A cara oculta da Consellería de Educación

A Consellería de Educación comezou o curso con mal pé, cando menos esta é a conclusión que un toma logo de comprobar as queixas que se viñeron rexistrando en diferentes centros educativos da nosa comunidade ó longo do mes de setembro. Pensándoo ben quizais non se trate tanto dun mal comezo como da continuación dunha inercia negativa que vimos arrastrando dende o anterior curso académico, o cal estivo marcado pola implementación de medidas tan controvertidas como a reválida ou o banco de libros, causantes ambas da indignación de gran parte da comunidade educativa. Pero volvendo ó presente, o comezo do curso académico 2015/2016 trae consigo máis polémica se cabe a xulgar polas novas que estamos a coñecer nas últimas semanas. As actuacións levadas a cabo pola Consellería no mes de setembro lograron asestar un latigazo máis ó sistema educativo público, canso xa de recibir un golpe tras outro. Ditas actuacións poden resumirse en dúas categorías: por unha banda atopámonos de novo cos recortes, todo un clásico na xestión educativa deste país; e pola outra unha cuestión relacionada co anterior como é a estratexia de comunicación empregada pola Consellería co fin de ocultar as queixas motivadas por ditos recortes. Permítanme comentar un exemplo de cada unha delas. 

No relativo ós recortes, a Consellería comezou o curso atacando onde máis doe, na dotación de persoal, circunstancia que provocou que numerosas familias decidisen non levar ós seus fillos á escola o primeiro día de curso en sinal de protesta. Como exemplo deste malestar totalmente xustificado podemos citar o acontecido hai poucas semanas no CEIP de Vite, onde a falla de persoal docente está a xerar unha situación problemática. Fíxense na gravidade do acontecido. O colexio de Vite é un centro de referencia para escolarizar a alumnado con necesidades educativas especiais, polo que se supón que conta cunha especial dotación tanto de recursos materiais como persoais (profesorado de apoio, coidadores...) para poder dar resposta ás particulares necesidades que este tipo de alumnado presenta. Pois ben, en lugar de mostrar un mínimo de sensibilidade e dotar ó centro dos recursos que o profesorado e as familias están a reclamar a Consellería decidiu unha vez máis mirar para outro lado e desouvir estas peticións atentando contra un principio básico da educación como é a atención á diversidade.

Respecto á segunda das categorías que mencionabamos nas primeiras liñas, a referida á curiosa política de comunicación empregada pola Consellería, existe unha anécdota que tivo lugar durante os primeiros días de curso que amosa con claridade o modus operandi da administración educativa cando se trata de facer fronte á crúa realidade. Explícolles brevemente o caso. O pasado 10 de setembro a Consellería publicaba na súa páxina web unha breve noticia na que se recollía a visita do Conselleiro de Educación Román Rodríguez ó CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei) con motivo do inicio do curso escolar. O curioso da nova son as declaracións do conselleiro, quen afirmaba que “o inicio das clases transcorreu con total normalidade nos centros das catro provincias galegas”. Calquera diría, a xulgar pola imaxe do conselleiro saudando a un dos alumnos do centro e polo contido das súas declaracións, que o inicio de curso efectivamente transcorreu sen maiores complicacións. Nada máis lonxe da realidade. Poucos días despois da visita do conselleiro a esta escola puidemos saber que o centro presenta graves danos en teitos, andeis e portas (as imaxes publicadas polos xornais locais amosan un escenario máis propio do programa Callejeros que dun centro educativo) pero curiosamente a consellería “esqueceu” abordar este problema cando visitou o centro e preferiu centrarse en sacar unha boa “foto” da visita para manter as aparencias. Manipulación en estado puro. O certo é que esta obsesión da Consellería por ocultar a realidade, por agochar todas as súas vergonzas en lugar de intentar solucionalas, trae á memoria aquela famosa frase de Maquiavelo: “O vulgo déixase seducir sempre pola aparencia e o éxito”.

Esa parece ser a prioridade da nosa administración educativa, manter as aparencias, a fachada, para intentar enganar ó pobo ó que, igual que facía o filósofo italiano, infravalora considerándoo ignorante e incapaz de ver máis alá do aparente.

Ese é quizais o maior erro que está a cometer a Consellería, tomar por idiota a un pobo que en absoluto o é e que cada vez ten máis ganas de demostralo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.