Cui prodest?

Todos deberiamos ter unhas nocións básicas de Economía, como temos de Medicina ou de Informática. Que por que? Todos temos uns coñecementos básicos de medicina, aínda que sexa só de primeiros auxilios, porque sabemos que podemos botar man deles o día menos pensado; case todos temos algún coñecemento de informática, aínda que sexa só a nivel de usuario, porque as novas tecnoloxías téñennos arrodeados e condicionan o noso vivir cotiá; polas mesmas razóns, todos deberiamos saber algo de como funciona a economía, xa non só porque vaiamos tomar boas decisións económicas ou fuxir das malas, senón para saber cando chove e cando mexan por nós. Que podemos ter vicios raros e gustarnos a chuvia amarela, faltaría mais; pero cando menos, estar certo do tipo de molladura.

A ciencia económica (ciencia, ou o que raios sexa) estuda a actividade económica do ser humano, e non existe unha soa teoría económica que explique na súa totalidade esta realidade complexa; diferentes teorías poñen o seu punto de mira en determinados aspectos, emitindo diferentes xuízos morais e políticos e extraendo tamén distintas conclusións. Se a Economía non posúe unha única resposta correcta para os seus dilemas e interrogantes, daquela o cidadán precisa coñecer algo de tódalas teorías, ou de varias delas (ou cando menos saber que existen outras explicacións), para así xulgar cal dos argumentos económicos ten mais sentido en cada circunstancia económica dada e decidir en consecuencia. Se sabemos isto, daquela poderiamos dicirlle a Margaret Thatcher que non levaba razón cando aseguraba que non había alternativa á súa política económica; ou a día de hoxe, a Rajoy cando xura e perxura que a única saída da crise posible é a que el propón. Outra cousa é que, aínda sabendo que hai outras interpretacións e argumentos, ti penses que a mellor é a de Thatcher e maila de Rajoy. Pero que nunca che metan o calote de que é a única.

Ademais de saber que hai teorías diferentes, e xa que logo, explicacións e argumentos distintos, outra medida profiláctica para enfrontarse ao fenómeno económico é facerse sempre a pregunta: A quen beneficia isto? Na economía non existen verdades obxectivas que poidan seren establecidas independentemente de xuízos políticos e ás veces morais. Polo tanto, diante dun argumento económico calquera, debemos preguntarnos sempre a quen carallo beneficia. Por exemplo, o anuncio das rebaixas fiscais que os gobernos anuncian nos períodos preelectorais e que soa a música celestial en tódolos oídos. O goberno vai intentar abanear a bandeira da rebaixa, para prender tódalas miradas e que todos pensen que lles vai tocar un anaco de ceo; pero é moi raro e infrecuente que unha rebaixa alcance a todos. Pensemos nunha rebaixa xeneralizada en tódolos tramos do IRPF: sempre haberá un segmento da poboación (o tramo baixo exento do imposto) ao que non beneficiará a rebaixa (mais ben igual o prexudica se ese menor ingreso fiscal afecta ás políticas sociais das que é beneficiario).

Outra medida mais, preventiva de enganos e trolas, é non deixarse enfeitizar polas cifras. Seguramente porque as asociamos á matemática, onde 4 sempre é menor que 5, damos por sentado que as cifras son claras, obxectivas e irrefutables. Cantas veces escoitei en debates políticos que o que era medible non era opinable e punto. Nada mais lonxe da verdade! Cada unha das cifras manexadas en economía é elaborada en función dalgunha teoría, nun intento de medir conceptos cuxas definicións en moitos casos son extremadamente polémicos e opinables. Non quero dicir que as cifras sexan inútiles e debamos prescindir delas, pero si que non debemos aceptalas así sen mais e sempre formando parte dun contexto espacio-temporal concreto.

Nesa ansia de fomentar o coñecemento amplo e variado da materia económica, lembro que agasallei a Rafa Cuíña polo seu trinta e tres aniversario cun exemplar de La Acción Humana de Von Mises. Daquelas, polos primeiros anos do século, Rafa era un mozo que non acougaba no berce Popular e presumía diante dos amigos “roxos” que, a diferencia deles, el si lera O Capital de Marx. Pensei que se isto era certo, e para equilibrarlle os miolos, debía mergullarse nas augas antípodas do marxismo: a escola austríaca de Mises e Hayek. Ademais, así ao peso, por aí andaban ámbolos dous textos sagrados. A anos vista daquel agasallo, penso que obrei ben e saímos todos gañando: aquel mozo fervello e mirado de si senta hoxe na mesa presidencial da alcaldía coas súas novas gafas de ler, e o pobo de Lalín dorme tranquilo sabendo que o Deza non caerá no inferno marxista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.