París: climaticamente correctos

Unha onda de entusiasmo climático percorre estes días os medios de comunicación. Incluso indignadamente entusiasta. Parece que, por fin, os mandatarios mundiais van facer “algo” e tratarán de limitar o quecemento global a (só) 2ºC. 

Como teño a privilexiada posición de non ser o líder de ningunha ONG ambiental nin moito menos de ningún país, podo compartir algunha inquedanza que os medios de comunicación estes días non van contar, incluso os medios máis sensibles aos asuntos ambientais ou os máis obxectivos en canto ao tratamento da información. 

O primeiro que penso é que este cumio, o “definitivo”, chega cuns 30 anos de atraso. Iso fai que o seu obxectivo sexa limitar o quencemento global a “soamente” 2ºC. Con menos xa temos dende refuxiados climáticos a guerras

Fagamos un pouco de memoria, os primeiros en dar a voz de alarma sobre o quencemento global foron, loxicamente, os científicos, o movemento ecoloxista recolleu a súa voz e ata o día de hoxe. Así que o primeiro que penso é que este cumio, o “definitivo”, chega cuns 30 anos de atraso. Iso fai que o seu obxectivo sexa limitar o quencemento global a “soamente” 2ºC. Con menos xa temos dende refuxiados climáticos a guerras, conflitos pola auga, fenómenos extremos que deixan mortos e perdas, etc. A situación non vai ser boa mesmo se o cumio de París ten éxito, proben a frear en metros un camión desbocado. Maldita inercia. 

Pero é que hai moito máis. Sabemos canto poden afectar as emisións de metano desprendidas pola desconxelación do permafrost ártico? Absorberán os océanos CO2 do mesmo xeito se se acidifican? E o chan, a medida que se incrementa a temperatura? E é xustamente esta parte da que non se está a falar: absorción. Fálase moito de limitar as emisións pero non de incrementar a absorción de CO2 atmosférico. A importancia de bosques, mato, selva, turbeiras, etc é que son carbono reducido, é dicir, basicamente forma parte da materia orgánica de todo o alí vivo e, polo tanto, non está na atmósfera en forma de CO2. E para iso pódense facer cousas concretas. Por exemplo podemos prohibir xa o uso de aceite de palma que provoca que neste momento Indonesia estea baixo miles de lumes que queiman a súa selva, probablemente a maior catástrofe ambiental concreta do momento.

Pódense facer cousas concretas. Por exemplo podemos prohibir xa o uso de aceite de palma que provoca que neste momento Indonesia estea baixo miles de lumes que queiman a súa selva

Pero tamén podemos falar de cousas máis incómodas aínda. O solo é un gran sumidoiro de CO2 que perde capacidade a medida que é explotado, é dicir canto máis intensa sexa a agricultura que se desenvolve nel, perde capacidade debido precisamente a que acolle pouca materia orgánica. Un cambio global nas prácticas agrícolas melloraría de xeito eficaz a capacidade e absorción de CO2 polo solo e ademáis doutras cuestións como a biodiversidade e o balance hídrico. Agora ben, é posible? Hai uns meses a agroindustria galega saíu ás rúas reclamando xusto o modelo contrario. Así que non parece moi sinxelo. Poderíanse paralizar definitivamente as concentracións parcelarias por exemplo? sería un pequeno gran avance. Máis exemplos, poderíamos frear o cultivo de piñeiros e eucaliptos e deixar paso a espontánea vexetación natural? se esta medra, poderíamos quedarnos quietos no canto de reclamar a “limpeza” do monte? Poderíamos non cargarnos os depredadores apicais, lobo incluído, para permitir a fixación de carbono nos ecosistemas que habitan? (a eliminación dos grandes depredadores ten efectos en fervenza sobre múltiples cuestións, entre elas a absorción de carbono por parte dos ecosistemas).

A costas da cidadanía Europa e Estados Unidos negocian o TTIP que incrementará un modelo agrícola nefasto ás dúas beiras do Atlántico

É máis, a costas da cidadanía Europa e Estados Unidos negocian o TTIP que incrementará un modelo agrícola nefasto ás dúas beiras do Atlántico. Así que é totalmente oposto que os presidentes negocien en segredo unha cousa e, en público, á contraria. Se algo habería que negociar é acabar co comercio mundial a esta escala. Loitar contra o cambio climático require non só compromisos e intelixencia senón decencia, sobre todo: poderíamos multar a Volkswagen en serio cando minte nas emisións dos seus totémicos productos no canto de relaxar a normativa de emisións?

O fondo da cuestión e que ocupados por subirnos ao tren da preocupación climática están a escapar xa outros trens. O máis importante e terminal de todos eles: a fin dos combustibles fósiles. En términos de emisión de CO2, pouco queda xa por queimar, é dicir, que a redución de emisións vai ser freada polas boas ou polas malas cando non poidamos consumir máis. Isto introduciranos nunha espiral de decrecemento forzoso no medio de tremendos danos ambientais en parte orixinados polo cambio do clima. Cando estas cousas son comentadas en grupos sempre algunha persoa pregunta para cando vai ser. Traducido significa, vaime tocar a min? Unha manifesta incapacidade humana de adaptación a problemas globais e a longos prazos vía do individualismo cortopracista. Vese que os humanos fáltannos aínda uns cantos chanzos para acomodar a nosa intelixencia á tecnoloxía que creamos no noso propio ecosistema globalizado.

En París ninguén vai dicir estas cousas. Posiblemente nin as ONG. A teoría di que lanzar mensaxes catastrofistas é desmobilizador. Creo que a estratexia non é acertada porque as medias verdades non son honestas

Pero que ocorre se o sistema económico do que nos dotamos só entende de crecemento? non hai crecemento sen enerxía e o seu consumo desmedido é causa do cambio climático. En definitiva, a enfermidade non é o cambio climático, só é un efecto máis da autentica enfermidade, o capitalismo. 

En París ninguén vai dicir estas cousas. Posiblemente nin as ONG. A teoría di que lanzar mensaxes catastrofistas é desmobilizador. Creo que a estratexia non é acertada porque as medias verdades non son honestas. Saírse do marco do climaticamente correcto sitúao a un, ademais, no grupo dos proscritos que se atreven a dubidar da única e verdadeira fe económica. Lástima, as leis da física tamén van en contra do capitalismo: o planeta e os seus recursos son finitos. Unha evidencia científica dramática.

Atopámonos coa traxedia do capitalismo que precisa cada vez máis e máis persoas; consumidores, quero dicir. Como facer para frear?

Por último, por se todo isto fora pouco, ninguén falará en serio da X á que todo o mundo lle ten medo na ecuación climática: a poboación mundial. Se no ano 1800 a poboación mundial era de 1000 millóns de habitantes, de 1800 millóns no 1900 e hoxe pasamos de 7000 millóns é doadamente entendible que simplemente non podemos facer gran cousa sen despexar esta X. E aquí, de novo, atopámonos coa traxedia do capitalismo que precisa cada vez máis e máis persoas; consumidores, quero dicir. Como facer para frear? como facemos para falar en serio? ou limitámonos a agardar á fin termodinámica do capitalismo?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.