Obstáculo impertinente ou a necesaria auga pública

A recente aprobación polo Parlamento Europeo da iniciativa cidadá para a defensa do dereito a auga volve situar o modelo de xestión da agua no centro do debate. Desde que remataron as eleccións municipais varias mareas, plataformas e asociacións pola defensa do modelo público témoslle presentado ós partidos políticos un modelo de moción na que se pide que os concellos se sumen ó Pacto Social pola Auga e en defensa da xestión pública.

O Pacto pola Auga pretende a xestión pública da auga e o establecemento dunha cantidade mínima (entre 60 e 100 litros por persoa e día) garantida mesmo en caso de non pagamento

O Pacto pola Auga, subscrito por unhas 300 organizacións, pretende a xestión pública da auga e o establecemento dunha cantidade mínima (entre 60 e 100 litros por persoa e día) garantida mesmo en caso de non pagamento. Non existen datos oficiais, pero AEOPAS calcula que 9.000.000 de persoas teñen serias dificultades para pagar este subministro básico no Estado. As cifras terían empeorado en paralelo á privatización dos servizos, acentuada polos problemas de financiamento das entidades locais, que obteñen xenerosos ingresos a cambio da concesión da xestión do ciclo urbano da auga e o saneamento. A auga está considerada como un dereito humano básico pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas desde o 2010.

Segundo AEOPAS, en torno ao 57% da poboación do Estado abastécese xa a través de sociedades privadas ou mixtas. Sen embargo, a tendencia global vai en sentido oposto, segundo a asociación, que esgrime casos emblemáticos: Berlín, París, Budapest, Atlanta están entre as cidades que teñen recuperado a xestión pública. Galiza non vive á marxe deste proceso. Ferrol xa aprobou recentemente a adhesión ó Pacto, e cidades e vilas como Teo, Ames ou Santiago de Compostela, gobernadas por novos actores políticos, parecen decididas a recuperar o servizo.

Tres grandes operadoras repártense o mercado privado en Galiza

O obxectivo final do Pacto é o de crear un modelo 100% público de xestión; un modelo solidario e participado por todos os grupos interesados. Tres grandes operadoras repártense o mercado privado en Galiza: URBASER, que é unha empresa do Grupo ACS,  a antiga Aquagest, pertencente ó Grupo AGBAR e Aqualia, de FCC. O Grupo AGBAR reordenou a finais do 2013 a súa estrutura societaria dividindo Aquagest nunha decena de empresas con distintas denominacións en cada comunidade autónoma: Aquona en Castilla-La Mancha, Hidralia en Andalucía, Hidraqua na Comunidade Valenciana. Viaqua na Galiza…  Aquagest está sendo investigada pola Audiencia Nacional por supostos subornos para a obtención de contratos públicos en Galiza, mentres que o Grupo AGBAR aparece como o maior doante da Fundación CAT-DEM, vinculada a Convergéncia Democrática de Catalunya, segundo unha información recente do diario El País.

Desde as asociacións e plataformas galegas reivindicamos que a iniciativa Auga 2015 en Galiza significa fundamentalmente unha rexeneración da vida democrática

Neste sentido, desde as asociacións e plataformas galegas reivindicamos que a iniciativa Auga 2015 en Galiza significa fundamentalmente unha rexeneración da vida democrática. Rexeneración que pasa por devolver a auga á billa pública e superar moitas dinámicas do actual modelo público (excesiva imitación dos obxectivos de rendibilidade do modelo privado). Non obstante, hai que admitir a complexidade da tarefa. Entre os obstáculos que hai que superar, está a imposibilidade de contratar o persoal cualificado para auditar e controlar as empresas concesionarias, o primeiro paso na folla de ruta da remunicipalización.

A recuperación do modelo público en Galiza dependerá da capacidade que teñan os nosos responsables locais para unirse e introducir o tema da remunicipalización da auga na axenda política galega

O intento de incrementar un cadro de persoal municipal dedicado ó control desta serie de servizos tamén se imposibilita polo marco restritivo impulsado polo Goberno central, que impide contratar persoal dentro dos concellos. Por iso, agora máis que nunca a recuperación do modelo público en Galiza dependerá da capacidade que teñan os nosos responsables locais para unirse e introducir o tema da remunicipalización da auga na axenda política galega.

Por todo isto, solicitamos e pulamos pola creación dunha rede de cidades e vilas galegos polo público que demanden, ós gobernos central e autonómico, o recoñecemento do dereito a auga como una condición inescusábel para a erradicación da pobreza hídrica; a creación dun órgano de regulación que garanta un servizo eficaz e xusto; ou a eliminación do denominado canon concesional que permite vender a auga para sanear as contas municipais e especular coa auga. A auga ten que volver a ser de todos e todas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.