0 Gardados para despois

Sara Torreiro

As cifras, o medo e os artificios semánticos

  • Unha de cada tres europeas de entre 18 e 74 anos sufriu violencia física ou sexual. Iso fai 62 millóns de mulleres, se o pensan ben, máis que a poboación de Italia-
  • O 22% das mulleres que tivo unha relación de parella cun home experimentou violencia física ou sexual pola súa parte.
  • O 5% das europeas maiores de 15 anos foi violada. Iso supón nove millóns de mulleres, unha cifra superior á poboación de Austria ou Suecia. Se volven pensar, unha de cada 20 mulleres que crucen pola rúa sufriu esta agresión.
  • O 43% das mulleres sufriu algunha forma de violencia psicolóxica por parte da súa actual parella ou unha anterior. Ditas formas inclúen, por exemplo, humillacións públicas, prohibirlle saír da casa ou ameazala con actos violentos.
  • O 55% das mulleres maiores de 15 anos sufriu algunha forma de acoso sexual, o que equivale a 100 millóns de mulleres.

Estes 5 datos están extraídos do Informe da Unión Europea para a protección social e asistencia ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Os resultados están baseados en entrevistas cualitativas, de entre unha e dúas horas de duración, con 42.000 mulleres nos 28 países da UE. Este estudo é o máis ambicioso realizado sobre violencia machista no mundo. Por outra banda:

  • Nos 12 meses anteriores á enquisa, arredor de 13 millóns de europeas experimentaron algunha forma de violencia física.
  • Neses mesmos 12 meses, 3,7 millóns de europeas experimentaron algunha forma de violencia sexual.

Estas son as cifras de Europa. Imaxinen as de outras partes do mundo.

“Vas ir soa a estas horas pola rúa?”, “Avísame cando chegues”, “Que te acompañe alguén ata o portal”, "Fala comigo por teléfono mentres chegas" son as frases que as mulleres escoitamos cando camiñamos soas. Non dubido que cheas de boa intención por parte de amigos, parellas ou familiares, pero non nos trabuquemos: todas elas levan implícito que unha muller soa na rúa é unha diana luminosa para unha agresión sexual. 

Cantas vos recoñecedes no relato de coller un taxi para percorrer unha distancia curta á hora de volver á casa, pasar por unha rúa escura apertando o paso ou na paranoia de que hai alguén detrás de ti?

Cantas vos recoñecedes no relato de coller un taxi para percorrer unha distancia curta á hora de volver á casa, pasar por unha rúa escura apertando o paso ou na paranoia de que hai alguén detrás de ti? Son medos irracionais? Non. A sociedade, as familias, educáronnos nesa idea, que se ve potenciada pola industria do cine e o entretemento e, claro, fundamentada nos datos que escribín unhas liñas máis arriba.

É sobre as mulleres sobre quen recae a responsabilidade de previr as agresións sexuais pero, e os homes? Pois os homes deberían cuestionar ao machirulo que todas e todos sufrimos no noso entorno e deben discutir na súa implicación contra a violencia machista, sobre todo en espazos masculinos e non só en entornos feministas.

Eu declárome unha insubmisa. Négome a camiñar máis rápido un día pola rúa ás 5 da mañá. Só porque é de noite, só porque vou soa e só porque son unha muller. Nacín libre, educáronme para selo e a valentía é o mellor legado que podo deixarlle ás que veñan detrás de min. E por iso creo que o Estado ten que habilitar para as mulleres os mecanismos precisos para evitar que un home nos abra as pernas pola forza.

O Estado ten que habilitar para as mulleres os mecanismos precisos para evitar que un home nos abra as pernas pola forza.

As mulleres temos que ter mecanismos para defendernos, pero os homes teñen que ser educados na igualdade e no respecto á muller. Nos anos 90, o psicoterapeura Luis Bonino acuñaba o termo de micromachismo. Nas súas palabras, "Son machismos sutís do cotiá que, en xeral non se ven, pero causan dano ás mulleres e que os homes exercemos desde a concienciación de superioridade que nos dá a cultura". “Os homes manexámonos cunha especie de tarxeta VIP dada pola construción social da masculinidade”, sostén o terapeuta. Os comportamentos micromachistas normalízanse porque son repetitivos e habituais. Un punto fundamental para erradicar a violencia contra as mulleres é que os homes deixen ese carné VIP do que fala Bonino e se apeen dos privilexios que lles brinda a sociedade patriarcal na que vivimos.

“Os homes manexámonos cunha especie de tarxeta VIP dada pola construción social da masculinidade”

E un último apunte. Coas cifras aportadas arriba, desculpen se á violencia de xénero eu lle chamo violencia machista. Só é porque non quero ser cómplice, mediante artificios semánticos, dun problema estrutural que asasina millóns de mulleres cada ano.

Acerca de Sara Torreiro