Son home: son feminista

Ultimamente podemos observar como o ideal feminista está a ter cada vez máis presenza na sociedade, como xorden día a día máis simpatizantes e críticos, mesmo podemos observar como algúns empresarios tomaron a descarada decisión de mercantilizar cunha ideoloxía tan digna coma esta. Pero hoxe non quero tratar isto último, hoxe quero tratar e criticar a miña propia trincheira: quero criticar a maioría dos homes feministas. Non foron poucas as veces nas que me vin rodeado dun ambiente crítico, dun ambiente que se cuestiona o sistema, tanto o capitalista, coma o heteropatriarcal.

Non foron poucas as veces nas que puiden observar como homes cheos de razón falan da liberación da muller, cando teñen na casa a unha que se ocupa de que manteñan o cu ben acomodado na cadeira teorizando sobre como liberalas

Non foron poucas as veces nas que puiden observar como homes cheos de razón falan da liberación da muller, cando teñen na casa a unha que se ocupa de que manteñan o cu ben acomodado na cadeira teorizando sobre como liberalas. Non foron poucas as veces nas que puiden observar como ceden a súa voz (como se dun agasallo se tratase), pero non as palabras: porque queren que repitan o que eles pensan, porque así, insconcientemente –ou non–; seguirán conservando os seus privilexios, ofrecendo un aborto de feminismo que non deixa de ser machismo camuflado.

E eu, como home, como home feminista e consecuente, digo que basta; digo que basta de agocharse tras un fume de palabras, que máis que un avance supoñen un estancamento, porque errades; tanto na teoría como na práctica.

Non vos revisades, nin queredes facelo, porque vós, ao igual ca min, nunca tivéchedes medo de ir por unha rúa sós por se sodes agredidos, nunca víchedes cuestionado o voso aspecto físico dunha forma macabra estivésedes onde estivésedes, nunca fostes educados na idea de que debedes calar sempre porque berrar ben alto non é de señoritos, nunca recibistes gabanzas en masa unicamente por saír á rúa, nunca vos cualificaron como putos por disfrutar da vosa liberdade sexual, nunca vos invisibilizaron da historia por ter pene, en fin; nunca sufríchedes nin sufriredes a opresión á que se ven sometidas millóns de mulleres día a día; o problema está en que vós vivides en harmonía con esta situación.

Invadir un espazo que non nos pertence, restándolle voz ás oprimidas, pode facer de todo menos axudalas

Entón, que papel debemos ocupar os homes no feminismo? Moitos afirman que tomar unha participación ao mesmo nivel que o das mulleres é a mellor solución, que así o machismo deixará de existir o antes posible e que non é necesario que sexan elas quenes lideren esta loita. Nada máis afastado da realidade, pois invadir un espazo que non nos pertence, restándolle voz ás oprimidas, pode facer de todo menos axudalas.

Nas mans dos homes cae o peso de aliarnos con elas, renunciando a calquera tipo de privilexio e sendo consecuente no resto dos aspectos das nosas vidas

A nosa tarefa é ser aliados, é escoitar as mulleres; aprender delas, rectificar a calquera persoa e a nós mesmos cando adoptamos unha postura machista, non pretender dar leccións a estas sobre a opresión que sofren, non menospreciar a súa voz en asambleas ou en calquer espazo, saber recoñecer os nosos privilexios e intentar evitalos sempre que teñamos a ocasión, en fin, a nosa tarefa é deconstruírnos; e non reafirmar a nosa masculinidade querendo ser a voz cantante da súa loita, porque así o único que logramos é perpetuar o sistema heteropatriarcal.

Non é doado, mais non é imposible. Nas mans das mulleres cae o peso de mudar esta situación, nas mans dos homes cae o peso de aliarnos con elas, renunciando a calquera tipo de privilexio e sendo consecuentes no resto dos aspectos das nosas vidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.