0 Gardados para despois

David Lombao

Política? Que noxo!

Teoría, arte ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade.

Conxunto de asuntos públicos dun estado e actividade de quen se dedica a eles ou de quen participa na vida pública.

Maneira de dirixir unha comunidade, de levar os asuntos públicos.

Quen subscribe prometeuse a si mesmo non citar a Franco nestas liñas. O curso parlamentario galego comezou esta semana abordando, un chisco tarde e arrastrando bastante, dous dos problemas que ocuparon os titulares do verán, aínda que case nunca deixaron de estar aí: a crise láctea e o futuro da sanidade pública, neste caso concretado co fenomenal conflito derivado da accidentada inauguración do hospital de Vigo. Foron horas de debate que, dalgún xeito, culminaron na sesión de control ao presidente, que aproveitou a ocasión para lanzar senllas alertas: quen protestan, xa teñan tractor ou bata branca, teñen intencións "políticas".

A acusación é tan manida como significativa e non é, nin moito menos, patrimonio exclusivo de Alberto Núñez Feijóo. Na mesma sesión plenaria, sen irmos máis lonxe, unha deputada da banda esquerda do hemiciclo lamentou que o Goberno se dedicase a "facer política" cun determinado asunto. De ambos reproches subxace unha filosofía cando menos, perigosa: a política é algo sucio, case noxento. Está ben para o tirapuxa diario, as roldas de prensa ou -sobre todo- a contenda electoral, pero é mellor non mesturala cos asuntos importantes, coas cousas de comer.

Resulta terriblemente paradoxal que o Parlamento pase a ser un lugar vetado á política e dende o que se reproche á cidadanía que se implique nela

Resulta terriblemente paradoxal que o Parlamento, o órgano elixido directamente pola cidadanía para designar as persoas que se teñen que ocupar dos asuntos públicos, pase a ser un lugar vetado á política e dende o que se reproche á cidadanía que se implique nela. É tanto como consagrar a sede da soberanía popular ao mantra do bo tecnócrata, do xerente que lle explica ao pobo, como xa fixera Margaret Thatcher bebendo da máis xenuina tradición liberal, que non hai alternativa: hai un método de xestión e hai que aplicalo. Sen ideoloxía, sen a sucia política.

Nesa definición, reducionista por ignorancia ou interese, non colle a política como espazo de reflexión, como manifestación cidadá nin como vía para mellorar a vida da xente e dos pobos

O preocupante retrato dun presidente alertando das maldades de meterse en política ben debera servir tamén como alerta para os partidos e movementos que, acabados de chegar á area partidaria, se esforzan en sinalaren que non están formados "por políticos" para expresar que non son desas persoas que levan a vida enteira transitando da cadeira ao coche oficial e facendo negocios escuros nos reservados dos restaurantes. Desdeñar o feito político ou identificalo co partidismo curtopracista, no que facer política é sinónimo de apañar votiños para a saca propia, é tanto como constatar e asumir o fracaso da política mesma. Nesa definición, reducionista por ignorancia ou interese, obviamente non colle a política como espazo de reflexión, como manifestación cidadá nin como vía para mellorar a vida da xente e dos pobos.

Ao cabo, como disque deixou escrito Brecht, se houbese quen con orgullo inchase o peito e dixese que aborrece a política non sería máis ca un "analfabeto político". E ese analfabetismo é perigoso na cousa pública se é real, pero moito máis se é impostado.

Acerca de David Lombao