Apuntes de Prehistoria de Galiza

Javán, fillo de Jafet e neto de Noe, de foi o primeiro home que pisou o que hoxe chamamos Galiza. Así o testifican autores moi graves e dos que non vou dar nomes, xa que gustan do anonimato eterno. Segundo eles, este anaco do mundo foi poboado por Javán e mailos seus descendentes, e gobernado seica con imperio temperado e xusto. Antes de El chegar non había alí humanoide ningún nin bicho que se lle parecera: lagartos arnais de 4 metros dominaban a beiramar atlántica, porcos bravos xigantes a alta montaña luguesa e ourensán, lobos feroces as serras do interior e lontras asasinas nas ribeiras do Arnego. É de lei que os cativos da República  Independente de Galiza (que xa non falta tanto como faltaba) coñezan de onde veñen aínda que non saiban a onde van, que iso xa vai depender deles.

No ano 131 despois do Diluvio Universal, Noe repartiu o mundo entre os seus tres fillos: a Sem tocáronlle as chousas dos arredores, o que hoxe sería Exipto, a península arábiga e Oriente Medio; a Cam tocáronlle as Áfricas, e a Jafet, as terras bárbaras do norte, o que vén sendo a actual Europa. Anos despois, a Jafet chegoulle a hora tamén das partillas e mandou a cada un dos sete fillos a poboar as provincias europeas. Javán era o fillo do medio xusto: tiña tres mais vellos (Gomer, Magog e Madai) e tres mais novos (Tubal, Mesec e Tiras). O pai Jafet nunca o mirou con bos ollos e o seu carácter “tanto me da tanto me ten” empeoraba as cousas. De feito, púxolle o nome de Javán (en galego, Xavai) porque sempre respondía ás urxencias do pai cun “Xa vai”, pero nunca daba chegado. Por riba, o mozo tampouco sobresaía en ningunha das angueiras daqueles tempos. Así que cando o das partillas, mandouno polo mapa abaixo a procurar o fin do mundo, non porque lle proera saber onde estremaba a terra senón mais ben por sacalo de diante dos fociños dunha santa vez. Así foi como o tal Javán chegou a Fisterra. Contan os vellos aínda vivos que a recua imperial ía polas congostras berrando “Xa veu Xaván!”, e o fillo de Jafet, co meigallo xa no corpo, respondía “Xa vou” dende o alto da besta rexia (séculos mais tarde este episodio sería recollido na cantiga “Se vas a Bueu nun bou, vou e vou e vou ...” ).

Javán reinou baixo o nome de Xavou I e os seus dominios estremaban cos dous mares (o Mar de Arriba o Mar de Abaixo), o rio Miño e dous marcos espetados na cima dos Ancares e do Padornelo.  A terra galega ben se podía comparar coas mellores do universo mundo; e a ningunha delas recoñecía vantaxe, nin no saudable ceo de que gozaba, nin na abundancia e regalía de toda caste de froitos que producía; nin en metais, ouro, prata e pedras preciosas das que estaba petada toda ela. Non é coma Castela, Estremadura ou Andalucía, que se abrasan coa violencia do sol; nin tampouco coma Cataluña ou Aragón, traballadas polos ventos inclementes, xeadas e nevaradas sen misericordia. Os froitos das árbores son grandemente suaves; a nobreza das viñas e do viño, excelente; hai abundancia de pan, mel, aceite, gando, azucres, seda e las sen traza. Ten minas de ouro e de prata, hai veas de ferro as que se queira, pedras transparentes e de espello, e non faltan canteiras de mármore de tódalas castes, con marabillosa variedade de cores coas que Deus quixo xogar e deleitar os nosos ollos.

Xavou I tivo catro fillos sans e espelidos: Elisa, Tarsis, Quitim e Rodanim. Os nomes escollidos xa indican ás claras que o emperador xa tiña o orballo nos osos. A Elisa non lle chamou así ao nacer, pero cando se fixo moza toda a corte dicía “é lisa” ao vela pasar, facendo mención á súa espeteira escasa. A Tarsis bautizouno así pero rematou sendo coñecido por Tarsiano; Quitim era un fervello e os pais non paraban de dicirlle que parara “quieto”. A Rodanim púxolle así en lembranza da praia de Rodas, onde lle parecía fora encargado o rapaz. Ademais, en Quitim e Rodanim vese xa a querenza do galego polo diminutivo e minifundio: Quitim deu en Quietiño, Rodanim en Rodiño. Cando a Xavou I lle chegou a hora de partillar, subiu ao curuto do Monte Faro (o mesmo poleiro onde séculos despois subiría o emperador Fraga e mailo seu golfiño Cuíña I a encherse de polbo e aplausos), e dende alí trazou unhas liñas imaxinarias, dividindo o imperio en catro feudos iguais, cuarta arriba cuarta abaixo. Un para cadanseu descendente: A Elisa tocoulle o que hoxe coñecemos como a provincia da Coruña, a Tarsiano a de Lugo, a Quietiño a de Ourense e a Rodiño a de Pontevedra. Así naceu a división provincial galega. Se Xavou I tivera tres fillos, serían tres as provincias; e se tivera vintesete, pois serían vintesete. Maiormente, así son sempre as cousas da vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.