0 Gardados para despois

Carme Adán

Máis alá da retórica: nós

Isto non vai de sesudas reflexións. Nin de primeiras ou segundas contradicións. Isto non vai  de números sobre o PIB. Do sector lácteo ou a pesca. Dunha emenda aos orzamentos ou dun espazo   maior ou menor na prensa local. Isto vai do que Somos.

As decisións que tomemos agora e durante a próxima lexislatura, que todos e todas albiscamos como fundamental, seguramente condicionarán boa parte da política de Galiza nos vindeiros anos

Estamos nun cruce de camiños. As decisións que tomemos agora e durante a próxima lexislatura, que todos e todas albiscamos como fundamental, seguramente condicionarán boa parte da política de Galiza nos vindeiros anos. E cando digo política non me refiro aos partidos ou as organizacións, senón ao modo como as estruturas do estado e as galegas van determinar a nosa vida en común, isto é, a verdadeira política do cotiá.

A ninguén temos que explicarlle que as nosas pensións son as máis baixas do estado, ou que en identica situación están os salarios ou a fenda salarial das mulleres. Como galegos e galegas, vivímolo e padecémolo. Non hai dubida de que emigramos máis que no resto do estado, só temos que mirar a nosa árbore xenealóxica durante o século XX ou preguntarlle aos seus fillos, sobriñas, irmás pequenas... onde traballan os seus amigos e amigas. Quen non escoitou nunha cafetaría ou no supermercado esa sentenza de: “isto pásanos por ser galegos”, permitídeme que lle engada o de “e galegas”, que entre a épica e a desolación resume tan ben a historia económica da nosa terra.

Agora toca algo tan básico como recoñecérmonos nun pasado camiñado en común e na vontade de construírmos o noso futuro

Non é hora de máis argumentos, nin de máis novas-vellas categorías analíticas extraídas dos estertores da posmodenidade, tempo teremos para debatir sobre o capitalismo nesta fase ou das vitorias do neoliberalismo ou dos suxeitos-obxectos da acción; agora toca algo tan básico como recoñecérmonos nun pasado camiñado en común e na vontade de construírmos o noso futuro. O recoñecemento e a vontade entenden de palabras, mais nacen noutro espazo e a forza que os move é doutra natureza. Só temos que ollar as imaxes de Cataluña para comprendelo. A impotencia do que significaría para Galiza perder presenza propia nas eventuais reformas ou rupturas constitucionais tamén excede aos argumentos. En calquera destes dous escenarios a nosa sumisión sería letal.

Se a palabra dignidade non nos move como pobo de pouco serve criticar as cotas do cerco ou a perda das sedes sociais das empresas galegas

Se a palabra dignidade non nos move como pobo de pouco vale reclamar un dique flotante para Ferrol ou un prezo xusto para o leite. Se a palabra dignidade non nos move como pobo de pouco serve criticar as cotas do cerco ou a perda das sedes sociais das empresas galegas. Se Madrid é o destino sobra a retórica.

Acerca de Carme Adán

Doutora en filosofía pola USC. Catedrática de filosofía de ensino secundario. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía entre os anos 1999 e 2005. En 2003 publica “Feminismo e Coñecemento”. Secretaria xeral de Igualdade (2005-2009) da Xunta e deputada do Parlamento galego polo BNG ata 2016.