0 Gardados para despois

Diogo Tabuada

A excepción, a norma e a permanencia do “vello”

Ao entrañable e xeneroso home do pelo branco

A ferida xa estaba feita. Tiña e ten historia de seu. Non é unha foto fixa, como tampouco fixas son as veas abertas de América Latina que nos mostrou Eduardo Galeano - canto te botamos de menos, Eduardo, tanto como botamos a Mario. Tanto como ti o botabas de menos, cando espetache a un entrevistador que che preguntara polo seu finamento aquelo de prefiero no decir nada. No me gusta la inflación palabraria.

Feridas, o que se di feridas, Galicia ten unhas cantas. Na miña cándida inocencia, sempre pensei que os conservadores trataban as feridas sen negar a súa existencia, mais non, os conservadores do Reino de Galicia non queren curar feridas, poñen unha gasa sobre o sangue e inventan algún fetiche retórico para restarlle importancia.

As evasions fiscais constantes non eran unha excepción antes da providencial chegada de Núñez Feijoo, eran – e son – a norma. O fortísimo impacto ecolóxico na costa froito do monocultivo do ladrillo, tampouco eran unha excepción, nin o colapso da administración de Xustiza, nin as fortes desigualdades de clase e xeográficas internas no noso modelo de desenvolvemento, nin o absurdo e antipedagóxico presentismo político-electoral do debate público, nin a existencia duns medios de comunicación, audiovisuais e escritos, que reflexan unha realidade perfumada sen enfoque sociolóxico integrado, nin a existencia dos maiores índices de paro na historia contemporánea da España post-transición, nin a mercantilización crecente e progresiva das universidades dopo il proceso de Bolonia na xa consolidada Europa-fortaleza, nin as múltiples violencias institucionalizadas - de xénero, racial e de clase -, xa como realidade estructural e crónica, nin a precarización, inestabilidade e hiper-flexibilidade dos contratos laborais, nin a persistencia de Deputacions provinciais que siguen facendo a función reprodutiva de redes caciquis e clientelares, tal si fosen pequenos reinos de taifas cronificados no corpo político e institucional do Reino de Galicia.

Tampouco era unha excepción o saldo vexetativo negativo nun país que expulsa mans, corazóns e cerebros a cambio de nada, nin excepción era manter a vida cotiá de moitas familias do interior coa respiración asistida de pírricas rentas de inserción social, como tampouco a calculada desaparición do campesiñado en aras dunha “modernización” económica que resultou na maior desertificación demográfica da historia contemporánea de Galicia. Non, todo isto non son excepcions, senon síntomas estructurais e crónicos resultantes da acrítica adopción do modelo integral de “desenvolvemento” euroamericano e otanizado por parte das nosas “élites” políticas, céntricas ou periféricas. Síntomas resultantes, tamén, da claudicación ética de boa parte da esquerda que convertiu verbas coma laicismo, republicanismo, socialismo, federalismo, internacionalismo, ecoloxismo, feminismo e pacifismo en significantes sen significado nin elaboración contra-cultural colectiva.

Mais, ¡cap problem, che!. Questo é semplicemente un sogno, non unha realidade, e santas pascuas.  O certo é que todo isto non era unha excepción antes de Feijoo, senon a norma que caracterizaba á que hoxe é a anormalidade estructural permanente no Reino de Galicia. Esa mesma anormalidade que tampouco aquel gobernó bipartito BNG-PSOE soubo interpretar e abordar. Había moitas prisas, sí, e moito desexo de venganza contra a “cosa nostra”. Había que acomodar o cu nas cadeiras e comezar a deixarse ver nas cámaras. O de menos era cómo curar feridas sociais crónicas, o de máis era aparecer no centro dil fuoco.

Manuel Rivas adoitaba dicir – non sei agora - aquelo de que Galicia era un país de conservadores que non conservan nada. Rivas foi excesivamente amable. En realidade, Galicia é un país de conservadores no que os conservadores destrúen todo, quer por omisión, quer por acción. Non é un azar que estes conservadores fagan campaña no clube financiero de Vigo, esa institución “multilingüe” e “cosmopolita” que se relaciona coa Terminal city club en Canadá, coa City university club en Londres e coa Associaçao comercial do Porto, entre outras. Esa institución que, como boa institución multilingüe que é, tamén se permite o luxo de elaborar as súas propias políticas lingüísticas en petit comité, sen consultar con filólogos, políticos, profesores de primaria e secundaria, profesores universitarios e, en resumo, sociedade civil galego pensante, sentinte e chingante en xeral.

E é que este clube ten que velar polo dereito de libre-determinación dos seus empresarios, que non representan senón un 3% da sociedade civil galega en xeral, mais que son, ao fin e ao cabo, xentes de “mérito” e “capacidade” aos que non convén discutir nunca, nin en materia de desenvolvimento económico, nin en materia de política lingüística, sobre a que eles mesmos se pronuncian con moita claridade no apartado 6 das súas famosas propuestas para una nueva legislatura. Cuadernos para el debate, número 15. Propostas que, como vostedes saberán, o moi independente clube entregoulle en man a Núñez Feijoo.

Así reza o susodito apartado :

“La política lingüística no puede ser, en ningún caso, un obstáculo para la inversión, sin que ello implique renuncia alguna a un patrimonio cultural que estamos obligados a conservar”. También sobre esta cuestión, Círculo de Empresarios de Galicia ha dejado clara su postura, que pasa por reclamar la derogación del decreto 124/2007, exigir el mismo trato para castellano y gallego, la libertad de elección de idioma en el caso de rotulación de establecimientos comerciales y señalización del territorio y la rotulación de edificios oficiales

¡Et voilá!. O primeiro é o primeiro para o noso moi independente clube financiero de Vigo, e as políticas lingüísticas non deben ser, en absoluto, un obstáculo para a inversión. Unha mágoa que a meirande parte dos empresarios galegos sigan sen mirar cara a Portugal, e unha mágoa, tamén, que o establecemento de relacions xeo-políticas, culturais e comercais co ámbito lusófono non apareza na folla de ruta, podendo ser, sen dúbida, o establecemento destas relacions, unha vaga de ar fresco para as industrias culturais e editoriais galegas realmente existentes, e non só, dende logo, dende un punto de vista economicista, senon de “proteína cultural” viva, de situar a Galicia no mundo do mesmo xeito que a viviu e a practicou o meu benquerido escritor e amigo Xosé Lois García.

Non é un azar, tampouco, que os conservadores galegos se xunten co mandarinato económico do Foro Nova economía, non. Nada é azaroso nunha estratexia neoliberal de colonización integral do imaxinario colectivo : o primeiro paso é convencer ás “élites autóctonas” de que a universalidade, o cosmopolitismo e a modernidade ten como custo a desintegración integral da diferencia, da diversidade, da particularidade da realidade na que o mesmo colonizado polo “universalismo” euroamericano crea e se compromete.

Non é azarosa a estratexia de desubstanciación integral das redes de solidaridade e da identidade nacional do conservadorismo galego - e refírome á identidade no senso canónico ou plebeo do termo -. Interesa a guettificación calculada da lingua galega e das súas culturas de resistencia, aquelas non subsumibles ás narrativas oficiais do imperialismo cultural globalizado. O rol que queren de nós, da sociedade galega, foi sempre o rol de ser a periferia resignada, mais nunca participativa nin activa en proxectos de producción cultural e política que rompan cos referentes, as referencias e os marcos espacio-tempo dos paradigmas eurocéntricos dende os que levamos auto-interpretándonos a nós mesmos dende hai tempo.

Non, non é un azar que o conservador galego, conservar, o que se di conservar, non conserve ren. É xente de “orde”, mais aplica o “laisez faire laisez passé” ao des-orde económico realmente existente. É monolingüe castelanófono en privado, mais de vez en cando esforzase por demostrar en público que fala galego na intimidade. O seu “universalismo” é o sutil e violento racismo dos estados-nación. O seu “cosmopolitismo” é o cosmopolitismo do capital transnacional. En honor á precisión, son “universalistas cosmopolitas” que só conservan a morte. Cando a vida pide permiso para vivir, alí está o conservador galego para matala.

Free ride for global capital, but free control for inmigrants!, adoita exclamar o conservador galego, desgaleguizándose en todo, até no acento, para dar a impresión de ser un home moi viaxado, aínda que aprendese inglés nunha academia de A Coruña e comercio internacional en Santiago.
Non, Don Núñez Feijoo non é unha excepción. Nun teatro de monicreques, quen move os fíos sabe moi ben qué tipo de personaxes necesita, e Feijoo, como Mariano Rajoy, son os monicreques acaídos. Detrás deles, na recámara, veñen Pablo Iglesias e Albert Rivera. Hai substitutos abondo para representar o teatro do realismo realmente existente no Reino de España.

Agora só temos que mirarnos a nós mesmos ao espello, mais como sociedade, non como ente en perpetua e dispersa primeira do singular, e pronunciar a máis delicada e importante das preguntas : ¿Quenes somos?. ¿De ónde vimos?. ¿Cara ónde queremos ir?. ¿Cómo?. ¿Para qué?. ¿Con quen?. Nunca tan sinxelas preguntas foron tan determinantes á hora de falar sobre a cultura, a política, e viceversa, que queremos para este país, o noso, en situación de anormalidade crónica, estructural e permanente.

O silencio, sí, mata. Xa nos está matando. Quizais sexa a hora de rompelo con elegancia, con civismo e sen histrionismos.

Acerca de Diogo Tabuada