O veleno está en 'La Voz': Ferrol territorio comanche

"Se non estades previdos ante os medios de comunicación,  amaredes ao opresor e odiaredes ao oprimido" (Malcom X)

É preciso e necesario facer unha reflexión profunda sobre cal é o papel que están a xogar os nosos medios de comunicación no fomento da democracia e do pluralismo político. Nos últimos anos en España son moitos os xornais que por mor da crise económica caeron en mans de multinacionais e bancos de inversión. O exemplo máis rechamante é o do xornal EL PAÍS, que na actualidade é un voceiro máis do capitalismo salvaxe; pero xa antes tiñamos o exemplo de LA RAZÓN ou ABC que teñen a manipulación e a mentira como bandeira.

Pero non é preciso marchar tan lonxe para atopar un exemplo do dito, xa que LA VOZ DE GALICIA na actualidade fai un exercicio diario de titulares tendenciosos ou  manipulados, ou coa simple ocultación da realidade como ocorreu coa loita gandeira, na que LA VOZ DE GALICIA anunciaba falta de unidade e fracaso da protesta.

Pero se un caso é de relevancia é o tema deste xornal na súa edición Ferrol. Cada día máis parece un parte de guerra que  información obxectiva e de “expresión e canle de todas as ideoloxías” tal e como afirma no seu manual de estilo.  Falamos de parte de guerra porque a gran vítima neste tipo de “xornalismo subvencionado” é a verdade. ¿Cal é o obxectivo? desgastar ao novo goberno municipal.

Segundo o manual de estilo de LA VOZ DE GALICIA “Como xornal de información xeral, basea os seus  contidos na actualidade. Presenta  aos seus lectores os acontecementos e  feitos novidosos[...]”; “A selección de temas terá sempre en conta a relevancia de estes, de  modo cos espazos dedicados a cada un estea consoante coa súa repercusión pública”.

Curiosa afirmación tendo en conta que na súa edición Ferrol este xornal decidiu que o escándalo da EDAR, que deixou en evidencia que non existía un servizo polo que o goberno de Rey Varela cobrou aos veciños (despois da súa inauguración por parte da Xunta e do propio ex- alcalde) non era de relevancia. A información quedou relegada a unhas escasas liñas nunha esquina.

Tratamento distinto foi o da noticia referida a Beatriz Sestayo, cando días más tarde  a toda  portada na súa edición de Ferrol figuraba o titular: “Beatriz Sestayo cobra case 6.000 euros” aínda que no corpo da noticia dicía que en base aos diversos postos “podería chegar a cobrar esa cantidade”. 

Non sabemos exactamente que clase de criterio de prioridade levou aos redactores de LA VOZ DE FERROL a entender que o escándalo da EDAR tiña menos relevancia que unha reflexión sobre os ingresos da actual tenente de alcalde en Ferrol. Tendo en conta que este xornal xamais fixo nada similar cos ingresos de  Rey Varela, nin de ningún dos membros do seu goberno cando algúns deles percibían ingresos de diversos eidos; deixando ben claro o carácter tendencioso do titular.

Pero para esta xornal tamén mereceu noticia e imaxe en portada a fotografía dunha muller sentada no chan da rúa Real con panos ensanguentados por unha caía aparatosa acompañada do titular: “O mal estado das rúas provoca riscos para os viandantes” (sinalando a alcaldía coma responsable). Durante o goberno de Rey Varela cando no xulgado tiveron que habilitar un día específico para as reclamación ao concello (o maior número por caídas polo mal estado do pavimento), non só non había fotografías senón que a redacción da noticia e o titular eran moi distintos:  “Denuncias por caídas nas rúas” (sinalando ao azar ou caídas por mala sorte).

Outro aspecto a sinalar do tratamento informativo deste xornal é a súa habilidade para a mestura  de  opinión e información, algo contrario ao seu manual de estilo: “os artigos de opinión serán diferentes tipográfica e esteticamente das informacións, de xeito que o lector poida distinguir si se narran feitos ou opinión sobre estes”. Aínda así  na redacción das noticias, este xornal  deixa de lado a obxectividade e deixa caer opinións persoais como información certa.  Iso si, dependendo das siglas do político ou do feito do relato esas opinións serán distintas.

Titulares de información como “Os 100 días que fixeron tremer a Ferrol” para falar dos primeiros días de goberno de FeC e PSOE. Aínda que neste caso este tratamento non foi exclusivo de Ferrol, titulares similares foron tamén para  Santiago ou Coruña. Pero sen dúbida o papel deste xornal foi rechamante no tratamento da chamada “crise dos trihalometanos”  redactando as noticias con frases tales; “a deficiente xestión do concello”, ou defendendo a xestión da Xunta de Galicia. Exculpando ao alcalde anterior e botando as culpas do envelenamento das augas a Jorge Suárez (cando levaba menos de 100 días no goberno) polo seu posto no consello de Emafesa.

Jorge Suárez tamén foi o protagonista recentemente no tema da renuncia de Beatriz Sestayo ao seu posto de parlamentaria galega. Preguntado por esta cuestión o alcalde declinou facer declaracións dicindo que “non se vai meter nas cuestións internas doutro partido” No idioma de LA VOZ DE GALICIA  isto quere dicir  que “Jorge suárez desvincula o seu futuro político do de Beatriz Sestayo” (querendo sinalar de novo a debilidade do pacto de goberno).

Algo que non é novo e xa vimos cos titulares sobre a cuestión da modificación do crédito: “UN GOBERNO DÉBIL EN MANOS DO BNG” ou “O GOBERNO BIPARTITO CEDE ANTE O BNG” son un exemplo. Un día o goberno municipal é incapaz de negociar e cando avanza na negociación resulta que cede o goberno antes as presións.

No lado contrario temos o tratamento da noticia sobre a toma de posesión do novo cargo de  Rey Varela no executivo de Nuñez Feijoó. A redacción  da noticia parece máis dun programa do corazón que dunha nova de política local ou autonómica: “cerimonia sobria pero emotiva por momentos” “o flamante novo goberno de Nuñez Feijoó” “Rey Varela vai acompañado da súa muller e fillo como exemplo de conciliación”.
Outra parte destacada do manual de estilo deste xornal é que “todas as versións terán voz.  Ante conflitos e asuntos controvertibles escoitar todas as versións de todas as partes”. Na crise do EDAR  ou dos trihalometanos as voces de  Rey Varela, a Xunta ou Miguel Tellado tiñan cariz de veracidade, mentres que as voces dende a alcaldía que descubriu a estafa ou en el segundo caso cando levaban menos de 100 días de goberno (con ese problema da auga de herdanza) tiñan cariz de opinión.

Xa para rematar está o rumor ou esaxeración é noticia. Dicía Raffaela Carrá que “os rumores son rumores, e nada máis que iso”. O que non sabemos é se os redactores de   LA VOZ DE GALICIA en Ferrol  teñen claro este tema. No seu manual de estilo “Os rumores non son noticias. Podemos telos  en conta só para comprobar a súa veracidade, momento no que deixan de ser  rumores”. No remate das festa de Ferrol o rumor ou a invención tomou posesión do titular afirmando que “Os fogos pecharon unhas festas de Ferrol que non gustaron a comerciantes, hostaleiros nin veciños”.  ¿A que veciños preguntaron? ¿Cal é a base ou fonte desta información? ¿Fixeron unha enquisa?  No corpo da noticia insiste en falar de “comerciantes”, “hostaleiros” ou “veciños” sen coñecer que tipo de veracidade ten o dito titular.

Que cada un saque as conclusións, pero o que queda claro é que este tipo de xornalismo non é un servizo público senón un servizo de intoxicación. Por iso debemos lembrar a George Orwell:  “Xornalismo é publicar aquelo que non queren que publiques. Todo o demais son relacións públicas. (George Orwell)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.