0 Gardados para despois

Rexina Vega

Ironía ou barbarie

Nos últimos tempos a nosa vida pública subiu de temperatura. Case a diario experimento unha sensación de rabia, unha urxente necesidade de tomar partido e, ao tempo, a pertinaz sospeita de entrar nun debate simplificado ata a caricatura. Ha de pasarvos tamén a vós, imaxino.

Ao pouco que repares comprobas como  entre os chamados apocalípticos e as soflamas redentoras entrefébranse intereses partidarios ou persoais, fobias ou filias que pouco teñen que ver coa esencia do asunto do que se trata

Probablemente o espazo da opinión pública sexa así, refractario aos matices, binario en esencia. Ao pouco que repares comprobas como  entre os chamados apocalípticos e as soflamas redentoras entrefébranse intereses partidarios ou persoais, fobias ou filias que pouco teñen que ver coa esencia do asunto do que se trata. Pantasmas ben vestidas que agochan con eficiencia o verme da neurose. Pasa ultimamente na vida política, co campo da esquerda convertido nunha lameira fratricida entre xentes que, en puridade, pensan o mesmo ante as tres ou catro cousas que de verdade importan; e pasa tamén noutro ámbito, non menos fecundo: o da liberdade de expresión e o amparo aos colectivos desfavorecidos. 

Mentres escribo estas liñas acaba de coñecerse  a noticia de que a Audiencia Nacional reabre a causa contra Antonio Zapata pola difusión de chistes sobre xudeus en Twitter. Xusto nesta mesma semana os xornais galegos fixéronse eco da denuncia de tres docentes que esixen á Universidade de Vigo que expediente ao funcionario Sergio Pajares polos seus comentarios misóxinos e homófobos. Dúas noticias que na miña mente, xa francamente desacougada, veñen xuntarse co eco da polémica denuncia este verán contra o debuxante Suso Sanmartín, por vexar publicamente a unha rapaza que non aceptou a súa convida a bailar.

Ben, dito así, calquera muller ou home de ben tería claro do lado de quen estar, o das vítimas do holocausto, o das vítimas do machismo. Con todo, que pasa se imos polo miúdo, se reparamos nos engumiños? Aí, nesa lectura demorada, é onde todo ese peso do politicamente correcto que aceptamos como un logro comeza a ensinar o seu lado de sombra. Malia a súa aparencia heteroxénea, estes tres casos comparten paran min o mesmo verme neurótico que fura o sentido común do espazo público: a simplificación.

Porque o peso da lei que cae sobre o humor negro de Zapata é promovido por aqueles que se burlan cada día dos mortos que permanecen nas cunetas; porque os chistes de mal gusto descontextualizados da situación na que tiveron lugar serven para, convenientemente convertidos en titular de xornal, lapidar publicamente a un funcionario; porque unha acusación anónima dana gravemente a imaxe de alguén que, a todas luces, carece de estilo e de modais para convidar a bailar.

Pódese ou non dicir todo? Queremos, de verdade, poñerlle valados ao riso? Quen decide, que sen imbúe do valor absoluto da pureza para indicar con que debemos rir e con que non?

Detrás, ese instinto binario, branco e negro, malo e bo, que tanto alentan os medios de comunicación.  Podemos observar con maior ou menor agrado determinadas mostras de humor ou de desexo, pero abonda iso para esnaquizar honras, para tirar á praza a quen é sinalado? Vénme tamén agora á mente o caso Charlie Hebdo: pódese ou non dicir todo? Queremos, de verdade, poñerlle valados ao riso? Quen decide, que sen imbúe do valor absoluto da pureza para indicar con que debemos rir e con que non?  O caso de Zapata quédame lonxe, pero o do funcionario Sergio Pajares e o do debuxante Suso Sanmartín quédanme, por desgraza, ben preto. No caso do conflito do funcionario da Universidade de Vigo teño claro que uns textos de explícita intencionalidade satírica teñen  de ser lidos á luz desas convencións xenéricas.

O que desexo eu é que os chistes machistas pouco e pouco deixen de facernos gracia (como os chistes de curas, que deus teña na súa gloria), non que sirvan, convenientemente manipulados, como arma para unha caza de bruxas; a min, como muller, ninguén ten que defenderme da ironía ou do humor groso: sei ler, grazas! No caso de Suso Sanmartín,  cargo coa responsabilidade de figurar na lista de asinantes no manifesto que se publicou na súa contra. Un erro que intentei subsanar demasiado tarde como para impedir que se aparecese o meu nome. Había aí tamén, tal e como agora o percibo a mesma desproporción entre as consecuencias e os feitos, ese delicadísimo espazo dos micromachismos no que hai que entrar con moito máis coidado, pedindo visibilidade, desde logo, pero asumindo con integridade e coherencia a parte que nos toca nese baile pantanoso entre os sexos.

En temas como o antisionismo, a islamofobia ou o feminismo debemos artellar discursos complexos que superen a tendencia xeral a ofrecer unha visión esquemática dos papeis de vítima e verdugo

No fondo todo isto deixa un panorama agridoce, un claroscuro onde hai que celebrar e tamén que temer. Porque o mesmo feito de que casos como estes saian á luz pública son ao tempo o síntoma dunha sensibilidade incontestable que fai a unha sociedade mellor, e tamén o aviso de que en temas como o antisionismo, a islamofobia ou o feminismo debemos artellar discursos complexos que superen a tendencia xeral a ofrecer unha visión esquemática dos papeis de vítima e verdugo.

En fin, que, tal e como eu o vexo, ou aceptamos a ambigüidade da ironía ou estaremos, queirámolo ou non, deixando a porta aberta á barbarie.

Acerca de Rexina Vega

Rexina Vega (Vigo 1966) Escritora e profesora universitaria. Como novelista, a súa primeira obra literaria, Cardume, obtivo o Premio Xerais de Novela 2007, en 2012 publicou Dark butterfly. Exerceu a crítica teatral e literaria para, entre outras publicacións El Público e Quimera. É Premio Sthendal pola tradución da obra de Georges Perec El secuestro. No eido da investigación especializouse no estudo de Álvaro Cunqueiro, autor sobre o que ten publicado numerosos traballos e na análise das relacións entre bilingüismo e autotradución no contexto peninsular. Actualmente é docente no departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo.