Mudar a cosmovisión

A sociedade española confronta o reto de saír da grave crise económica e institucional que padece.  Para iso son necesarias novas políticas públicas que logren sacarnos do lamazal. Porén, acredito en que estas só son posíbeis se se produce un xiro copernicano na cosmovisión predominante, especialmente nos países do sur de Europa.

As políticas públicas deben complementar a iniciativa privada, mais nunca substituíla. O contrario conduce a un intervencionismo económico estatal excesivo que traba a prosperidade

Debemos recoñecer que o mercado concorrencial xeralmente produce resultados eficientes debido ás súas virtudes informacionais e de incentivos e que, por tanto, o Estado debe reservarse un rol subsidiario:  só debe estar presente alí onde o mercado falla. Por tanto, as políticas públicas deben complementar a iniciativa privada, mais nunca substituíla. O contrario conduce a un intervencionismo económico estatal excesivo que traba a prosperidade.

Debemos aceptar que a distribución xerada pola libre concorrencia dos individuos nos mercados libres é intrinsecamente xusta xa que respecta unha regras do xogo iguais para todos e retribúe a cada quen segundo a súa contribución á sociedade. Así, a redistribución estatal da renda debe centrarse en evitar e combater a pobreza –ineludíbel debido ao carácter azaroso da existencia- e fornecer de oportunidades a todos para participar. Tamén, as institucións deben garantir que as regras sexan os mesmas para todos, velando para que  non se corrompan endoxenamente -debido ao abuso de posicións dominantes ou a acordos colusivos privados- e evitando que sexan as propias políticas as que concedan  privilexios especiais a certos grupos de interese.

O Estado pode producir os mesmos, ou peores, resultados indesexábeis frecuentemente atribuídos aos mercados. As decisións públicas non as toman planificadores benevolentes, mais individuos cos seus propios intereses e motivacións que poden orientar a acción pública por camiños moi diferentes

Debemos reconsiderar a nosa análise da actuación pública e da privada, aplicando as mesmas hipóteses de comportamento tanto aos actores privados como aos públicos e sendo conscientes de que a actuación estatal confronta as mesmas, ou mais, restricións informacionais e de incentivos que a acción privada.  E por tanto, como unha inevitábel consecuencia, o Estado pode producir os mesmos, ou peores, resultados indesexábeis frecuentemente atribuídos aos mercados. As decisións públicas non as toman planificadores benevolentes, mais individuos cos seus propios intereses e motivacións que poden orientar a acción pública por camiños moi diferentes, mesmo opostos, aos do interese común, aínda que consistentes con certos intereses particulares.  Como unha consecuencia, as políticas públicas non necesariamente están orientadas a asentar unha sociedade no camiño da prosperidade e, mesmo en  moitas ocasións, son estas propias políticas as que desvían unha sociedade deste fin. Así, non abonda constatar que o mercado o fai mal para xustificar a intervención estatal, é preciso tamén argumentar que  o Estado o pode facer mellor.

Debemos recapacitar sobre a relación entre distribución e crecemento. Comezando coa seguinte pregunta: que é mellor, un mundo no que fulano gañe 100 e mengano 200 ou un mundo no que fulano gañe 1.000 e mengano 4.000?

Debemos recapacitar sobre a relación entre distribución e crecemento. Comezando coa seguinte pregunta: que é mellor, un mundo no que fulano gañe 100 e mengano 200 ou un mundo no que fulano gañe 1.000 e mengano 4.000? Unha visión estritamente igualitarista levaríanos a preferir a primeira situación, porén implicaría ignorar que na segunda situación tanto fulano como mengano gozan dun maior benestar. Desafortunadamente, moi a miúdo non podemos optar por mais igualdade e mais crecemento pois existe un trade-off entre distribución e prosperidade. Se nos deixamos cegar polos desexos redistributivos hipotecaremos a prosperidade pois destruiremos os incentivos ao esforzo.  Mais que na igualdade na distribución da renda, as políticas públicas deben centrar a súa atención na mobilidade social -na oportunidade que teñen os individuos de mellorar a súa sorte independentemente da súa condición- que si é complementar do crecemento pois canta mais mobilidade mellor será o aproveitamento que unha sociedade faga dos talentos dos individuos.

Debemos abandonar a visión de que o mundo e a historia é un xogo de suma cero, no que o que gañan uns pérdeno outros

Debemos abandonar a visión de que o mundo e a historia é un xogo de suma cero, no que o que gañan uns pérdeno outros.  Esta concepción derívase frecuentemente da tese  marxista de que a historia é un proceso dialéctico, concretado no capitalismo na loita entre capital e traballo pola apropiación do excedente. Porén, moitas mudanzas poden incrementar o excedente social e, por tanto, beneficiar a todos sen prexuízo de ninguén. Así, as políticas públicas non sempre están deseñadas para beneficiar a uns a costa doutros. Particularmente, aquelas que xeren prosperidade han beneficiar á gran maioría. Ademais, capital e traballo no son categorías de análise adecuadas para agrupar intereses. O conflito de intereses é moi  a miúdo entre os propios propietarios do capital (corporatista vs. concorrencial, por exemplo)  ou entre os propios traballadores (desempregados vs. empregados ou estábeis vs. precarios). Así, as diverxencias sobre determinadas políticas proveñen mais destas contradicións que dunha pretendida rivalidade entre capital e traballo.

Acredito en que se estas mudanzas na cosmovisión predominante se producen, entón estaremos en moita mellor posición para confrontar os retos que nos depara o futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.