20D: Transparencia, máis do mesmo e mareas de salón

Ven de convocar Mariano Rajoy as eleccións do 20 de decembro. Fin da lexislatura máis longa da democracia. O calendario xa é oficial. O 6 de novembro han de estar presentadas as coalicións e partidos que concorrerán aos comicios. Entre o 11 e o 16 téñense que presentar na Xunta Electoral as listas de persoas que formarán as candidaturas.

Con estas datas enriba da mesa o PSdeG-PSOE é o único partido en Galicia, e no resto do Estado, que ten aprobadas as súas candidaturas e presentado o borrador do programa electoral que está sometendo a emendas para a súa aprobación definitiva en Conferencia Política. Ambos procesos son claros, están regulados e se poden pecar de algo é de transparentes. Tan transparentes que xa deron pé a ter ocupado en distintos medios os minutos e espazos de información e faladoiros que se adican aos, fatigosos para a cidadanía en xeral, asuntos internos dos partidos. Nisto os socialistas tamén damos exemplo e somos líderes (voluntarios a maioría dás veces) en transparencia.

Ter moi avanzado o traballo de organización de cara ao 20D deixa o camiño despexado para centrarnos no importante: explicar o programa, volver emocionar, lograr motivar ao electorado e convencer da necesidade do cambio.

Dos outros actores da política galega pouco sabemos ainda. No PP nada novo baixo o sol. Seguindo a norma marianista de deixar para o final todo o que se poida resolver a tempo, non ten nin candidaturas nin programa. A corrupción rampante e os retallos aos que someteron á cidadanía nestes longos catro anos prevense devolver polos cidadáns en forma de amplo retallo da súa representación parlamentaria. Moitos nomes quedarán fora, moito cargo municipal e autonómico que recolocar. O dedazo de Rajoy resolverá. As espadas gardaránse ata o 21 de decembro, non as van desenfundar antes. Niso, como en tantísimas outras cousas, PP e PSOE nin parecidos...

E as denomindas Mareas? Nesta carreira cara ás Cortes, se nos cinguimos ao seu "modus operandi", pouco queda xa daquel espírito de construción dende abaixo, de transparencia e de enterrar as prácticas habituais dos partidos que veñen en catalogar baixo ou xa superfluo termo de "casta". Pablo Iglesias, cargado da soberbia da que nin os resultados electorais en Andalucía e sobre todo en Cataluña lle axudaron a se desprender aterrou en Galicia ao final do verán para dar case por feito que o "renovador" Xosé Manuel Beiras encabezaría unha candidatura violeta a modo de retiro político e que baixo o seu "carisma" todo serían confluencias ao redor de Podemos en Galicia. Pero Beiras xa non aglutina e como noutras moitas etapas da sua vida política foi un factor divisor.

Así que o dedazo disfrazado dun asemblearismo inexistente non saiu ben e atopámonos dia si e dia tamén con declaracións duns e doutros que amosan a imposibilidade para artellar unha candidatura común polo enchida de egos e heteroxenea que sería. Se nun intento in extremis de non dar a imaxe de desunión total que se está dando remátase por formar unha lista única, ésta será resultado do mais parecido á vella política de salón. Polas formas, polo fondo e polas actrices e actores principais.

Poñamos como punto de partida as eleccións autonómicas de 2012 nas que irrompe AGE como a "Syriza galega". Obtivo un resultado tan prometedor non seu inicio como frustrante en canto a utilidade política en pouco tempo. Escisións parlamentarias motivadas por equilibrios de forzas e de persoas non pazo do Hórreo e a constatación que de AGE non quedan mais que as siglas, se cadra por pouco tempo, e que o traballo parlamentario do agora "proto candidato" ao Congreso Xosé Manuel Beiras  foi escaso e por riba de todo mediático, e que a amálgama de partidos e movementos que queren volver confluir non transmiten mais que incertidume e confusión.

Sen dúbida estas eleccións son as das incertidumes. Por primeira vez un partido con maioría absolutísima  pode perder o goberno na primeira convocatoria, dándose en calquera caso xa por seguro que o retroceso electoral non vai ter precedentes se a demoscopia non erra estrepitosamente. Os novos partidos soben e baixan nas enquisas dende que irrumpiron. Pero alguén se lembra xa do efecto UPyD? Repetirase con Ciudadanos e Podemos nas suas múltiples versións?

O PSOE xógase moito. Pedro Sánchez se cadra moito máis. Con todo, o que ninguén pode negar é que houbo renovación na cúpula via primarias, que o 80% das candidaturas cara ao 20D están renovadas, que en Galicia as encabezarán catro mulleres e que a máquina está en marcha, os cadros elixidos e preparados e o tempo, que é pouco, e os vaivens dos adversarios poden xogar a favor se non se bota a perder en embiguismos e falamos mirándolles aos ollos e aos seus problemas a quen nos deron as costas hai catro anos. Niso andamos a maioría.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.