A última oportunidade

Os últimos acontecementos no proceso de formación dunha Candidatura Galega de Unidade poñen de manifesto, por dicilo de forma suave, as graves eivas da esquerda en Galiza, por non falar das contradicións e incoherencias dalgúns dos seus máis conspicuos protagonistas. A atomización política da primeira etapa da transición borbónica, reducida considerablemente na segunda metade dos 90, volveu con forza nos últimos tempos. Por esta razón, e na crenza de que as diferenzas entre unha parte significativa das forzas existentes non teñen un carácter antitético no actual tempo político, é polo que se iniciaron dende hai uns meses algúns movementos de base cidadá co obxectivo de construír unha alternativa política de amplo espectro. Algo absolutamente necesario para enfrontar a actual deriva estatal cara o neoliberalismo máis atroz xunto a unha brutal ofensiva contra ás nacións do Estado, como non se tiña producido dende os tempos de Franco. Así é como xorden en Galiza os colectivos ou plataformas Somos Nós, Iniciativa Pola Unión (IPU) e o Encontro Cidadán por unha Marea Galega (ECMG).

Todas, aparentemente, coinciden en que é necesario unha confluencia cidadá e partidaria da esquerda nacional galega para facer fronte eficazmente aos retos que se aveciñan. En primeiro lugar, enfrontar unhas eleccións xerais nas que Galiza debería presentarse cunha soa voz capaz de aglutinar a todos e todas situados á esquerda das forzas neoliberais españolas. En segundo lugar, esta Plataforma Electoral Galega debe ter personalidade xurídica propia, isto é, non ser apéndice nin sucursal de ningunha forza política estatal. Esta condición sería imprescindíbel para operar de forma independente no Congreso dos deputados e no Senado co único mandato de defender os intereses de Galiza baixo os principios e o programa electoral que no seu día se aproben democraticamente polos membros de dita plataforma.

O que ocorre é que os postulados do parágrafo anterior non teñen a mesma lectura e significado para algúns dos representantes das plataformas existentes no país. O inicial éxito electoral de Podemos e a súa peculiar posta en escena cativou rapidamente a moita xente e, en Galiza, algúns elaboraron a súa estratexia electoral en función do partido morado. O rápido ascenso nas enquisas e a enorme popularidade do seu líder como fenómeno mediático axudou a formar a idea de que sen Podemos non había alternativa electoral ao chamado “Réxime do 78”. Pero, ao pouco tempo da súa irrupción no Parlamento Europeo, pronto apareceron as primeiras contradicións desta forza emerxente, cambiando ou modificando o seu discurso sobre distintos temas de política interior e internacional co obxecto de facerse máis homologable coa “sociedade española”. Este rechamante aggiornamento lonxe de incrementar os apoios electorais abriulle os ollos a moita xente e, coa mesma velocidade coa que subiu, comezou a periclitar: primeiro foron os resultados insuficientes de Andalucía e hai uns días os “decepcionantes” de Cataluña. A suma da plataforma podemita catalá ás teses das forzas constitucionalistas acabou por restarlle crédito ante as bases de “esquerda” parando en seco as expectativas electorais de Iglesias ao tempo que se consolida e avanza a dereitista Ciudadanos. Por iso, sen entrar agora na polémica de se resulta procedente supeditar o futuro de Galiza a unha alianza electoral con forzas españolas, o que si estaría en cuestión neste momento sería a conveniencia dunha alianza expresa coa forza morada nun momento en que o seu evidente devalo non garante sequera un bo resultado electoral.

Pero o que resulta máis preocupante é a escasa coherencia entre o discurso político teórico e os feitos prácticos dalgunha xente que se presenta como alternativa á “vella política”. Proclámase, aos catro ventos, que as decisións deben ser tomadas polos cidadáns, empoderados politicamente fronte ás estruturas da casta, e o que ocorre na práctica non é máis que un amaño excluínte duns poucos que lle “ofrecen” o seu acordo aos demais para que, se o consideran conveniente, se sumen ao que determinaron os preclaros líderes da revolución. Absolutamente delirante. Esta actitude só se pode entender dende a soberbia mesiánica de quen pensa que ten nas súas mans o futuro do país e pode prescindir de todos os demais, incluída a súa base social.  Pero a soberbia, aínda que teña a súa orixe en experiencias oníricas, algunhas veces pode ser moi perigosa, e esta é unha delas.

Por iso creo que é especialmente pedagóxica a experiencia catalá. Hoxe a forza que pode facer cambiar as cousas no estado español é a que demanda unha nova fórmula, social e territorial, onde poidan encaixar as nacións que o compoñen. As contradicións derivadas da emancipación de Catalunya situaron o problema nos seus xustos termos: a gran empresa, a gran banca e os poderes fácticos todos unidos contra a independencia catalá. Utilizaron todos os mecanismos de presión para facer fracasar a cita plebiscitaria e non o conseguiron, por moito que manipulen os datos. Por se non estivese claro agora utilízase a xudicatura para procesar a Mas e a outros cargos da Generalitat por convocar un referendo. Ese feito de dimensión histórica, o proceso de independencia catalá,  marca o camiño do futuro inmediato e indica onde están as fortalezas e oportunidades do cambio real no Estado ao tempo que pon ao descuberto as debilidades e a vulnerabilidade da suposta vía morada para un proceso constituínte en España. 

Aínda temos tempo. Os resultados, relativamente similares, na votación do ECMG sobre a unificación coa IPU permiten albiscar certas esperanzas. Polo menos, hai un proceso de clarificación que traballa a favor da confluencia. Mais, como acabamos de ver, o medo ás asembleas abertas decisorias, xunto aos vellos prexuízos, poden arruinar o que é un clamor social innegábel. O proceso de construción dunha Candidatura Galega debería ser un exemplo de honestidade, lealdade e transparencia, fuxindo de arroutadas egoístas e de cálculos de curto percorrido. O prestixio derivado dun proceso destas características ilusionaría a moita xente e facilitaría un resultado histórico para Galiza. Aínda non é demasiado tarde, seremos capaces de facelo?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.