O alegre pobo galego

Na revista Tempos Novos Xaime Subiela publica un artigo denominado A POTENCIA DO POBO GALEGO que incide sobre a polémica conformación da candidatura de unidade popular para as eleccións Xerais.  Non gostei –ao contrario do que sempre pasa cando leo a Xaime—do seu contido.  Vou contradecilo, a sabendas de que o autor e máis estamos polo mesmo.

O suxeito político galego.  Iste concepto, lémbrese, aparece despois de lanzarse o Encontro, e nunca formou parte do léxico conceptual da plataforma ata que o mete Anova nos seus comunicados e no tripacto con Podemos e Eu.

Di Xaime que o problema non son os inimigos exteriores, senon os “cenizos” de dentro.  A expresión, non hai que buscar muito, é un clásico de Pablo Iglesias. Mais eu coincido con iso, a explicación de todos os males de Galiza en base á xenreira que nos teñen, ou ao maltrato dos poderes é un erro histórico, unha falsidade.   Por outra parte muitas persoas influíntes no devir político do país teñen ben acaída isa referencia cincenta, borralleira.

Non foron muitas, como afirma, eleccións con unidade de todas as forzas transformadoras que non tiveron suceso.  Eu, en troques, podo lembrar algunha que sí o tivo.  Unidade Galega, por exemplo, que acadou a propria alcaldía da Coruña, ou unha candidatura ao Senado que tivo a Iglesias Corral como electo.

O autor advirte contra aqueles que “desconfían que unha alternativa política poida ter outra lóxica que a dun partido”…” Unha nivelación á baixa por que ‘todos somos iguais’, todos os corruptos do mundo pensan que ‘se ti si tiveras oportunidade tamén o farías’  Acó presenta disimulado un siloxismo:  partido = corrupción que resulta inxusto por totalizador. 

Outra vez obrígase a salientar o obvio, por exceso de uso. Refírome á expresión xente do común.  Claro que hai que dar cabida á xente do común ou sexa non partidaria, xente que por outra parte tamen ten os seus prexuizos e predisposicións, entre elas a de asignar aos militantes dos partidos unha condición extraterrestre.  Iso tamen hai que combatilo. Non pode ser que se tes opinións políticas ou as tiveches no pasado, se apoias tal ou cal partido ou líder político xa non és, non podes ser xente do común, ou eres menos común, ou sospeitosa de falla de obxectividade. Asemade (outro exceso) que só se és vítima ostentosa do sistema –parado, enfermo mal tratado, traballador precario, estafado das preferentes, desafiuzado, etc.—tes solvencia para opinar políticamente. 

Di Xaime que hai xente que xurou e perxurou que as mareas non trunfarían, e agora seguen sen velo, mais como está de moda, aló van.  Que xente?.   Os dirixentes do BNG?  Son a clave?.  E se veñen ao rego, que dicimos?   Alegrámonos ou disgustámonos?.   Unha análise das mareas revela que nen tanto nen tan pouco, nen son todas as que están nen están todas as que son, e as posicións partidarias andan mui repartidas.   Entre os que  supostamente variaron a babor non se pode incluir, claro está, nen aos promotores da IxU, nen a toda a militancia do BNG, nen á maioría do Encontro, que se ben resultou dividida frente á inmediatez non o está no convencemento da fusión das duas plataformas pola unidade.

Se se pode exixir ao BNG mellor trato nas suas relacións coas mareas gobernantes, tamen se poderá exixir ás mareas –onde istas teñen presencia—correspondencia co trato aos gobernos do BNG.  Simple lóxica, máis aló de considerar que as problemáticas municipais teñen en cada localidade as suas condicionantes.

Relativiza o autor a disposición a prescindir das siglas por parte do BNG (e con él outros, como Compromiso, Cerna..) porque de igual maneira aquel non conseguiría representantes no Congreso.  Acó torna a mesturar táctica electoral con cuestións de fondo, a creación real da unidade.  Parece ignorar que dun proceso asambleario, toda a xente mesturada a traballar,  sairía unha nova situación política de base, nen doada de manipular nen doada de abandoar á seguinte circunstancia electoral por parte de ninguén.  A xente do BNG serán iso, xente, digo eu.. Persoas do común.  Cando o seu proprio partido mándaas a cruzarse coas outras xentes –incorporacións novas á acción política, xentes de Podemos, de CxG, de Anova, de tutti quanti partidos, está a facelas vivir unha experiencia que nunca será inocua.

Logo ven o tema de se é rendibel incorporar ao BNG.  A preocupación das sumas e restas é irresolubel, porque non se deu o caso, prácticamente en ningún lado, de ter ao BNG de partenaire.   Non ignorará ninguén que a presencia de Podemos restaría en muitísimas vilas e concellos do rural, onde o BNG é a alternativa tanto en propostas coma en métodos coma en esperanza

Outra volta co do grupo parlamentar “como obxectivo en sí mesmo”. Improprio da capacidade intelectual de Xaime.  Focalizar diante unhas eleccións o obxectivo é sempre a obtención de representantes na mellor das condicións.  Non haberá dúvida de que a representación galega será muito máis eficaz se logra configurarse como un grupo con todos os privilexios, con todas as prerrogativas, con todos os tempos asignados, con presencia na mesa do Congreso, con visualización continua das portavocías, etc., etc.

Da cualificación de “galega” da candidatura como principio activo que sexa criticabel…?   A obsesión por eliminar isa condición non o é?
Contrapoñémola a “cidadá”?  ou a “universalista”, ou a “internacionalista”.   Daquela, sí, onde fica o suxeito político galego, un achádego eufemístico que ademáis, ten reminiscencias  machistas.

O manexo dos números, coma sempre, permite desviar para un lado ou para o outro a conclusión.   Vexamos.  O BNG só, diante unhas europeas con Camilo Nogueira conseguíu máis de 400.000 votos. Podemos obtivo 84.000 nas europeas do 2014, un 8,4%.dos votos.

Máis iso non é que importa.  Basear toda a expectativa da unidade popular en analisar a posición do BNG resulta un erro, unha limitación e certa forma de cegueira.  Baseala, ademáis, na previsión duns resultados nas Xerais de Podemos (o aliado referente que Xaime non propón con diáfana claridade)  resulta chocante,  . tácticamente perigoso, e de simplificación pueril. Podemos ten unha expectativa darredor do 12%, con unha cincuentena de deputados e deputadas que por outra parte xa ten escollidos o seu líder  Na política española hai muitos axentes, ningún deles rendidos aos encantos da proposta de Podemos, todas as contradicións, toda a potencia do sistema, toda a desinformación nos medios e todo o diñeiro que se precise para combatir ás forzas transformadoras. 

Non se dí, non se entra, mais se sobreentende, novamente, que unha representación galega autónoma nas Cortes estaría ausente do redeseño do marco constitucional (se houbese), non participaría no Goberno? E nas políticas do Estado, non só as territorializadas. Que ise grupo parlamentar non apoiaría un goberno de cambio.  En calquera caso, xa está a definir o papel e obxectivos da candidatura unitaria (se houbese) mesmo ante a hipótese de formar goberno con alguén no Estado, o que anticipa a resolución de cuestións centrais do debate político da presunta marea, mesmo dando por sentado un panorama de posiblidades reais imposibeis se non se conta co PSOE.  Así que todo iste lío para que darlle forza a Pablo Iglesias na sua futura negociación con Pedro Sánchez

Antes, a análise crítica.   Solprendeu a todo o mundo, aos partidos, singularmente a Anova e Podemos, ás iniciativas municipalistas, mesmo aos promotores do Encontro pola Marea, a viraxe do BNG.   No relato sobre as posicións dista organización hai abondosos exemplos de que non se enteirou nunca das leccións que cada elección perdida significou.  Nista ocasión, sí.   Desconfianza, toda.  Ignorancia das suas resistencias e gañas de manipular a favor do seus aparatos, nengunha.

A crítica á Iniciativa Pola Unión resulta, pois, explicabel.  Mágoa que nise afan non se considere canta xente ben intencionada houbo nisa promoción, e por contra veña a ubicala fora do novo paradigma de “xente do común”. Isa crítica ou predisposición negativa afectou tamen aos que dentro do Encontro puxaron pola unidade de ambas plataformas, isto é a unificación de censos e manifestos (doado), o traballo común, a elaboración xa unitaria de todas as propostas, código ético, programa (para Galiza e para o Estado, sí), elección en primarias e listas abertas de todas as candidaturas –ao goberno da propria plataforma e ás candidaturas electorais--.

Para concluir, e baseado en experiencia persoal e no forte convencemento do que a sociedade en marcha significa non podo menos que calificar ista aportación de Xaime Subiela como errónea, mediatizada e resentida.  Non se pode analisar a sociedade galega actual en base á historia recente e as suas liortas políticas.  Non se pode ter ao BNG no centro do debate, hai que borrar nomes proprios como Amio e Riazor no relato. Hai que ignorar a lembranza e mesmo a presencia de persoas que fixeron muito mal ao país –ainda que non quixeran facelo e poden seguir a facelo.  Dáme igual.  No afán de revisar todo, hai quen revisa ata a propria condición da galeguidade, nun mundo en que a máis eficaz defensa frente á agresión da forma máis cruel e invasiva do capitalismo é sen dúvida a creación de espazos de soberanía conquistados pola mobilización e participación popular.   Non vou recurrir acó á vella acusación de piñeirismo, nen a lembrar o comportamento cínico e retardatario da II República e os seus proprios servidores galegos. Non.  Vou facer o chamamento á ilusión, á alegría.

Xuntemos xentes de todas as procedencias, a traballar en común, dispostas a impedir todo debate de leas pretéritas, sen siglas (sí, sin siglas, como dí o BNG e non dí Anova, nen Podemos).   Que as persoas dean en rozarse, en alterarse nos desencontros e tornar ao roce, a crear parellas insólitas, agrupacións eventuais sorprendentes, a atopar coincidencias con estraños e diferencias cos proprios, a falar do que nunca se falou, a abrir os ollos, a non ter medo de non saber, a non ter cautelas para falar, que xa non están os xefes e se están non están na ponte de mando.   

Eu aseguro que daquela estaremos –eu xa estou--, conformando algo máis ca unha simple alternativa electoral.

Aí é onde creo que estou ao lado dos positivos, dos alegres, dos optimistas, a favor de probabelmente a última oportunidade que teña na miña vida de cambiar as cousas ou polo menos empezar, sentar as bases.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.