A loita é pola vida

A secuencia de feitos completa da negativa do PPdG para asumir o custo do tratamento das persoas presas é a enésima mostra do comportamento antisocial do PP. Un comportamento que está a chegar a uns extremos, que antisocial se lle empeza a quedar curto para merecer o apelativo de psicópata, con actuacións como a de a semana pasada, negándose a que a Xunta cumprise a sentenza xudicial que lle esixe que custee os medicamentos das persoas presas con Hepatites C.

O Xulgado baseouse no principio “periculum in moura”. Un nome complexo, pero un concepto ben sinxelo, que neste caso tradúcese a que debe outorgarse prevalencia ao dereito á saúde

A historia comeza fai xa case un ano, cando o Xulgado do Contencioso-administrativo Número 1 de Santiago, en auto ditado en peza separada de medidas cautelares (387/14) impoñía á Xunta de Galicia a obrigación de facerse cargo dos tratamentos ata que se resolvese o litixio. As medidas cautelares foron solicitadas por Institucións Penais, organismo co que a Xunta non se pon de acordo sobre cal dos dous debe custear o tratamento.

O Xulgado baseouse no principio periculum in moura. Un nome complexo, pero un concepto ben sinxelo, que neste caso tradúcese a que debe outorgarse prevalencia ao dereito á saúde, do que é titular calquera interno (como calquera persoa), cedendo polo tanto o interese económico da Xunta, posto que en caso de ditarse sentenza favorable á súa reclamación finalmente, Institucións Penais podería repoñerlle o custo. Pero como se repón o dano á saúde, que pode chegar á morte, dun enfermo sen medicación?

O máis triste, é que o caso chegou ao contencioso-administrativo despois de que o Sergas nin sequera contestase a Institucións Penais cando esta a instou a correr cos gastos

O máis triste, é que o caso chegou ao contencioso-administrativo despois de que o Sergas nin sequera contestase a Institucións Penais cando esta a instou a correr cos gastos. A resolución á petición de II.PP desestimouse por silencio negativo, o que significa que, podendo contestar e polo menos acelerar o comezo do proceso xudicial, a Xunta deixou durante meses a cuestión aparcada ata que esta resolveuse negativamente polo prazo legal.

A Xunta, tras o auto de medidas cautelares, en lugar de cumprilas e preservar a saúde das persoas presas, recorreu ante a Sala correspondente do TSXG. Esta, en sentenza do 20 de maio deste ano, ratificou a sentenza do Xulgado Número 1 de Santiago, desestimando a totalidade do recurso do SERGAS e impoñéndolle as costas.

A sentenza é tan clara que unha persoa que xamais lese unha, entenderíaa perfectamente. O TSXG subscribe a tese do periculum in moura, ratificando punto por punto o razoamento do Xulgado santiagués.

Pois ben, a Xunta seguiu negándose a subministrar de forma xeral os medicamentos. Tense constancia de que tres persoas internadas en Pereiro de Aguiar o recibiron, pero pouco máis. Este dato, tendo en conta que un 20,3% dos presos padecen Hepatites C, é paupérrimo, comparable ao 24% dos cárceres exipcios. Máis sanguento aínda é a situación cando se sinala que o 26,3% das persoas afectadas están coinfectadas de VIH.

A Xunta seguiu negándose a subministrar de forma xeral os medicamentos. Tense constancia de que tres persoas internadas en Pereiro de Aguiar o recibiron, pero pouco máis

No último pleno, o PSOE presentaba unha Proposición Non de Lei absolutamente de sentido común. A PNL buscaba que o Parlamento Galego instase á Xunta a acatar as medidas cautelares ditadas canto antes, deixando de poñer vidas en perigo. Pero unha vez máis o PP usou a súa maioría absoluta para dar as costas á sociedade, impoñendo a súa desapiadada lóxica mercantilista.

Por suposto, hai que felicitar ao PSOE pola proposta. Non hai ningún problema en apoiar as súas medidas cando van a favor da xente, e non dos ricos, como a súa negativa para subir o IBI ás grandes superficies no municipio de Madrid, impedindo a súa aprobación. Oxalá se comportasen igual cando son apoio de goberno que cando son oposición.

Foi un exemplo de crueldade refinada con pracer de quen a executa, exactamente a segunda acepción de “sadismo” segundo a Real Academia

Cando o PP cometeu a infamia de rexeitar a PNL, membros da Plataforma de Afectados pola Hepatite C marcharon do hemiciclo mentres chamaban “sádicos” aos parlamentarios do PP. Segundo a RAE, non lles falta razón. O de onte foi un exemplo de crueldade refinada con pracer de quen a executa, exactamente a segunda acepción de “sadismo” segundo a Real Academia.

Cando se ve a estes sádicos (como diría Gramsci, “que o escoiten ata a náusea”) actuar deste xeito, é imposible non sentir unha mestura de noxo, tristeza, desesperación e rabia. Tamén é imposible non lembrar dúas frases. A primeira é o celebérrimo “quen combata a monstros, debe temer converterse nun deles” de Nietzsche. A segunda é da compañeira Irene Montero, e poucas veces cobra tanto sentido como neste caso.

A loita é pola vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.