Lobos Sucios

Na Inauguración do Festival do Cine en Ourense, o sábado 14 de Novembro, asistimos á estrea da película de Simon Casal De Miguel, Lobos sucios, xogando coas palabras wolff-ram , wólfram.  O director trata o tema da mina do Casaio, na comarca de Valdeorras, tamén chamada dos alemáns.

O wólfram é un mineral de grandes cualidades: Ten a máxima dureza, superada só polo diamante, o punto de fusión máis alto de todos os metáis, e alta densidade.  Moi valorado polos alemán na II Guerra Mundial para fabricar armamento. Hoxe emprégase na electrónica, nos teléfonos móbiles, nos avións…

En Alemaña servíanse da produción deste metal na China, pero a importación se dificulta cando os nazis atacan a URS e pechan a vía de entrada. É así como España, produtora e “amiga” pasa a subministrar o wolfram a Hitler. O embaixador alemán era explícito: "o wolfram é para nós o que o sangue para os homes". Necesitábano para a construcción de armamento. Franco quedaba ben con Hitler, e de paso conseguía diñeiro para poder pagar as débedas da Guerra Civil. En Galicia, onde había varias minas do prezado metal, deixaba tamén o seu. Deu emprego a miles de traballadores, evitando o éxodo. Houbo tamén moito contrabando de wolfram que adquirira un alto prezo. Pasa de 42 euros por tonelada en 1941, a 2.000 en 1944. O metal conseguido polos que ían á roubeta vendíase caro no mercado negro.

Neste  momento histórico nos sitúa o film, reflectindo o ambiente pobre dun pobo mineiro, e unha casa onde viven, coa nai vella,  dúas irmás, unha delas, Manuela, cunha filla de solteira enferma, tuberculosa, e  a máis nova. As dúas mulleres interpretadas maxistralmente  por Marián Álvarez e Manuela Vellés, son as personaxes fundamentais da película, que podemos cualificar como feminista; Presenta dúas mulleres valentes, que actúan e se arriscan por motivos éticos. Viven da mina e tamén van á roubeta e conseguen sacas de wólfram. A menor, Candela, apiádase dun vello xudeu que quere fuxir a Portugal. A moza coñece ben a zona e sabe cando, a que hora, se pode vadear o río e conseguir a liberdade. Serán moitas as persoas que salve dos nazis, incluso a unha rapaza alemá, que descoñece totalmente a lingua, e refuxia na súa casa.

Seguindo o rastro, chega o militar, coronel?, con mando en praza. Sentan á moza a xantar na mesa e fana pasar por unha prima que está de visita. Un dos moitos momentos de tensión que se viven na película que non deixa tregua.

Ademais dos nazis e da xente do pobo hai uns personaxes que viven na clandestinidade. Demócratas, republicanos, comunistas, un deles, inglés, pertence á familia dos antigos donos da mina. Este grupo pretenden roubar o cargamento de mineral almacenado, que virán recoller os nazis. Para conseguilo deben tomar contacto cos presos políticos que trouxeron a traballar como escravos na mina. Algúns deles coñecidos activistas e rebeldes.

Son as dúas irmás as que van a servir de contacto e a maior se entenderá co mando militar, home atractivo, que busca nela non só a muller, senón á bruxa, a que sabe misterios dun bosque de lobos, do que nos mostran imaxes fermosísimas. O alemán ten veleidades esotéricas en relación con certas lendas e ese será o punto fraco que aproveita a viva e intelixente Manuela para conseguir o que quere. Aínda que Manuela mira, e se entenden coa mirada, a un preso político, non é aínda unha relación amorosa explícita. Aspecto relevante desde o punto de vista da dignidade da muller, é que Manuela, mesmo se se entrega ao militar nazi para axudar ao roubo do wólfram, non a vemos anoxada, e máis ben parece compracerse nas relación sexuais.

Son moitos temas mesturados, xunto a actividades estratéxicas de gran importancia na II Guerra Mundial que se desenvolveron nun pobo galego. Son feitos reais e a película ten un valor informativo, histórico, ético e estético. A fotografía magnífica e os efectos especiais axudan a configurar os lugares e a manter a expectación das persoas asistentes.

Celebro a chegada de cine e cineastas galegos que nos fagan sentir orgullo e nos interesen, ensinen e engaiolen con films coma Lobos Sucios. A sala completa felicitou con aplausos aos seus integrantes, director, actrices e actores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.