Sáhara: 40 anos da Marcha Verde

O 6 de novembro cúmprense 40 anos da triste e vergoñosa Marcha Verde, coñecida como Marcha Negra para os saharauís. Triste porque supuxo o comezo do calvario para os saharauís, unha parte viuse obrigada a fuxir e vivir en campamentos de refuxiados ou na diáspora e outra parte a permanecer nas zonas ocupadas do Sáhara, vítimas da tortura, do acoso, do xenocidio perpetrado polo ocupante marroquí contra a poboación saharauí. Vergoñosa pola actitude de España abandonando aos que nese momento eran tan españois como un habitante de Albacete, Valladolid ou da mesmísima capital, cometendo un acto de máxima traizón cara aos seus nacionais.

Con motivo deste fatídico aniversario o sátrapa de Mohamed VI, rei de Marrocos, visitará a capital do Sáhara Occidental, O Aiún. Visita á que Marrocos pretende dar un carácter oficial, en contra da legalidade internacional

Coa Marcha Verde, o réxime marroquí non fixo outra cousa que camuflar e desviar a atención da verdadeira invasión que comezou uns días antes, o 31 de outubro, cando rexementos de tanques e blindados do exército marroquí invaden o Sáhara Occidental, empezando por Hauza e Djederia (leste de Smara), destruíndo, matando e secuestrando á poboación saharauí.

Con motivo deste fatídico aniversario o sátrapa de Mohamed VI, rei de Marrocos, visitará a capital do Sáhara Occidental, O Aiún. Visita á que Marrocos pretende dar un carácter oficial, en contra da legalidade internacional, xa que debemos lembrar que Marrocos soamente é a potencia ocupante, sendo aínda España a potencia administradora, de iure, do territorio. España no canto de exercer como tal e esixir o cumprimento das leis e acordos que piden a celebración dun referendo de autodeterminación para o Sáhara e elevar unha protesta por esta visita, mira para outro lado tal e como vén facendo desde o primeiro día en que abandonou o territorio.

Estamos a ser estes días testemuñas dunha tremenda crise humanitaria nos Campamentos de Refuxiados Saharauís, crise producida debido a unhas choivas sen precedente nos 40 anos de existencia dos mesmos

A poboación saharauí, fiel ao seu carácter de resistencia e protesta pacífica, sairá á rúa para demostrar a súa oposición e rexeitamento a esta visita e á ocupación do Sáhara Occidental por parte de Marrocos. As forzas de ocupación marroquís, coñecedores da determinación da poboación saharauí, enviaron ao Aiún numerosas tropas auxiliares como reforzo ás xa existentes, convertendo a cidade, aínda máis, nunha zona totalmente militarizada. Marrocos, dentro desta política de ferrollo e opresión, está a impedir a entrada de saharauís con pasaportes que non fosen expedidos como marroquís. Está a expulsar a saharauís do territorio co pretexto de estar a traballar como espías para o inimigo. Todos estes actos supoñen unha violación e un atropelo máis da poboación saharauí.

Como consecuencia da invasión marroquí, da covardía dos gobernos españois e a apatía dos organismos internacionais, que obriga aos saharauís a sobrevivir como refuxiados, estamos a ser estes días testemuñas dunha tremenda crise humanitaria nos Campamentos de Refuxiados Saharauís, crise producida debido a unhas choivas sen precedente nos 40 anos de existencia dos mesmos. A situación nos campamentos, difícil xa de por se debido aos recortes en axuda humanitaria destes últimos anos, é nestes momentos moi complicada. Miles de damnificados que perderon o pouco que tiñan, as súas casas e pertenzas. Os almacéns de alimentos totalmente destruídos, hospitais e dispensarios médicos desprovistos dos máis básicos medicamentos.

España debe, dunha vez por todas, condenar dunha maneira clara e concisa a invasión militar do Sáhara Occidental

España debe, dunha vez por todas, condenar dunha maneira clara e concisa a invasión militar do Sáhara Occidental, a Marcha Verde e adoptar as medidas oportunas, que como potencia administradora correspóndenlle, para que o sufrimento do pobo saharauí termine e poida recuperar a terra que por xustiza lle pertence.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.