Nas Cortes Xerais: Café para tod@s, con leite galego

Temos unha tendencia inmensa a perdérmonos en detalles que xa teñen resolución e o momento político e social esíxenos plantexar sen máis dilación retos colectivos de fondo calado.

Os galegos e galegas accedemos á pre-autonomía en 1976, coa aprobación nas Cortes franquistas da Ley para la Reforma Política, mentres se discutía a forma do Estado español, a súa configuración territorial e sobre todo como se lle daba saída ás tres particularidades herdadas da vontade social en tempos da II República española; Euskadi / País Vasco, Catalunya / Cataluña e Galiza / Galicia. Naquela altura e con 40 anos de Ditadura ás costas só houbo unha comanda: Café para tod@s.

O sistema constitucional español dotóuse de dúas cámaras lexislativas, facendo prever un federalismo territorial encuberto, no que o Congreso d@s Deputad@s cumpre unha representación puramente política e o Senado cumpre a función da representación territorial, sen que isto se chegase a asumir nin sequera polo propio Estado.

Galiza chegou ao chamado “Estado das autonomías” pola vía rápida que a Constitución preveu na Disposición Transitoria Segunda para os territorios que anteriormente tiveran plebiscitado os seus Estatutos de Autonomía, polo que non fomos un territorio igual a calquera dos non citados anteriormente, aínda que así nolo repetisen durante décadas para negar o feito diferencial galego.

E isto non o digo eu. O Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1981, establece que “Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ao seu autogoberno…” afirmando que os Poderes da Comunidade Autónoma galega emanan da Constitución española, do Estatuto galego e do Pobo (galego). Xa que logo, existe un territorio delimitado, cunha lingua e cunha cultura de seu e unha sociedade que reside no territorio, que o representa, que o goberna e que mantén vivo o feito diferencial da nación galega.

O 20 de Decembro todo indica que se configurará un novo escenario político no Estado español, que vai traer o debate aos territorios diferenciados históricamente

O 20 de Decembro todo indica que se configurará un novo escenario político no Estado español, que vai traer o debate aos territorios diferenciados históricamente. Un novo escenario político no que a configuración territorial do Estado vai ser tema dun debate que foi silenciado hai catro décadas. E aí, os galegos e galegas precisamos ter voz, e non só no Congreso. Temos que conseguir unha verdadeira representación territorial a través da cámara alta. Se Cataluña e o País Vasco conseguiron representantes con sentido de país no Senado, nós, de certo, tamén o podemos conseguir.

Temos unha oportunidade única de seguir mantendo unha voz galega en Madrid

A división provincial galega fai que cada circunscrición provincial escolla tres Senador@s; tres representantes de Galiza como territorio históricamente diferenciado que terán moito que dicir na toma de decisións como a posíbel reforma da Constitución española -na que o noso país ten que ter recoñecido o seu feito diferencial-, na elección de órganos como o Tribunal Constitucional e o Consejo General del Poder Judicial -no que só se deberían nomear Maxistrad@s propostos polo propio corpo xudicial- ou na Comisión de Transparencia y Buen Gobierno -órgano fundamental en calquera sistema que se queira democrático e que no Estado español aínda comeza a súa andaina-.

O 20 de Decembro temos unha oportunidade única de seguir mantendo unha voz galega en Madrid que mire polos intereses políticos, sociais e culturais deste país; e especialmente polos intereses productivos: o noso mar, a nosa industria, o noso campo e o noso leite.

A lexislatura que aí vén, cunha Candidatura Galega, contará nas Cortes españolas cunha representación territorial en ambas cámaras. Nós, así o demandamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.