Atentados: o Estado de Dereito permanentemente incompleto

a A. G., compañeiro migrante perseguido e acosado pola policía municipal da Coruña por crer no dereito á tutela xudicial efectiva de todos os seres humanos

Unhas 12000 persoas descobren cada ano no Reino de España unha amarga realidade: que cando alguén ten un conflito coa policía o Estado de Dereito tende a estar ausente.

Cando alguén ten un conflito coa policía o Estado de Dereito tende a estar ausente

Por iso, desde o Observatório de Direitos e Liberdades Públicas Esculca pensamos que unha etapa na que desde o ministerio do interior se están a facer propostas para expandir e endurecer os delitos de atentado a axente da autoridade é un momento especialmente bo para analizar algo ben coñecido por calquera persoa próxima ao mundo xurídico, pero ignorada polo conxunto da poboación: a tendencial ausencia do Estado de Dereito en materia dos denominados delitos de atentado.

No Reino de España condénase mais por atentado que, p. ex., por delitos sexuais, furtos, ameazas ou violencia de xénero, e practicamente o mesmo que por tráfico de drogas

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, 12.000 é aproximadamente o número de persoas que cada ano (11.612 en 2010, 492 delas en Galiza) son condenadas a nivel español por atentado. É unha cifra simplemente descomunal. De feito, das case 100 categorías de delito que contempla o Código penal español, os atentados son a 5ª con maior número de condenas. Dito doutro xeito: no Reino de España condénase mais por atentado que, p. ex., por delitos sexuais, furtos, ameazas ou violencia de xénero, e practicamente o mesmo que por tráfico de drogas.

A contemplación destes datos é abondo para saber que algo vai mal. Ou a poboación española é especialmente insubmisa ao principio de autoridade, ou hai algo no sistema de control social que está funcionando mal. E ese algo é a refractariedade dos casos de atentado á consolidación do Estado de Dereito.

Atentado é o delito polo que a policía denuncia os seus conflitos con particulares, sempre que a escalada da tensión teña chegado a calquera contacto físico, aínda que non sexa agresivo. Nese sentido, trátase dun delito previsto non para a protección da poboación, senón exclusivamente para a tutela da policía e do principio de autoridade do Estado.

Atentado é o delito polo que a policía denuncia os seus conflitos con particulares, sempre que a escalada da tensión teña chegado a calquera contacto físico, aínda que non sexa agresivo

A primeira disfunción dos casos de atentado dáse no propio momento do conflito. Unha porcentaxe moi relevante dos supostos que rematan nos tribunais como atentado non chegarían a tal punto se os axentes policiais puxesen especial atención a cumprir o seu mandato normativo, que os obriga a "observar en todo momento un trato correcto y esmerado en sus relaciones con los ciudadanos, a quienes procurarán auxiliar y proteger" (art. 5 Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado). Alén diso, se tivesen a imprescindible formación en xestión de conflitos os resultados serían ben outros.

Nese punto xa se amosa a ausencia do Estado de Dereito, desprazado por un exercicio do monopolio da forza mais propio da Razón de Estado. Non obstante, o problema principal xurde nos tribunais.

Os casos de atentado a axente policial presentan na práctica unha case absoluta ausencia de dereitos de defensa. Normalmente son casos nos que existe unha confrontación de testemuñas (policía fronte a particular), e na que a presunción de veracidade do axente policial permite a condena sen ningún outro elemento probatorio. Máis aínda: en casos en que a policía poda ter empregado a forza de xeito inxustificado ou ilegal, a denuncia por atentado tende a exonerar de calquera análise xurídica sobre a responsabilidade policial, trasladando a carga dunha proba imposible á vítima do uso da forza.

Normalmente son casos nos que existe unha confrontación de testemuñas (policía fronte a particular), e na que a presunción de veracidade do axente policial permite a condena sen ningún outro elemento probatorio

O exceso de traballo dos tribunais, a súa identificación implícita co exercicio do poder que representa a policía, ou os problemas que xeraría aos xuíces investigar as denuncias falsas ou o emprego ilícito da forza por parte da policía, conducen a esta situación, na que os casos de atentado se amosan como un espazo privilexiado do carácter quimérico dos dereitos procesuais do individuo do art. 24 Constitución.

Por se iso non bastase, os delitos de atentado teñen penas bastante severas. De feito, non é nada infrecuente que conflitos confusos, con escasa sustancia probatoria, conclúan en condenas firmes de prisión efectiva. Ben o soubo Patricia Heras, moza barcelonesa condenada por atentado, e suicidada tras a sinistra resolución do denominado "caso 4F".

Todo iso explica a anomalía anteriormente mencionada: que o noso sistema penal dedique boa parte do seu limitado tempo a axuizar e condenar por delito de atentado, en detrimento doutros feitos, seguramente mais lesivos. Os recursos son escasos, e os datos evidencian que non se está precisamente facendo un uso eficiente deles. O sistema penal acaba priorizando o emprego deses recursos escasos na persecución de delitos que tutelan exclusivamente aos axentes de policía. Trátase, polo demais, dun réxime privilexiado que xera envexa. Cando na pasada lexislatura o Fiscal Xeral impulsou unha interpretación segundo a cal era necesario considerar o persoal docente e sanitario como autoridade, aos efectos de ampliar os delitos de atentado, partindo do simulacro do labor docente como actividade de risco, o único que se fixo, co desafortunado aplauso sindical, foi incrementar estes problemas dun Estado de Dereito sempre adiado.

O noso sistema penal dedica boa parte do seu limitado tempo a axuizar e condenar por delito de atentado, en detrimento doutros feitos, seguramente mais lesivos

Esta é a situación na que o ministro do interior, tras a violencia policial no centro de València en febreiro pasado, anuncia que unha prioridade do seu departamento é endurecer os delitos de atentado, coa intención de que "siendo España un país muy garantista, sea también garantista con los policías". Como é obvio, nada hai mais lonxe da realidade, tanto na primeira como na segunda parte desa afirmación.

Se algo puidese vir matizar este triste panorama en materia de dereitos e liberdades, sería que as condenas por atentado son especialmente democráticas. A diferenza de moitos outros tipos de delito, que centran as súas condenas nos sectores mais pobres, o atentado ten unha orientación bastante interclasista na súa restrición de dereitos. A nada infrecuente discusión coa policía de tráfico acaba a miúdo nunha detención por atentado. Non obstante, nin sequera o interclasismo é un consolo. As denuncias e condenas por atentado teñen unha especial proxección sobre os sectores mais criminalizados e perseguidos, desde migrantes a persoas que exercen o seu dereito político de protesta e son obxecto de violencia policial. Até nisto hai inercias postfranquistas que, como diría un poeta sardo que pasou o último cuarto da súa vida en prisión, non acaban de morrer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.