0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Unidade? De quen e para facer que?

ivimos (Europa, España e Galiza) inmersos nun crise sistémica que afecta ao actual sistema capitalista. Unha crise non so económica e social –a faciana mais visible- senón tamén política e institucional.
Unha crise político-institucional que atinxe tanto as institucións políticas (gobernos, parlamentos) mais representativas canto aos propios partidos políticos tradicionais de dereitas (liberais e conservadores) e, moi especialmente, de esquerdas (socialdemócratas e comunistas). E canto a estes últimos as evidencias a nivel europeo i español son indiscutibles sendo quizás a socialdemocracia, pola súa maior importancia política, un caso paradigmático pero non exclusivo.

Estamos, xa que logo, diante dunha crise tanto de lexitimidade política como de representatividade. Unha proba do primeiro é o feito de que a maioría dos partidos políticos que gobernan nos distintos pobos de Europa fano con políticas que nada teñen que veren cos programas cos que se presentaron as eleccións, podendo dicir que o caso español é galego son paradigmáticos pero non exclusivos –podíamos citar ao goberno francés, o alemán, o inglés… que están desenvolvendo políticas distintas as que prometeron desenvolver-. Unha proba do segundo sería a crecente caída na participación da cidadanía nas distintas contendas electorais.

Se a nivel español tanto a socialdemocracia (PSOE) como o comunismo (IU) aparecen, hoxe por hoxe, como forzas políticas sistémicas incapaces non só de elaborar un proxecto alternativo ao neoliberalismo e a crise por este provocada senón de enganchar ca cidadanía e moi especialmente con aquela que está sendo mais castigada polas políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de servizos públicos. A nivel galego temos o mesmo problema: os partidos sistémicos (PSdG-PSOE e BNG) aparecen tanto impotentes diante dos novos tempos e os novos retos para Galiza e moi especialmente para as súas clases populares como pouco fiables como alternativa de goberno ao PP –moito mais logo do fracaso do bipartito (2005-2009): incapaces ambos de mantelo goberno por mais dunha lexislatura-.

As campañas de desprestixio, desprezo e ninguneo que estes dous partidos dirixiron ao 15M resultaron penosas

Unha proba empezouse a albiscar na (coincidente) reacción corporativista dos partidos tradicionais diante do fenómeno social do 15.M –maio do 2011-. Si a reacción das dereitas foi a esperada –tratábase de defenderen o seu status fronte aqueles que o cuestionaban- a das esquerdas –en Galicia representadas polo PSdG-PSOE e o BNG- foi relativamente sorprendente pero moi significativa dos fenómenos sinalados: converteranse en partidos sistémicos –propios dun orde-, en partidos con intereses particulares que poñen por riba dos intereses daqueles que din defender. En partidos pouco permeables a crítica, escasamente transparentes e moi pechados. Para PSdeG-PSOE ninguén lle pode cuestionar que é o autentico representante da clase traballadora aínda que cada vez teñan menos traballadores entre os seus dirixentes e reciban menos votos de traballadores. Para o BNG ninguén lle pode cuestionar que é o auténtico representante do nacionalismo galego, dun nacionalismo popular cada veada menos popular entre mais cidadáns galegos. As campañas de desprestixio, desprezo e ninguneo que estes dous partidos dirixiron deica os/as mozos/as do 15M resultou penoso e patético. Pero tamén, para algúns como o que isto escribe, indicativos de que ámbolos dous partidos xa non representaban a quen afirmaban representar. Como lle tiña sucedido a esquerda francesa cando o maio francés (1968) “non entenderon nada” e logo pasou o que pasou –en Francia unha longa e dura hexemonía das dereitas-.

Pero o lume que alumeara o 15M seguía vivo e proba deso foron os resultados das derradeiras eleccións municipais e autonómicas –xa houbera un aviso nas eleccións europeas (maio 2014)- celebradas en España (maio 2015) como tamén en Galiza cando os partidos tradicionais (PP, PSdG-PSOE, BNG) recibiron unha enorme vareada, con perdas moi elevados de votos (PP e PSOE perderon 13 puntos, BNG perdeu 3 puntos) e de poder político (no caso do PSOE amortiguadas polas alianzas posteriores). Ao tempo xurdiron dende abaixo novos suxeitos políticos que, ao marxe dos partidos tradicionais e con novas formas de funcionamento e de toma de decisións, ocupan hoxe por hoxe postos de representatividade de indiscutible relevancia (Madrid, Barcelona, Valencia, Cadiz… por citar algúns a nivel español, Santiago, A Coruña, O Ferrol … en Galiza).

Estes resultados para moitos de nos foron un unha indiscutible evidencia de que sectores crecentes da cidadanía española e galega están reclamando tanto novas formas de gobernar como novas formas de representatividade e de participación cidadán. Unha evidencia que nos leva a reivindicalas.

Sectores crecentes da cidadanía española e galega están reclamando tanto novas formas de gobernar como novas formas de representatividade e de participación cidadán. Unha evidencia que nos leva a reivindicalas

Velaí que cando aparecen algunhas voces en Galicia reclamando esas novas formas (como por caso as citadas Mareas) un numero crecente de galegos/as nos sumemos a esas voces e xuntos queiramos animar a que cada vez mais cidadáns galegos/as se sumen a este empeño. Velaí unha das razóns de seren do ENCONTRO POR UNHA MAREA GALEGA do que son un dos primeiros asinantes.
Como di claramente o MANIFESTO –transcribo textualmente-, “as eleccións municipais do 24 de maio, como as europeas hai un ano, mostraron que o cambio político en Galicia e no Estado é posible, sempre que se dean dúas condicións: 1. Empoderamento e liderado da cidadanía: a implicación, empuxe e responsabilidade de moitas persoas foron o motor do cambio nas eleccións do 24 de maio e deben selo nas futuras, 2. Confluencia das organizacións políticas, novas e vellas, en apoio das candidaturas cidadás ou mareas, sen dirixilas nin tutelalas, antepoñendo o ben común aos intereses dos partidos. Estas dúas dimensións están presentes nas candidaturas de base asemblearia que emerxeron dos movementos cívicos desde Nunca Máis, Non á Guerra e o 15M até hoxe”. Un MANIFESTO que, na miña opinión, coincide co sentir de moitos galegos e galegas que queren un cambio real e profundo para a súa terra.

Un ENCONTRO que si inicialmente foi ninguneado tanto polas forzas políticas galegas tradicionais (PP, PSdG-PSOE, BNG) xunguidas aos sistema como polos seus altofalantes, posteriormente e diante da crecente aceptación do mesmo por un número cada vez maior de cidadáns galegos (mais de 1.000 sinaturas de apoio nas primeiras semanas) provocou un cambio de estratexia e agora trátase ben de neutralizalo, ben de rompelo, ben de descabezalo utilizando distintas metodoloxías aínda que case todas xa moi coñecidas. Unha destas metodoloxías é a de un chamamento a UNIÓN con outros movementos que se reclaman cidadáns: non cuestiono –estou seguro- a boa vontade de moitos/as dos/as que fan ese chamamento simplemente digo que de facerse marcará un “cambio de rumbo” en relación ao que se marcou o ENCONTRO POR UNHA MAREA GALEGA, un cambio de rumbo que, na miña opinión, suporía desnaturalizar o proxecto inicial.

Resulta indiscutible que calquera chamamento á UNION ten, de entrada, unha boa acollida entre todos aqueles que apostamos por ela

Resulta indiscutible que calquera chamamento á UNION ten, de entrada, unha boa acollida entre todos aqueles que apostamos por ela –teño unha moi longa experiencia neste tipo de accións-. Pero eu pregunto: unha UNION de quen e para qué?, unha UNION diferente a que reclama o ENCONTRO?. Estamos todos de acordo, ou non, en que o ”empoderamento e o liderado da cidadanía galega” é innegociable?, de que queremos a “confluencia das organizacións políticas novas e vellas, en apoio das candidaturas cidadás ou mareas, sen dirixilas nin tutelalas”?. Estamos de acordo en que eses son só instrumentos para un fin: “promoveren unha candidatura galega que consiga entrar no Parlamento español e defenderen nel a apertura dun proceso constituínte”?. Somos, finalmente, conscientes de que o protagonismo político lle corresponde a outros?, de que o ENCONTRO, ou calquera outra UNIÓN, non pode nin debe querer substituír aos partidos políticos?. Somos quen de deixar os protagonismos persoais, que tanto dano fixeron e fan a esquerda galega, a unha veira e procurar o empoderamento e liderado da cidadanía galega?.

Si estamos de acordo cal é o problema para que todos NÓS esteamos xuntos neste ENCONTRO?, por que é necesario crear un novo suxeito social?.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista