Nihilismo no croissant

Seica estamos en guerra contra o autoproclamado Estado Islámico (EI). A memoria goza de pouco reparto. Decote esquecemos que por excluírmos da nosa condición todo o que nos apavora ou causa horror, non deixa de continuar existindo. Infelizmente, a terrorismo ten cumprida tradición na Europa. As matanzas de París producíronse namentres centenares de milleiros de desesperados refuxiados musulmáns provenientes de Siria afogan no mar ou espallan por Centroeuropa, moitos deles fuxindo tanto do EI como de Baixar al-Assads nunha contorna xeopolítica na que o enfrontamento entre sunnitas e xiitas (quer dicir, a Arabia Saudita e o Iran) soerguen o pano de fundo. Desde o ataque á sala de festas Bataclán de París, cantas persoas morreran vítimas da violencia nos países musulmáns da contorna? Debemos, porén, condenar sen ambigüidades as mortes como un ataque á propia substancia das nosas liberdades. Non foi por acaso que o fundamentalistas irromperan no medio dunha celebración hedonista dos non-crentes un venres á noite, mas como acaidamente defende Žižek, o conflito entre a permisividade liberal e o fundamentalismo relixioso é, ao cabo, un falso conflito. Acreditarmos na erradicación de determinadas formas de relixión traería a erradicación da violencia é simplista de máis cando a violencia ten a feitura estrutural de crecemento na que aximos e á que os depredadores, situándose alén do ben e do mal, sacrifican "lexitimamente" as nosas sociedades despolitizadas. Que pola traseira da retórica bélica se acabe colando  máis autoritarismo pósdemocrático nas xa devalantes  democracias occidentais.

Con todo, toda arela de transcendencia apunta no derradeiro momento a unha dupla carencia: a fe e o pobo. Deleuze, o filósofo que celebraba a imanencia do ser seguindo a esteira nietzscheana (quer dicir, que non hai nada alén do que é) facíao co desexo de visar a posibilidade de crear mundo e formas de vida máis libres. A xornada de violencia en París serve, en sentido deleuziano, para unha crítica da representación nas democracias occidentais á luz do reto que o EI lanza. Precisamente, que ningún estado, maioría ou ideal poden representalo plenamente todo e que tampouco atoparemos nunca nas democracias occidentais. O resto, o que fica fora é , precisamente, a soberanía popular. Por iso é preocupante que Hollande sobredimensione ao inimigo,na mudanza da legalidade constitucional francesa pola vía autoritaria, a súa incidencia na vida cotiá dos franceses, ao cabo, outorgándolle ao EI o recoñecemento de inimigo público número un. Mesmo ao focalizar en exceso a disonancia Islam e Occidente cando ten fondas raiceiras no mundo islámico non fai máis que pór de relevo que non poucos estados que agora se senten agredidos levan tempo utilizando en proveito propio o EI. A fasquía bélica non é máis do que a expresión dunha impotencia dos estados cando teñen de afrontar os ataques nihilistas de quen mata morrendo sob directrices externas e  vive e actúa aquén Europa.

Coa mesma fasquía e linguaxe bélica de Bush, Hollande apresurou en colocar o foco do problema fora da Francia. A reacción inmediata golpeando a capital do EI na Siria foi a resposta ao que se considerou unha “declaración de guerra”, entendemos que para excluír calquera aceno ou tentativa de criminalización da comunidade musulmá e de paso xustificar accións bélicas en Mali, no Sahel, ou na Síria, facendo valer a súa lexitimidade á fronte da República, aínda que sabemos que tentando eliminar a ameaza no Irak ou na Síria, acabou por acordar a criatura. Hollande declárase en guerra e reclama implicación internacional, nesta orde. Francia seica mudará a constitución para espallar o estado de emerxencia e anuncia máis bombardeos. Dobregar o EI na Siria non eliminará a ameza jihadista. A resposta non pode ser militar.

Tampouco a pasividade e o multiculturalismo naif que obvia que cómpre resolver problemas de integración, comezando por unha axeitada acollida dos refuxiados, axudando a que as democracias se consoliden (Tunicia) e as alternativas da esquerda laica non esmorezan. Porén, as democracias liberais  que supostamente combaten a ideoloxía salafista coa que se lexitima teoloxicamente estas accións terroristas, mostran unha reiterada deferencia  cos réximes do Golfo que alentan o salafismo mas axen como liberais no comercio e no negocio global. Un non pode afirmar que as maiorías occidentais non sabían o que acontecera coa guerra de Irak, que estabamos enganados polos tres dos Açores, coa fin se salvármonos a nós mesmos dunha condena colectiva. Non abonda porén coa idea de Arendt da “banalidade do Mal” cando o salafismo se mostra con obscena fruición sob o aparato dun Estado que integra dogma relixioso, militarización, tortura e asasinato na súa conciencia ideolóxica.

Aquí, é claro, a fasquía bélica amosada por Hollande no momento traumático - ideolóxico na súa forma máis pura- lévanos a ignorar que -alagados do pathos de solidariedade universal- os actores do neoliberalismo hexemónico están a crear situacións deletéreas. No entanto, o que se perde de vista no foco parisino do horror é que o significado do chamado terrorismo global é multifacetado e aínda que pareza rudo, non o padece igual o civil parisino que e o civil sirio. Para alén da experiencia subxectiva, o primeiro trauma encobre indistintamente os verdadeiros intereses da intervención francesa e occidental na Siria ou na República Centroafricana e como o fundamentalismo islámico axiu do abortamento da esquerda secular nos países musulmáns. A diferencia do terrorismo europeo dos sesenta é que o EI tén pola primeira vez unha base territorial propia- que Al-Qaida ensaiara xa no Afganistán. A declaración de guerra realizada por Hollande apunta a ese factor territorial ao visar a crise como un problema militar que acabou por afastar aínda máis aos europeos da opinión pública árabe. Porén, a “loita contra o terrorismo" apaña a fasquía dunha loita polo monopolio da violencia global nas que Francia e Europa poden ficar reféns de teimar nunha resposta que acaba por xerar aquilo que “reprime” e regula  cando non se albiscan as condicións de unidade nin na sociedade francesa nin na UE  e os seus aliados para unha guerra tal e como se escenificou na última  reunión G-20. Velaí a Sarkozy pedíndolle a Hollande aliñarse coas propostas en política exterior da extrema dereita de Le Pen.  A Unión Europea deberá afrontar o reto que supón que haxa estratexias illadas dos seus estados á hora de afrontar un conflito multifacetado que, do mesmo xeito que coa crise dos refuxiados, está  a levar  a unha blindaxe dos estados que sobredimensione e espalle o pánico. A non ser que se acredite que o EI teña capacidade para desestabilizar os estados membros da UE.

As contradiccións abrollan no centro de Paris dende a banlieue. Unha xuventude musulmá desafecta que se torna receptiva aos chamado do estado fundamentalista. As condicións para o desenvolvemento do fanatismo relixioso de fasquía destrutiva e fatalista que operan nun marco mental debidamente adoutrinado no que achan azos para sentírense alguén no matar e no morrer na procura, talvez, dun recoñecemento que non teñen agás como funcionarios de deus, como procesos de autorrealización persoal propio do santo-martir. No entanto, o terrorismo sob o veu do fanatismo relixioso só é unha das formas de nihilismo -se deus é quen máis ordena non pode ser mau-. Cando se torna misión, a inhumanidade de deus xurde con impiedade. Se deus é, todo é posíbel. É precisamente esta suspensión ”transgresora” que leva á autoinmolación o que non nos debería sorprender tanto na Europa dos mártires pola fe que acabara por estabelecer a dialéctica da transcendencia - que resolverá dunha vez todas as contradicións e insuficiencias da sociedade contemporánea- ao subsumir a da imanencia. Mas teimamos en cualificarmos de monstros aos terroristas porque nos parece que ao facelo todo o que é inhumano esvaece na distancia. Acaso, este tipo de activa indiferenza non fai parte do conflito? Mais unha vez Francia e Occidente fican pasmados perante a evidencia de que o monstro mora na casa. Porén, embalados na tentación da inocencia esquecémonos del cando fica alén nós, na distancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.