0 Gardados para despois

Antón Dobao

Encrucilladas

En tempo de tribulación, non facer mudanza. En tan sabia sentenza de Ignacio de Loyola, poida que algo de verdade haxa, se nos guiamos pola capacidade xesuítica de resistir os embates dos tempos adversos. Tamén na política callou, se cadra porque os beneficios de non facer mudanza apuntan mellor na conta da organización ca na das multitudes. Ao pobo non sempre lle acae ben que se lle apliquen máximas tan conservadoras. A verdade nunca é igual de verdade para todas as clases sociais, sempre sometidas a un antagonismo irresoluble, por moito que sexa pronunciada por un home sabio tocado pola graza da divindade.

Para a esquerda, o tempo de tribulacións é o que esixe talvez mudanza máis radical. Porque a esquerda non é conservadora. Ou non debe selo

Para a esquerda, o tempo de tribulacións é o que esixe talvez mudanza máis radical. Porque a esquerda non é conservadora. Ou non debe selo. Outramente, pasaría nun pestanexo á profesión de fe, e a relixión é principal inimiga da razón. Non mudar é soamente resistir. Moitas veces, nin iso; simplemente observar desde abeiros aparentes como a tormenta o destrúe todo e non mover un músculo máis aló das certezas íntimas. A resistencia ao redor das conquistas, sobre todo das ameazadas, é vitalmente necesaria; é absurdo desprezala, como a miúdo se fai, mais é inevitable combinala con avances, con pasos adiante esixidos pola conciencia das necesidades. Cando o poder agudiza a súa presión e se manifesta intolerablemente agresivo para modificar a prol dos seus intereses as condicións de vida material e inmaterial da maioría social, o tempo esixe mudanza e audacia. E mudar non significa renunciar. Todo o contrario.

A mudanza descobre unha profunda determinación de non renunciar non xa ás conquistas sociais senón á propia necesidade dun mundo novo, dunha organización social que supere as peores condicións do sistema vixente: explotación, dominio e control.

Aínda que a súa determinación implica riscos evidentes, non houbo renuncia no Encontro Irmandiño

Cando un grupo de militantes aglutinados pola figura de Xosé Manuel Beiras decidiu abandonar o BNG e ensaiar a posibilidade dun Novo Proxecto Común (NPC), pareceu abrirse unha regaña de esperanza nalgúns ámbitos máis ou menos organizados á marxe do nacionalismo hexemónico. Esperanza para dar cun instrumento que permita actuar eficazmente nunha Galicia abafada por un goberno moi conservador e nada proclive a asumir o feito nacional galego como punto de partida da súa acción política. Aínda que a súa determinación implica riscos evidentes, non houbo renuncia no Encontro Irmandiño. Pódese aludir a intereses mesquiños, pero ademais de inxusto será politicamente irrelevante e non dará explicado o proceso, que debera ir máis alá dun simple desacordo no tocante a modelos organizativos e ao reparto de poder interno. En realidade, abriuse fóra do abrigo do BNG, alá onde sempre foi moito frío, un proceso político que lle afectará ao nacionalismo e á esquerda.

Para ben ou para mal, xa se verá, porque toda determinación política incorpora múltiples riscos, sobre todo en tempos de tribulación, nos que, segundo Ignacio de Loyola, o conveniente sería non facer mudanzas. Tempos de tribulación para Galicia, claro, e para as clases subalternas, para todos os homes e mulleres obrigados a vender a súa forza de traballo, non importa a que prezo nin baixo que modalidades. Os tempos esixen acción, dar pasos, ensaiar novas fórmulas de intervención social, política, cultural, novos modelos organizativos máis eficaces e ambiciosos. Non só resistir, senón avanzar sen renunciar a nada, esixir o imposible, non morrer de parálise nos corredores escuros das institucións sen experimentar o frío e a calor das rúas mentres se asiste á desestruturación da nación galega e tamén das multitudes, do proletariado do mundo enteiro.

Romper a normalidade, arriscarse na audacia, mudar para avanzar, poñer un instrumento na man e no cerebro colectivo dun suxeito activo para transformar o mundo, todo iso carrexa o risco da equivocación. Pero a inmobilidade permanente, por moito que estea protexida por profundas e admirables conviccións, condena ao fracaso.

Un NPC terá que superar as súas propias encrucilladas. As próximas eleccións autonómicas son unha delas

Un NPC terá que superar as súas propias encrucilladas. As próximas eleccións autonómicas son unha delas. A fasquía das posibles candidaturas, pero tamén, sobre todo, un programa que defender nas institucións. E asemade, a gran determinación: ou se lle dá a luz a un partido máis do sistema, unha maquinaria electoral con maior ou menor fortuna, ou nace unha organización política alternativa determinada a conquistar a hexemonía social. O NPC podería materializar a esperanza se se formula como un instrumento de intervención social e política e cultural (se é que podemos delimitar fronteiras entre eses tres ámbitos) dunha maioría social necesitada de transformar as cousas ao seu favor. A favor dos seus intereses, que adoitan ser incompatibles co que os políticos profesionais denominan “interese xeral”. Un instrumento de transformación, ou sexa, de esquerda, novo, diferente aos tradicionais aparellos de intervención institucional, que xurda abaixo e se vaia facendo carne en asembleas, que exprese as necesidades e os desexos populares máis aló das condicións conxunturais de cada proceso electoral. Plural e con obxectivos de unidade. Loxicamente, esa aspiración non casa con vetos ideolóxicos.

Negarse, por exemplo, a lle conferir á posición independentista e de esquerda da FPG a presenza que esta forza política e os seus ámbitos culturais e sociais representan sería pexar toda posibilidade de alumar unha organización verdadeiramente eficaz

Negarse, por exemplo, a lle conferir á posición independentista e de esquerda da FPG a presenza que esta forza política e os seus ámbitos culturais e sociais representan sería pexar toda posibilidade de alumar unha organización verdadeiramente eficaz. Empobreceríaa. Caracterizaríaa cun anticomunismo tan estúpido como absurdo e arredaríaa definitivamente de posicións de esquerda real para arrombala nun recanto estreito dos andeis do sistema e do réxime. Tamén outras organizacións e colectivos poden enriquecer unha nova organización,  incluída, por que non, a cultura política e de loita obreira ligada ao PCG e a IU.

A esperanza dun NPC materializaría se cristaliza un novo modelo de participación política para o suxeito colectivo que ten que protagonizar os procesos emancipatorios. Porque, ou falamos de emancipación, ou toda aventura política institucional carece de sentido. Emancipación social e nacional como programa de mínimos para o acordo entre diferentes sensibilidades e tradicións políticas, coa determinación de actuar para modificar o curso da historia.

Ou a organización resultante do proceso é un instrumento de emancipación útil e eficaz, ou devén nun vulgar mecanismo de autorreprodución. E para chegar a ese porto non era necesaria ningunha viaxe

Non abonda con ser espectadores de privilexio. Ou a organización resultante do proceso é un instrumento de emancipación útil e eficaz, ou devén nun vulgar mecanismo de autorreprodución. E para chegar a ese porto non era necesaria ningunha viaxe.

Que en tempos de tribulación haxa movementos é positivo. Que grupos de cidadáns e cidadás se preocupen por dotarse de instrumentos políticos adecuados é bo sinal. Cada movemento social, por inxenuo, espontáneo ou embrionario que sexa, expresa sempre realidades e tendencias que cumprirá saber interpretar. As relacións sociais viven en continua tensión dialéctica. Obviar esa tensión é unha posibilidade política, pero non serve para suprimila. As clases e as nacións subalternas son vítimas dunha vaga brutalmente agresiva que non nace na maldade das persoas senón na lóxica implacable do sistema. A esa lóxica só se pode responder coa lóxica da emancipación, e para iso son precisas organizacións áxiles, audaces, con capacidade de análise e de intervención. Sempre será preferible enganarse por actuar que agardar a que o mundo complete as súas voltas coa perfección do círculo. A historia esixe intervención, e o ceo asalto. O sistema non caerá polo seu propio peso, aínda que as súas contradicións cada vez máis agudas axuden a comprender as súas debilidades.

A esquerda necesita reconstruírse, e iso non implica renunciar aos proxectos de emancipación nin á determinación de levantar unha sociedade sen explotación e sen clases

As multitudes están espidas, o proletariado fragmentado e desfigurado, a subalternidade social e nacional é a estratexia dun poder que aspira á perfección mesmo prescindindo da humanidade na súa loucura acumulativa e destrutiva. A esquerda necesita reconstruírse, e iso non implica renunciar aos proxectos de emancipación nin á determinación de levantar unha sociedade sen explotación e sen clases. Todo o contrario; reconstruírse, mudar, dotarse de mellores e máis eficaces instrumentos, eis o máis elevado dos compromisos coas causas da emancipación social e nacional. A mudanza non é traxedia. A traxedia sería morrer na contemplación do mundo na súa órbita elíptica.

Acerca de Antón Dobao

Antón Dobao (Lugo, 1963). Escritor en tempo libre. Guionista e director. Filólogo de formación. De vida profesional ligada á Televisión de Galicia.