Sentidiño fronte á barbarie

“Veñen degolar os  nosos fillos e as nosas mulleres…
Ás  armas, cidadáns”(“La Marselleise”).

O hino francés que cantaban os seareiros do Stade de France despois do seu desaloxo na tráxica noite do venres compúxose no 1792, cando o goberno da Convención, ao xeito da crida da vella Generalitat  catalá, chamou ás armas á cidadanía fronte á coalición europea que quería repór Louis XVI. O exército popular formado daquela derrotou aos coaligados monárquicos e os seus oficiais foron a base da temíbel Grande Armée napoleónica.
      
O inimigo de hoxendía non se enfronta nun campo de batalla, senón que actúa entre nós. Todos somos o  seu obxectivo e os seus efectivos amosan total desprezo pola vida propia. Mais de ningún xeito esta cadea de mortes do Isis é un feito novidoso nin un salto cualitativo. Esta caste de atentados e agresións principiaron coas torres xemelgas de Manhattan no 2001 e seguiron co atentado dos trens de Atocha no 2004, xunto con accións semellantes por todo o mundo. Hoxe Isis, onte Al Quaida, mudan as estruturas organizativas e remanece a mesma barbarie islamista (que non islámica), o mesmo desprezo pola vida propia e allea e o mesmo financiamento dende determinados poderes económicos e políticos da Arabia Saudita e dos Emiratos.

Quere isto dicir que as reaccións estilo Guantánamo e Patriot Act (a lei especial  promulgada despois do atentado de Manhattan que limitaba substancialmente os dereitos dos presos islamistas dentro e fóra dos USA) non serven. O mundo é aínda máis inseguro logo da súa promulgación. A loita contra o terrorismo islamista require, primeiro de todo, de sentido común. A restrición das liberdades dalle azos ao Isis, que gaña cando acada os seus obxectivos ao renunciarmos, mesmo parcialmente, ao noso réxime de liberdades e garantías e ao uso dos espazos públicos.

Esta loita require dunha planificación coordinada a nível europeo, que trascenda dos marcos dos vellos Estados. Unha planificación que atenda substancialmente aos fluxos financeiros, ás pescudas na web e ao tránsito ilegal de armas. E que implemente unha política de defensa común, afortalando en Siria e Iraq ás institucións curdas na súa guerra contra o Isis.

É un fenómeno que, por desgraza, xa coñecemos. O que compre, pois, é sentidiño e serenidade fronte á barbarie.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.