0 Gardados para despois

Fito Álvarez

A (ir)responsabilidade de España no Sahara Occidental

O conflito do Sahara Occidental ten o seu inicio nun proceso de descolonización non concluído e bloqueado sistematicamente polo Reino de Marrocos, mediante unha ocupación militar ilegal do territorio e a presión sobre terceiros países en busca de apoios para as súas pretensións.

Este proceso descolonizador debería concluír coa celebración dun referendo de autodeterminación. Referendo avalado por diferentes resolucións de distintos organismos internacionais (Resolución 1514 das NN. UU. do 14/12/1960, resolucións da Asemblea Xeral e a Cuarta Comisión das NN. UU., Tribunal Internacional de Xustiza (1975), resolucións do Consello de Seguridade da ONU, resolucións da Unión Europea, Unión Africana, Congreso e Senado de España, etc.)

España é responsable desta situación xa que foi a potencia colonizadora, etapa que durou case un século, finalizando coa firma dos ilegais Acordos Tripartitos de Madrid no ano 1975, propiciando así a ocupación do Sahara Occidental por parte de Marrocos e Mauritania. España segue sendo, segundo a ONU e o dereito internacional, potencia administradora "in xure" deste territorio, pero no canto de exercer como tal situouse a favor do invasor favorecendo as pretensións anexionistas de Marrocos.

España promoveu iniciativas para a firma de acordos preferentes entre a UE e Marrocos que inclúen o territorio do Sahara Occidental (acordos pesqueiros, agrícolas, extracción de minerais, etc.).

Vendeu material militar a Marrocos, material que quedou sobradamente demostrado que foi utilizado para a represión e o xenocidio sometido polo reino alauita sobre a poboación saharauí.

Ningún dos diferentes gobernos españois denunciou abertamente esta situación de xenocidio e vulneración dos dereitos humanos nin denunciou a ocupación por parte de Marrocos, utilizando na maioría das ocasións un falso dobre linguaxe co que pretende contentar a todas as partes.

Tendo en conta que o referendo de autodeterminación é a única saída legal e xusta para os procesos de descolonización, proceso co que Marrocos se comprometeu formalmente coa firma do Plan de Paz do ano 1991, e que España segue sendo a potencia administradora "in xure" do territorio é obrigación do goberno español tomar, dunha vez por todas, as medidas oportunas para a celebración do devandito referendo. Cumprindo así coa débeda histórica que ten coa que foi no seu día a 53ª provincia española.

Acerca de Fito Álvarez

Fito Álvarez Tombo, membro da ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui