A destrución da sanidade pública e a conselleira cadáver

A súa nefasta xestión -un regueiro de privatización, nepotismo e censura culminado coa desfeita do hospital Álvaro Cunqueiro- só podía rematar co correspondente cesamento

Durante o pleno parlamentario do pasado 15 de setembro escoitamos indignadas, unha vez máis, como Rocío Mosquera afirmaba que a sanidade pública galega ía “moi ben” e que o novo hospital de Vigo –ateigado de problemas estruturais económicos e sanitarios- era todo un logro para a sanidade xa non do País se non do conxunto do Estado. E mesmo de Europa. Na miña quenda de resposta, optei por referirme á conselleira como “cadáver político”. Non se trataba de desafección persoal. Tratábase de entender que a súa nefasta xestión -un regueiro de privatización, nepotismo e censura culminado coa desfeita do hospital Álvaro Cunqueiro- só podía rematar co correspondente cesamento.

O día en que o vello Hospital Xeral de Vigo botaba o pecho, pechaba tamén unha parte do que aprendemos que debe ser a sanidade para todas e todos 

Porén, Mosquera morreu –politicamente- matando. A acelerada destrución dos piares da sanidade pública e as ducias de privatizacións a través de contratos intencionadamente extensos condicionan o futuro do sistema sanitario. Non só. O día en que o vello Hospital Xeral de Vigo botaba o pecho, pechaba tamén unha parte do que aprendemos que debe ser a sanidade para todas e todos. Coa liquidación do Xeral, o Sergas escenificaba simbolicamente a súa propia mutación. O modelo imposto por Feijóo e Mosquera tende á despersonalización, á falta de valoración profesional, á mercantilización e á eliminación da democratización da saúde.
 
A mercantilización e, polo tanto, a aniquilación do actual modelo sanitario, a instauración da precariedade laboral e a deshumanización do sistema encarnáronse en Rocío Mosquera, seria candidata a peor conselleira da Xunta nos últimos anos. E iso que o galardón está disputado. Pero o mero troco de caras, o baile de cadeiras, non pode ocultar que o verdadeiro autor intelectual da liquidación da sanidade pública, o seu máximo responsábel, chámase Alberto Núñez Feijóo. Se ben o cesamento de Mosquera é unha conquista da mobilización social, da presión de sindicatos e plataformas, de quen erguemos a voz cada vez que os voitres neoliberais se botaban sobre o botín da sanidade, non debe agochar o papel dese mestre do escapismo que é Feijóo. 

A nosa sanidade atópase ferida de gravidade. Cómpre, para evitar a súa morte, sinalar os e as responsábeis políticos do intento de asasinato 

Agora somos xustamente esas persoas, esas organizacións, eses sindicatos, eses colectivos, quen temos a obriga de impedir que a loita se deteña. O ataque neoliberal sobre a sanidade pública continúa e perpetuarase mentres a dereita extrema do PP siga nos gobernos, independentemente da conselleira ou conselleiro de quenda que o xestione. A nosa sanidade atópase ferida de gravidade. Cómpre, para evitar a súa morte, sinalar os e as responsábeis políticos do intento de asasinato. Se cadra a Cidade da Cultura foi síntoma, no seu día, do ocaso do Goberno Fraga. Pelexemos para que o privatizado, mastodóntico e inoperativo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo signifique o mesmo para Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.