0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Quo vadis, Podemos?

Aínda que non ten a mais mínima importancia debo aclarar que nin son militante nin tampouco votante de PODEMOS pero tamén quero deixar claro que de ningures son anti-PODEMOS como parece seren a moda en amplos círculos da esquerda galega i española, moi especialmente da sistémica.

Dito isto quero subliñar que como cidadán galego de esquerdas non podo observar mais que con crecente preocupación o xiro que a actual dirección de PODEMOS está dándolle a esta organización sociopolítica tan nova e que no seu día levantou tantas simpatías i esperanzas. Un xiro que parece froito mais da ambición política e o frío cálculo electoral que dunha fonda reflexión política. Un xiro que polas evidencias afecta tanto a diferentes ámbitos da acción política como ao propio funcionamento orgánico de PODEMOS.

PODEMOS xa non aparece como aquela organización fresca, moza e vitalista que xurdiu do 15M –indignada e rebelde- con un funcionamento asembleario          –“asembleas populares abertas”-, democrático –“democracia real, xa!”-, senón que, cada vez mais, actúa como un partido político tradicional, moi personalista, centralista e democraticamente minguante. Un funcionamento e unha praxes que lle provocan fondas e crecentes fracturas internas, moi notoria por caso en Galiza.

PODEMOS xa non parece querer presentarse como unha opción nítida de esquerdas, antisistémica que é o mesmo que dicir anticapitalista, senón que os seus dirixentes fan  repetidos esforzos por eliminar do seu discurso esa definición para situarse nunha orbita mais interclasista e centrista –Pablo Iglesias: “o eixo esquerda e dereita non é a clave para cambiar as cousas neste país (…) co xogo esquerda/dereita gaña a banca”-.

PODEMOS está creando dúbidas razoables sobre que programa defende. Dende que os profesores V, Navarro  e J. Torres elaboraran aquel documento titulado “Un proxecto económico para a xente” no que PODEMOS apostaba con claridade por un proxecto socialdemócrata, ao día de hoxe os frecuentes xiros e cambios de rumbo en aspectos económicos claves –a débeda externa, a renda básica, as xubilacións..-rematan por despistarnos a case todos. Estes bandazos poden provocar que o discurso non sexa crible cando o que se precisa é un programa moi ambicioso que sexa quen de mobilizar as clases populares galegas i españolas.

PODEMOS que debería teren sido un referente unitario das esquerdas españolas antisistémicas pode rematar aparecendo, pola súa postura fachendosa con algunhas daquelas e moi especialmente con IZQUIERDA UNIDA (IU) –Pablo Iglesias: “Podemos non chegou para solucionalos problemas doutro partidos”-, como todo o contrario, como un freo cando non un inimigo desa necesaria unión     –Pablo Iglesias: “Que se queden coa bandeira roxa e nos deixen en paz”- contribuíndo deste xeito a prolongar un dos problemas crónicos das esquerdas en Galiza i en España: a súa atomización.

Realmente mais que diante dun xiro político estamos fronte a unha serie de bandazos –“movementos tácticos”?- que claramente despistan a moitos dos seus simpatizantes e votantes. Un despiste que se reflicte nos resultados electorais últimos (municipais, autonómicas, Catalunya) que pareceren mostrar unha notable perda de forza e de atractivo. Uns resultados que indiscutiblemente apuntan a que eses bandazos non son ben percibidos por moita da cidadanía que inicialmente simpatizaba con PODEMOS como así parecen apuntar as enquisas mais fiables.

Uns bandazos que en Galiza afectan tanto a súa política de alianzas –que vai faceren finalmente PODEMOS diante das vindeiras eleccións xerais?, ata onde chega realmente o seu compromiso con ANOVA e AGE?, a onde a súa aposta polas MAREAS?- como a súa propia organización e funcionamento internos –cando van rematar as loitas cainitas, con baixas importantes, que se multiplican en Galiza?-.

Aínda están a tempo os dirixentes de PODEMOS de recuperalas súas iniciais sinais de identidade, así como aquela frescura e transparencia que os fixo tan recoñecibles e que lles permitiu gañar tantas simpatías entre a cidadanía galega i española. Aínda están a tempo pero resulta urxente que o fagan pois seguen sendo unha opción necesaria  –imprescindible- para un cambio real en Galiza i en España.

Os dirixentes de PODEMOS non deberan perder a perspectiva e desviar a esta organización do que foron os seus orixes: unha organización claramente de esquerdas, transparente e fresca, plural e solidaria, aberta e moi receptiva ao sentir popular, consciente e atenta a realidade plurinacional que é España. Un opción anti-sistémica que espertou, no seu día, unha grande esperanza. Unha organización que turra por confluír con outras forzas políticas –como por caso ANOVA e AGE en Galiza- buscando mobilizar así as clases populares galegas i españolas.

PODEMOS non debera esquecer que fronte a crise estrutural do capitalismo histórico e a fortísima ofensiva neoliberal so caben, dende unha visión transformadora, dúas alternativas: a) Optar por un plantexamento claramente antisistemico, ou b) Optar por seren un can faldeiro do neoliberalismo como por caso a socialdemocracia europea.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista