Pluralidade de ideas, igualdade na xustiza

Os fascistas que atacaron o Centro Cultural catalán Blanquerna en Madrid, que romperon parte das súas instalacións e que gasearon cun spray de pementa os asistentes a un acto pola Diada, que se desenvolvía neses momentos, ficaron case inmediatamente en liberdade até un xuízo oral. Había medios de comunicación presentes, que tamén sofreron as agresións. As imaxes do asalto pódense achar cunha sinxela procura en internet.

Eses fascistas recoñecidos e violentos non padeceron a aplicación da Lei Antiterrorista, non foron xulgados pola Audiencia Nacional e, a continuación, mesmo se presentaron sen problema como candidatos ás eleccións europeas

Porén, eses fascistas recoñecidos e violentos non padeceron a aplicación da Lei Antiterrorista, non foron xulgados pola Audiencia Nacional e, a continuación, mesmo se presentaron sen problema como candidatos ás eleccións europeas. Até onde eu sei, eses fascistas continúan na rúa. Os seus "partidos", entre os cales salienta Falange, non teñen ningunha vía de difusión das súas ideas fechada ou limitada, e iso que só fai falta ter ollos na cara para ver que promoven as agresións físicas e o odio contra o diferente.

Unha das razóns que deron os tribunais para que os asaltantes tivesen un tratamento relaxado da xustiza foi que nese acto no Centro Cultural Blanquerna non estaba presente a bandeira española... Si, como o ledes. Ese razoamento é de España, século XXI!

Como sabe toda persoa que me coñece, rexeito con absoluta firmeza a violencia e penso que se debe cortar de raíz toda posibilidade de que esta agrome en vez do debate das ideas e dos métodos de presión democrática (manifestacións, concentracións, campañas, etc.). Coa mesma firmeza, rexeito a criminalización das ideas, as desproporcionadísimas varas de medir da xustiza española e o sensacionalismo, tan estupidizante como electoralista, promovido polo goberno do PP, ese partido que aínda ten algúns gobernantes e dirixentes que honran a ditadura criminal de Franco, sen que se coñeza actuación policial ningunha por exaltación do terrorismo. Pensemos, por exemplo, na defensa acérrima da homenaxe ao golpista Millán Astray feita por Carlos Negreira, aínda hoxe presidente do PP na provincia da Coruña.

Sen pluralidade de ideas e sen igualdade ante a xustiza non hai verdadeira democracia. Non son temas menores

Tampouco nos debería estrañar tanto, xa o sei. É o partido da Lei Mordaza, o partido que conseguiu as maiores cotas de manipulación informativa, o partido que promove a criminalización das ideas críticas. A que organización veciñal, cultural, feminista, nacionalista, ecoloxista, lingüística ou sindical galega que saíse á rúa nestes anos para mobilizarse contra as políticas do PP non lle chegou como mínimo unha multa?

Sen pluralidade de ideas e sen igualdade ante a xustiza non hai verdadeira democracia. Non son temas menores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.