“Macrismo” para un ciclo incerto

Resulta indubidable a importancia estratéxica relativa ao ballotage presidencial do pasado 22 de novembro na Arxentina. Tanto como un final de ciclo político, neste caso da hexemonía trazada polo “kirchnerismo” desde 2003, contextualizado ó mesmo tempo por un súbito cambio xeracional na política arxentina, a vitoria de Mauricio Macri define o impulso dunha alternativa opositora (neste caso de cariz neoliberal) aos cambios progresistas hemisféricos observados desde 1998, con latentes expectativas de reprodución noutros contextos, en particular os comicios parlamentarios do próximo 6 de decembro en Venezuela e as tensións políticas no Brasil de Dilma Rousseff. Ó mesmo tempo, este escenario prevé posibles recomposicións de alianzas nos sistemas rexionais de integración, en particular MERCOSUR, así como nas relacións hemisféricas con Washington.

Neste histórico ballotage arxentino, Macri ampliou a súa votación en mais de catro millóns de votantes en menos dun mes, dende a celebración da primeira volta o pasado 27 de outubro. Este dato revela diversas chaves detrás dos comicios presidenciais arxentinos, en particular co respecto ao liderado do seu rival Daniel Scioli como abandeirado “post-kirchnerista”, e das incertezas que se anuncian a partir de agora no panorama político arxentino.

O contexto actual non resulta claro para a consolidación dunha nova fórmula política, sexa eventualmente denominada como o “macrismo”

Cun 51,4% dos votos, resulta indubidable que Macri logro reconstituír o espazo político dunha oposición fragmentada tras doce anos de hexemonía electoral e política “kirchnerista”. Pero o contexto actual non resulta claro para a consolidación dunha nova fórmula política, sexa eventualmente denominada como o “macrismo”. A pesar de liderar claramente un perfil propio da dereita liberal, o candidato de Cambiemos abandeirou unha plataforma basicamente “anti-kirchnerista”, na que se foron engadindo aliados circunstanciais, motorizados na recta final pola facción disidente do “kirchnerismo” encabezada polo ex candidato presidencial Sergio Massa, cuxos votos no ballotage moi probablemente resultaron decisivos para a vitoria final de Macri.

Esta reconstitución do campo político opositor ao “kirchnerismo” será un reto político chave para un Macri que asumirá a presidencia o próximo 10 de decembro nun contexto sumamente complexo. As distorsións económicas vividas nos derradeiros anos produto da caída dos prezos das materias primas, depreciacións cambiarias e constante puxa dos gobernos Kirchner cos acredores internacionais, definirá para Macri un cambio de orientación na política económica, onde se prevé o reaxuste macroeconómico, a privatización e unha nova relacións (menos tensa) cos organismos e acredores internacionais. En perspectiva, unha política económica de rémora neoliberal en tempos “post-liberais”, que o propio Macri coidou en non esclarecer o suficiente durante a súa campaña electoral.

Prevese o reaxuste macroeconómico, a privatización e unha nova relacións (menos tensa) cos organismos e acredores internacionais

Se ben lexitimado nas urnas, a Macri lle corresponde lidar igualmente cun Congreso onde o “kirchnerismo” segue a ser a forza maioritaria, factor que anuncia unha perspectiva de maior polarización, en particular de cara aos comicios lexislativos pautados para finais de 2017, e que pode igualmente erosionar o seu propio piso político.

Este aspecto gravita igualmente dentro do “post-kirchnerismo”, cun Scioli visiblemente degradado pola derrota electoral, aspecto que reforzaría as estruturas e redes de poder que medraron durante estes doce anos de gobernos “kirchneristas” na Casa Rosada, en especial o grupo La Cámpora e movementos sociais e políticos afíns. Aquí as expectativas se traducen nun hipotético regreso político da actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner, sexa como senadora en 2017 ou de novo candidata presidencial en 2019, ou ben no eventual impulso político do seu fillo Máximo Kirchner, histórico líder da Cámpora e senador pola provincia de Santa Cruz.

Fálase dun hipotético regreso político da actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner, sexa como senadora en 2017 ou de novo candidata presidencial en 2019, ou ben no eventual impulso político do seu fillo Máximo Kirchner

Neste sentido, a reconstitución do “post-kirchnerismo” como suxeito político será outro aspecto estratexicamente importante de cara á próxima lexislatura, e que pode reforzarse toda vez Macri paulatinamente desarticule as políticas sociais de carácter asistencial que popularizaron os gobernos Kirchner.

Finalmente está a irradiación exterior do triunfo de Macri. Está por ver se o seu triunfo supón igualmente un final de ciclo político a nivel hemisférico, toda vez as expectativas se focalizan no que poda suceder nos comicios lexislativos venezolanos do próximo 6 de decembro, nas tensións políticas no Brasil de Dilma Rousseff (a pesar de que se degradan as perspectivas e impulsar un impeachment), e a mediano prazo nos comicios presidenciais pautados para abril de 2016 en Perú.

Está por ver se o seu triunfo supón igualmente un final de ciclo político a nivel hemisférico

Durante a campaña electoral do ballotage, Macri lanzou unha dura mensaxe ao presidente venezolano Nicolás Maduro, aducindo que no eventual caso de gañar a presidencia arxentina, denunciaría ao goberno venezolano ante as instancias de MERCOSUR, aplicando a cláusula democrática. Tanto como a tradución do final de ciclo político “kirchnerista”, as expectativas opositoras do final de hexemonía “chavista” en Venezuela supón unha chave que colateralmente gravita tras o triunfo de Macri, aspecto que eventualmente pode anunciar determinadas alteracións no equilibrio das alianzas rexionais. E aquí imponse as expectativas de Macri de reconfigurar as relacións con Washington e de hipoteticamente achegarse a novas arquitecturas de integración, como pode ser a Alianza do Pacífico, reconfigurando igualmente os equilibrios de poder noutras (MERCOSUR, UNASUR, CELAC).

O “macrismo” suporía un revival neoliberal de consecuencias incertas nun contexto de leve declinación electoral da vaga progresista e de esquerdas presentadas na década anterior a nivel hemisférico

Durante a campaña electoral, os medios arxentinos reflectiron en varias ocasións cales son as amizades exteriores de Macri, sinalando aos ex presidentes español José María Aznar e colombiano Álvaro Uribe Vélez, así como o ex candidato da dereita chilena Joaquín Lavín. Pode intuírse que o “macrismo” tenda así a constituírse nunha plataforma de alianzas rexionais onde graviten a dereita brasileira liderada polo conservador Aécio Neves, a oposición venezolana e, con menor intensidade, o presidente mexicano Enrique Peña Nieto. Así, o “macrismo” suporía un revival neoliberal de consecuencias incertas nun contexto de leve declinación electoral da vaga progresista e de esquerdas presentadas na década anterior a nivel hemisférico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.