Escravas da estética

A pasada semana a actriz Inma Cuesta difundíu a través dunha rede social dúas versións dunha mesma fotografía que impactaron á opinión pública. Unha, retocada con photoshop, a outra, o reflexo real do seu corpo en contraposición á silueta cincelada da primeira. Destinada a ocupar a portada da revista semanal do xornal El Periódico, aquela que foi alterada por photoshop supuxo para a actriz non menos que un ultraxe á súa dignidade como muller, e por elo se decidíu a denunciar en twitter un feito á que moitas actrices, modelos e personaxes de interese público se ven sometidas despois dunha sesión fotográfica.

A mesma Cuesta, coñecida por participar en series de televisión como Águila Roja, opinaba que, até certo punto, intensificar o color do vestido ou darlle un aspecto máis brillante á súa pel poidera ser comprensible desde o punto de vista comercial; o impacto visual inflúe como aliciente na elección dun ou doutro producto de consumo, e as revistas que veñen adxuntas aos xornais as fins de semana están ateigadas de publicidade sobre moda e productos estéticos que as empresas queren vender. O que xa non lle pareceu tan axeitado foi que o maqueo informático pasase a amputarlle as cadeiras, facerlle unha liposucción no brazo e aumentarlle ao seu pescozo un anaco para convertila nunha especie de figurín escuchimizado de cera, que nada ten que ver coa muller que ela é en realidade.

Eu, que son asidua ao café das mañáns dos domingos, soio botarlles un ollo a todas as revistas de moda que se acumulan nos bares. Yo Dona, El País S, Mujer de Hoy… están centradas na moda e pensadas para ser lidas por mulleres, pero é habitual que noutras como o Magazine de El Mundo ou o Dominical de El Periódico tamén aparezan apartados dirixidos específicamente a estas. En xeral todas son, por defecto, publicacións insustanciais, cunha importante pátina de elitismo plasmada nos prezos dos looks que propoñen modelos, cantantes ou actrices cada semana. O prototipo de muller que parecen elevar por enriba do resto das mortais sempre é máis o menos o mesmo: xove, moi delgada, altísima, estilizada e caucásica. Negras e hispanas aparecen esporádicamente aportando un toque exótico nalgún que outro número, pero está claro que a supremacía a ostentan as loiras, altas, fracas e brancas como Cara Delevigne. Nos casos que non encaixan de todo con ese perfil (e incluso nos que sí) xa vemos que habitualmente se procede a estiramentos varios, abolición de curvas e tantos outros miles de retoques de famosas que poderiamos atopar por internet. Actrices como Susan Sarandon, Salma Hayek, Julia Roberts, ou modelos como Cindy Crawford levan tempo denunciando as presións ás que son sometidas no seu traballo para estaren sempre perfectas, pero ao seren máis maiores carecen de influencia entre a franxa de idade na que as mulleres máis padecemos os dictámenes da industria da moda e do yuppismo audiovisual: dos vinte aos corenta. A partir de aí, deixamos de existir. Deixamos, para os homes da nosa idade e menores, de ser un obxeto de consumo.

Revistas escritas por snobs, para ser lidas por yuppies. Contraproducentemente, o público maioritario dos magazins de moderneo hebdomadario, que soen ser lectores casuales de clase media, nunca podería permitirse un bolso de mil euros, tal vez nin de trescentos, e cantos non meteríamos nin cincuenta. Para ser un yuppie de metrópolis, por moito que digan, é necesaria unha boa inversión. Nos son o mesmo os tecidos e os deseños do Mango que os de Marc Jacobs. E iso sábeno moi ben todos eles e elas. Non obstante, aí están número tras número, coas súas sentencias sobre o que debes ou non poñerte para disimular a túa clase social, sexas gorda ou fraca, morena ou delgada, teñas vinte ou cincuenta, para parecerte a Taylor Swift (unha cantante de música facilona) ou a Charlotte Rampling nos teus sesenta, para parecer un ser que triunfa. Aí están eses pretenciosos suplementos, marcando os estándares da normalidade en tódalas décadas da vida dunha muller. A decoración da súa casa, a educación dos seus fillos, a prosperidade da súa empresa (fálannos a todas como se todas fosemos empresarias), os trucos para que a relación coa parella funcione… E sobre todo a estética: cóidese de parecer un enxendro. Para elo incorporan ás súas páxinas finais recetarios, onde nos presentan como suculentos manxares pratos hipocalóricos que se adaptarían mellor aos catro estómagos dunha vaca, pola cantidade de herba que concentran. E todo, todo, todo para que resultemos atractivas, non nos mintamos, para os homes.

Esta dictadura da apariencia funciona a moitísimos niveis. Mentres vostede loita contra a nocilla, na televisión entrónanse os idolatrados estilistas do programa Cámbiame, francamente convencidos da seriedade do seu oficio e presentados como os novos benefactores da pobreza estética, e o que é máis grave, da pobreza moral de moita xente. Grandes prexuízos de clase emanan dos seus discursos de pacotilla, que contribúen a crear canteira de mulleres acomplexadas, desesperadas por deixar de ser “chonis”, ou “vulgares”. Estas mozas e señoras, e de vez en cando algún rapaz, desexan, en definitiva, deixar de parecer pobres. En Estados Unidos exiten programas que ao cambio de vestimenta lle suman unha operación de cirurxía estética. Algún deles emítese aquí, por exemplo Extreme Makeover (Cambio Radical) no esperpéntico canal Divinity, e chegou a haber unha versión española do mesmo que por fortuna tivo pouco éxito en 2007. O último que desde América acaba de aterrizar é un reality chamado Dr 90210, que alí leva en antena desde 2004. Que vostede se sinte gorda, plana, enrugada? Eles aspíranlle a graxa, póñenlle dúas pelotas de silicona en cada peito e fanlle unha coleta coa pel que lle sobra detrás da cabeza.

Ás veces penso na sorte que temos en Galiza por termos carecido históricamente dunha grande urbe como sí acontece en Madrid ou en Cataluña. Estamos un pouco máis á marxe dos disparates da fauna da metrópole. Aínda así, cada vez coñezo máis mulleres, e en certa medida me incluio, preocupadas por adaptar o corpo a aqueles modelos materialmente imposibles de beleza que uns e outros medios difunden, propios de ciencia ficción, que tamén empezan a crear presión sobre o sexo masculino.

Vexamos, para esta clase burguesa ligada á esfera audiovisual e tecno-cultural, que son os que parten a pana nesta sociedade do espectáculo, existe un mundo perfecto no que non caben máis que eles e as celebrities raza superior que admiran. Posiblemente Inma Cuesta como ao mellor vostede non encaixen de todo ben. Por mor desta discriminación, moitas mulleres se comen a cabeza coa celulite, as súas pernas curtas ou o paso dos anos.

Hainas que desenrolan enfermedades nerviosas, como anorexia, bulimia ou depresións e episodios de ansiedade e obsesivo-compulsivos. Nese mundo perfecto de yuppies todo ten unha data de caducidade e é sustituído por outro producto humano que cumple co requisito de ser xoven, estilizado, vestido por Jean Paul Gaultier, depilado, rico, triunfador, culto e sorrinte. Para as mulleres comúns e correntes, o impacto destas ideas, especialmente na concepción que sobre o que nós debemos ser se fan os homes, son especialmente traumáticas. Lévannos a unha competición constante onde a imaxe é o único que parece prometer salvarnos de caducar como seres humanos. A imaxe soe importarnos porque nun momento de imperancia do individualismo e disolución dos vínculos afectivos abre as portas aos mesmos, a imaxe promete abrirnos as portas para ser amadas, admitidas, e aos homes, en moitísima menor medida, tamén. Todos eses contos de “sé ti mesma, síntete orgullosa do teu corpo, o amor e o traballo non atopan barreiras se ti es única” se desploman polo seu propio peso cando vemos que nas portadas das revistas aparecen mulleres que por moito deporte que fagamos, por moitas berzas que comamos e por moito potingue que botemos non imos poder ser na vida. Sei que xa é materialmente posible operar a tibia e mailo peroné para poñerlle unha prótese e contrarrestar o paticortismo, pero qué farán coas que teñan os brazos longos estilo inspector Gadget? Ata qué extremos pode chegar este delirio?

Hai uns anos ser atractiva para a maioría ía chegando con non estar “demasiado gorda”. Despois empezou a teima da depilación integral e parece ser que hai homes que non conciben o pelo nos xenitais dunha muller (nefasta influencia da pornografía), e atención ao seguinte disparate, o color escuro que co paso do tempo tinxe a zona do ano! Pero agora á repugnancia pola graxa e o vello nun corpo súmase a vergonza pola desproporción. Pode ser vostede delgada e presentar calvas a nivel xenital que tal vez os seus hombreiros fagan de vostede alguén demasiado ancho. Coñezo a mulleres para nada estúpidas nas que percibo constantemente unha inseguridade que as leva a dubidar da súa valía en moitas facetas da vida, todo por unha cuestión de non entrar no canon. E é que nese discurso de que “a beleza está en todos os corpos” a graxa, a “desproporción” e a vellez quedan relegados soamente a elementos anecdóticos da paisaxe dun catálogo de moda, nunca en elementos lexitimadores da importancia dunha vida real, dunha persoa real. É dicir, existe un discurso que nos repiten desde as revistas e os programas da televisión que sostén “sé único, acéptate”, pero por outra banda no día a día unha experimenta que o irreal, a fantasía, articula todos os desexos dos homes e das mulleres nesta sociedade. Eles tamén se sinten peludos se non se depilan, eles tamén se observan a barriga, tamén se comparan, pero menos, claro.

Que é o que leva ás persoas desta sociedade, deste momento histórico, a actuar tan despiadadamente á hora de atribuirlle un valor superior á corporeidade por enriba do espírito? Qué o que leva ás cadeas a financiar eses programas de demolición do físico das mulleres? Que é o que leva a eses editores a mutilar a verdade dun corpo como o de Inma Cuesta, que moitísimas mulleres non teñen a fortuna de ter na plenitude da súa saúde? Un gran machismo e aversión por todo o feminino, por todo o que simbolizamos a través da multiplicidade de características físicas dese amplísimo espectro femenino mundial, que tamén o é racial. Qué clase de valores da repugnante e euxenésica jet set de metrópolis corrompida estamos incorporando aos nosos códigos éticos, homes e mulleres de provincias e anciás nacións?

Inma Cuesta deu a semana pasada un exemplo de valentía, desafío e transgresión contra a dictadura patriarcal de todos eses e esas yuppies que pretenden facer dos corpos das mulleres reais un motivo de replegamento na sociedade. Tal vez teman que, de atrevernos a valorar o noso intelecto por enriba dos nosos atributos físicos, tan pasaxeiros e efímeros, aconteza unha verdadeira revolución que os desbanque dos seus estáticos núcleos de poder.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.