0 Gardados para despois

Henrique del Bosque Zapata

Non todas as candidaturas son galegas

Nin todas queren, nin pretenden selo. Cando Blanco Valdés estima que todas as que se presentan en Galiza serán galegas tampouco está a ser inocente nin, moito menos, a describir a realidade dun xeito obxectivo e indiscutíbel. A connotación, en política, pesa máis que a denotación. Así a  calificación dunha candidatura como galega, no contexto dunha Galiza negada como nación, amosa unha serie de fasquías que referencian a defensa dos intereses do país e das súas xentes coma eixo director o que non todas as candidaturas procuran.

Evidente caben perspectivas e enfoques. Haberá quen, dentro da lóxica estatal, defenda o carácter español de todas as candidaturas dado que o marco xurídico das eleccións é o dun Estado soberano que ten competencia plena sobre os procesos electorais, e o territorio galego fai parte desa soberanía. Tamén cabería considerar que as candidaturas, ao seren por representación provincial, poderían definirse coma coruñesa, pontevedresa, ourensá ou luguesa sen máis pretensións.

E que dicir da morea de adxectivos que se poden atribuír, explícita ou implicitamente, a unha candidatura? Candidatura progresista, popular, conservadora, unitaria, centrista, liberal, de esquerdas, ampla…onde as percepcións subxectivas sobre a correspondencia coas prácticas reais acadan enormes diferenzas.

Mais, centrándonos no locus de representación que simboliza a caracterización como galega dunha candidatura, haberá que ter en conta que a lei estabelece que a soberanía reside no pobo español e que os deputados e senadores representan a ese pobo. A soberanía non se recoñece, e xa que logo se nega, fóra deste ámbito. Cando forzas políticas españolas, crentes e practicantes nesta configuración, elaboran listas electorais para se presentaren nas divisións territorias provinciais de Galiza non por isto son galegas; son candidaturas españolas, e por elas recoñecido e defendido, que ademáis de no resto das provincias tamén se presentan aquí. Non é a defensa da soberanía de Galiza, a soberanía do pobo galego, o que van defender. Poderán ser máis ou menos sensíbeis aos elementos diferenciais das “comunidades” mais non van actuar como representantes dunha nación que é negada como tal e na que tampouco acreditan. Acreditan en España e por isto o seu xeito de organización e actuación se correlaciona con ese ámbito.

A interpretación sempre debe ser contextual, e así debemos preguntarnos polo significado da candidatura galega. Un xornal madrileño, con suplemento autonómico, non se converte en galego nin ninguén así o considera. As seccións territorias de moitas entidades, de todo tipo e condición, que operan en galiza non son galegas nin o reclaman. As industrias de enclave, que polo mundo adiante están nas xeografías e non nas economías das nacións, non deixan de ser foráneas por moitos donativos e becas que financien no país. Se unha candidatura ou unha forza política está cómoda como española, se considera española e acredita en España non hai que forzala a que se vista de galega. E tampouco se deixan forzar, todo hai que dicilo! Se unha candidatura, malia o sistema de representación electoral español, é constituída aquí con forzas propias, se considera galega, defende a soberanía do pobo galego, da contas ao electorado galego e actúa para que, entre outros obxectivos, a nación negada se constrúa en liberdade, logo é galega.

E de certo que esta é unha opción política e organizativa lexítima e diferente das españolas, tendente a consecución dun suxeito político soberano. A esixencia de recoñecemento do noso feito diferencial, a afirmación da pertenza á comunidade negada eríxese nunha necesidade de afondamento democrático fronte ao silenciamento e a negación da identidade. Negación que historicamente o españolismo sempre procurou orixinando, deste xeito, a infravaloración e o auto-odio, provocando danos e feridas na nosa autoestima con consecuencias catastróficas para o progreso e facilitando o sometemento e a dominación. Non, non todas son galegas!

Acerca de Henrique del Bosque Zapata

Mestre de ensino medio e ensaísta.