0 Gardados para despois

Fito Álvarez

O muro da vergoña no Sahara

A presenza española en África chegou ao seu fin co abandono do Sahara en febreiro de 1976. En segredo, o 14 de novembro de 1975, asínanse os "ilegais" acordos tripartitos de Madrid, polos que España transfire a administración do Sahara a Marrocos e Mauritania.

O mes anterior Marrocos iniciara a "Marcha verde" ("Marcha Negra" para os saharauís), na que uns 300.000 marroquís ocupan ilegalmente o Sahara español, e comeza unha invasión militar que supón a fuxida masiva de poboación civil saharauí que é atacada con napalm pola aviación marroquí.

O Exército español abandona totalmente o Sahara en febreiro de 1976, deixando á súa sorte ao pobo saharauí, que empeza a sufrir persecucións e asasinatos, tendo que refuxiarse gran parte da poboación no deserto alxerino e quedando outra parte baixo a ocupación marroquí carentes dos máis básicos dereitos e sufrindo violacións, encarcelaciones, torturas? situación que continúa ata día de hoxe.

Así as cousas, a Fronte Polisario proclama a constitución da República Árabe Saharauí Democrática o 27 de febreiro de 1976 facendo fronte á ocupación e organizando a fuxida e acollida da poboación saharauí que se refuxia en campamentos na rexión alxerina de Tindouf.

En 1980 o Exército marroquí, nun cambio de estratexia, comeza a construción de muros defensivos que van ocupando zonas cada vez máis amplas, chegando a anexionarse a parte á que renunciara anos antes Mauritania.

Marrocos tardou sete anos en construír, o que se coñece como "o muro da vergoña". Muro que divide o Sahara Occidental de norte a sur cunha lonxitude de 2.720 quilómetros, o que o converte no muro militar máis grande do mundo. Supondo unha ameaza cotiá para a vida dos civís saharauís: nenos, pastores e mesmo gañado.

Este muro constitúe unha flagrante violación do dereito internacional, nun desesperado intento por controlar ao pobo saharauí e impedir a súa libre circulación, a fin de non ter acceso ás explotacións mineiras ou as zonas costeiras, explotadas ilegalmente por Marrocos co apoio de terceiros países, incluída a Unión Europea.

Esta construción está formada por muros de area, rocas, cercas, bunkers, grandes guarnicións militares, máis de sete millóns de minas terrestres, bombas de acio, bases militares, tecnoloxía de vangarda e máis de 100.000 soldados.

O muro foi financiado por países como Arabia Saudita e Israel. O seu mantemento supón ás arcas do goberno marroquí preto de 2 millóns de dólares ao día.

A día de hoxe xa son máis de 2.500 as vítimas pola explosión de minas, que se suman ás miles de familias que se atopan divididas desde fai máis de catro décadas: nais separadas dos seus fillos, irmáns que non se coñecen?

En pleno século XXI é inconcibible a existencia deste muro e o silencio ao redor das minas terrestres, cuxo único propósito é diezmar o pobo saharauí e evitar que o mundo vexa os crimes cometidos polo goberno marroquí no Sahara Occidental.

A comunidade internacional segue mirando cara a outro lado e continúa coa venda de armas a Marrocos, apoiando a ocupación pola forza do territorio non autónomo do Sahara Occidental.

Acerca de Fito Álvarez

Fito Álvarez Tombo, membro da ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui