Un mundo en caos

Se escoitando as tertulias radiofónicas e televisivas dos últimos días pretendemos comprender o que ocorreu en París o fatídico día 13 deste mes só conseguiremos ficar estupefactos, cando non indignados, polo caudal de insensateces, superficialidades e necidades que neses ‘edificantes’ programas se prodigan. Parece que unha das tendencias de moda nalgúns medios, demasiados por desgraza, consiste en tratar certos acontecementos transcendentes transmitindo a información facilitada polos gobernos sen amosar a máis mínima capacidade crítica nin de investigación propia sobre o asunto. Parece que isto último, nun mundo no que mandan as imaxes morbosas e a paixón do momento, non está de moda. Ou, quizais, simplemente non interesa racionalizar o que ocorre.

Intentarei, xa que logo, remediar humildemente esa ausencia analítica. Durante a I Guerra Mundial confirmouse o potencial petrolífero dos países de Oriente Medio e o goberno británico foi plenamente consciente do valor estratéxico deste prezado combustible, vital para a Royal Navy e o desenvolvemento da súa industria. En consecuencia, declarou os territorios de Persia e Mesopotamia como un "obxectivo de guerra de primeira clase". Como primeiro paso os ingleses utilizaron a diplomacia secreta iniciando conversas con Francia para repartirse certos territorios desa estratéxica rexión dando lugar aos acordos de Sykes-Picot (1916). Os británicos asegurábanse o control dunha ampla zona que comprendía, entre outros, o actual Iraq, Xordania e parte da península arábiga, mentres Francia recibiría Siria, Líbano e parte de Turquía. Este acordo dividía artificialmente territorios que formaban parte do antigo Imperio Otomán e de tribos poderosas que controlaban Arabia, pero aquel reparto non atendía a intereses locais senón coloniais. O que querían británicos e franceses era o petróleo do Crecente Fértil e a maneira de facerse con el consistía en dividir e enfrontar as distintas etnias e tribos en beneficio das novas metrópoles. A esta época pertence o lendario Lawrence de Arabia, axente británico, encargado de dirixir a rebelión árabe contra os turcos. Co paso do tempo, os difíciles equilibrios entre as potencias foron deixando ao descuberto os seus xogos e mentiras, pero a súa influencia sobre a zona nunca desapareceu, incluso na época poscolonial, permanecendo ata a actualidade.

O control occidental dunha zona de enorme interese xeo estratéxico (acceso marítimo por Suez ao Indico e Pacífico e terrestre a Asia, ademais de contar cos maiores xacementos petrolíferos mundiais) só se podía exercer con éxito evitando a unidade árabe e a independencia real dos países da rexión. Por tanto, as diferenzas tribais foron explotadas habilmente fomentando guerras periódicas e exacerbando a división relixiosa entre sunís e chiís, ademais de auspiciar o proxecto de creación do artificial estado xudeu de Israel en terras de Palestina. Ao final da II Guerra Mundial é Estados Unidos quen se fai co control da zona herdando a influencia británica e desprazando paulatinamente a Francia das súas antigas posesións. O día dos namorados de 1945 Roosevelt asina co rei árabe Abdulaziz Bin Saud un acordo secreto no barco de guerra Quincy no que se establece unha alianza perpetua entre os dous países. EEUU sería o garante da seguridade e continuidade da casa Al Saud en Arabia a cambio do control e explotación por América do seu petróleo, dende 1933 en mans das compañías de Rockefeller. 

Este acordo é unha das claves para entender o que sucede na actualidade. A dinastía Saudita pertence á rama relixiosa wahabí do sunnismo, unha seita integrista do Islam, misóxina e moi agresiva cos cristiáns, pero tamén coas outras ramas islamitas como os chiítas. Esta tendencia, tamén denominada takfirí, propugna a eliminación física e violenta dos infieis e de todos os heterodoxos musulmáns (en realidade, calquera que non pense coma eles). A promesa americana de que os sauditas serían os seus aliados eternos na zona está na base da expansión das variantes do wahabismo en Oriente Medio e o norte de África, mesmo nos grupos de emigrantes musulmáns en Europa. Durante a primavera árabe (2010) EEUU deu un paso máis e prometeu dividir Siria e Irak en favor de Arabia e Turquía. Con esa premisa estes países decidiron apoiar aos Irmáns Musulmáns, Al-Nusra e o Daesh (ou Estado Islámico-EI) para que fixesen o traballo sucio e, unha vez conseguido o obxectivo, desfacerse deles e anexionarse os restos da antiga Mesopotamia. Pero eses xogos malabares non saíron como agardaban turcos e sauditas. A EEUU tampouco lle foi mellor. No Iraq asentáronse os chiítas, agora proclives a Irán, e en Siria non foron capaces de acabar co goberno soberano de Bashar Al Assad a pesar do inxente apoio en armas e loxística ao EI. Agora sábese que no nacemento desta estraña e sinistra organización participaron os sauditas e Turquía baixo a atenta mirada de EEUU, Reino Unido e Francia. Por se alguén aínda non o ten claro debemos lembrar que o EI vende o petróleo dos pozos sirios e iraquís que controla ás compañías occidentais, algo imposible sen o consentimento da OTAN. De feito moitos dos seus milicianos son árabes europeos que entraron libremente a Siria a través de Turquía (lembrar: un país da OTAN) co aplauso de Francia (“estano facendo ben”: Laurent Fabius dixit) apoiando explicitamente ao grupo Al Nusra e facilitándolle armas e loxística a todos os demais. Pero agora o EI, nun acto de soberbia, ata o paroxismo, decide incluír Arabia Saudita como parte do seu futuro califato poñendo (aparentemente) patas arriba todo o proxecto deseñado pola OTAN antes das primaveras árabes

Á vista do que sucede está claro que a estratexia de división e caos deseñada a principios do s.XX segue vixente na actualidade, coa súa máxima expresión en Libia, Iraq e Siria, ameazando agora ao resto dos países veciños, mesmo a Europa. Sen embargo, é posible que o enredo se lle fose das mans aos conspicuos directores do master plan. As atrocidades televisadas do EI foron demasiado para as mentes refinadas de occidente e EEUU non tivo máis remedio que intervir —aínda que fose timidamente— contra este grupo terrorista e iso fixo que a lúa de mel entre a OTAN e os islamitas radicais entrase en crise. No proceloso mundo actual —no que algúns xogan a moitas bandas— é difícil controlar todos os fíos e algo ocorreu a final deste verán cando milleiros de refuxiados sirios e iraquís comezaron a trasladarse dende Turquía a Europa. Por que ocorreu este fenómeno, cando os refuxiados levaban varios anos regularizados e asentados en campamentos organizados de Turquía e Xordania? Quizais porque na altura estaban xa en negociacións Rusia e EEUU sobre o futuro de Oriente Medio deixando de lado a Turquía, Arabia e Francia?

Quizais fose como resposta turca á retirada das baterías de anti mísiles que EEUU tiña na súa fronteira con Siria? Quizais porque hai intereses en mergullar Europa nunha crecente inestabilidade? Quizais porque á patronal alemá lle interesa abundante man de obra barata? Quizais pola natural desesperación dos refuxiados? O máis probable é que a resposta sexa unha complexa combinación de todos estes elementos. No momento álxido deste caos dos refuxiados entra en xogo Rusia, cun despregue militar relampo, e en poucas semanas faise co control da situación militar en Siria dándolle ao EI por todos lados e facendo que se repreguen en masa moitas bandas takfirís ata a fronteira turca. E chegamos a París. É normal que ocorran feitos desta envergadura nun país, membro punteiro da OTAN, en alerta máxima dende hai meses? Será unha advertencia dos islamitas radicais a Occidente por abandonalos nos últimos tempos, despois de prometerlles o seu apoio ao establecemento do Califato en Mesopotamia? Ou quizais o que se pretende é enviar unha mensaxe de que Francia por si mesma, e por tanto o resto da Europa continental (o Reino Unido é outra cousa), non é capaz de coidar a súa seguridade e que debe implicarse máis na “seguridade global”? Tamén é posible que o atentado de París obrigue a un novo deseño da política de alianzas en Europa en beneficio de Rusia. Todo podería ser, pero convén lembrar que na alta política case nada é o que parece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.