentes. Para proba o primeiro Pleno ordinario do mandato no que o goberno só levou a aprobación dos festivos locais para 2016. San Roque e a Ascensión, proposta rupturista onde as haxa...
Certo é que a situación política, económica e social na que deixou o PP ao Concello de Santiago non se pode arranxar en cen dias, se cadra nin nun ano. Pero a este goberno fáltalle pulo. A onda que os levou ao mando da nave aínda os está a facer navegar, porque foi moi potente. Pero non se goberna unha cidade ao ralentí. Hai que encher de enerxía os motores, e non se percibe esa enerxía, nin nas formas nin, o que comeza a ser máis preocupante, no fondo.

A laicidade proclamada e practicada polo goberno é tan coherente e respectable como a postura de quen respecta a historia e as tradicións dunha cidade destino dunha peregrinaxe secular de motivacións puramente relixiosas na súa orixe e diversas na actualidade. En calquera caso, as relacións Igrexa - Goberno Local á vista está que son moi boas e que a empatía xerada entre o alcalde e algún xerarca da Igrexa católica en Santiago é ben curiosa. Outra historia son as reiteradas ausencias do grupo de goberno en distintos actos institucionais ou cívicos, a maioría deles celebrados en Santiago como capital de Galicia que é, e aos que asistiron na maioría dos casos os "alcaldes rebeldes" de Ferrol e A Coruña pero ninguén do goberno de Compostela Aberta. Penso que ésta, "Goberno de Compostela Aberta",  ven sendo ata o de agora a mellor definición posible: é o goberno de Compostela Aberta. Non o de Santiago de Compostela. Quizáis o goberno de todos os moitos cidadáns e cidadás que votaron á coalición pero non o goberno de toda a cidade. Nin tanto asemblearismo houbo nestes meses, como nun principio podería parecer, nin tanta urxencia en reverter situacións, máis aló dun "quítame aló esas subvencións" ou, xa máis grave, a paralización "sine die" de proxectos clave como a demolición da Casa da Xuventude ou as reformas de Vista Alegre e Montero Ríos.

Penso que ésta, "Goberno de Compostela Aberta",  ven sendo ata o de agora a mellor definición posible: é o goberno de Compostela Aberta. Non o de Santiago de Compostela

E curiosamente, certa incomodidade ao sumarse a propostas concretas da oposición como foi a moción socialista para a aplicación de medidas pola visibilidade e contra a discriminación do colectivo LGTBI de Compostela, avalada polos colectivos da cidade e apoiada polo BNG no Pleno, que CA votou a favor pero non sen antes reivindicar que a acción política a marca exclusivamente o goberno. O problema é que o goberno semella actuar coa calma que da ter maioría absoluta, e non a ten, e non lle pode negar á oposición o seu dereito, e deber, de levar a Pleno os compromisos concretos do seus programas electorais con vontade de acordalos e consensualos. O acoso escolar por LGTBI-fobia, por exemplo, é tan alarmante que a necesaria colocación da bandeira do arco da vella tres ou catro dias de xuño non pode ocultar este drama nin moito menos ser suficiente.

De súpeto vémonos outra vez mergullados nunha campaña electoral, ou en dúas xa que o asunto catalán é tan grave e incerto que sen dúbida nos afecta a todos

De súpeto vémonos outra vez mergullados nunha campaña electoral, ou en dúas xa que o asunto catalán é tan grave e incerto que sen dúbida nos afecta a todos. De cara ás xerais, a gran incógnita en Galicia volve a ser como artellan os partidos que se autoproclaman á esquerda do PSOE (as mareas, Podemos, o nacionalismo BNG e post BNG, o internacionalismo e demáis correntes a priori rupturistas) unha candidatura tan dificil de formar como parece que prometedora en resultados. Niso está quizais consumindo enerxías de máis o alcalde de Santiago. O problema é que os veciños e veciñas de Vite e a Pontepedriña, por poñer un exemplo das moitas necesidades urxentes, afrontan outro inverno duro coa perspectiva de non poder vivir en condicións por non ter ascensores nas vivendas, nin presuposto á vista que lles faga ter esperanza algunha. A eles e a moitos outros colectivos e cidadáns de Santiago, o "internacionalismo" e a "confluencia de sinerxias nunha candidatura popular" pode que lle soen a película de Star Trek.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.