O enorme poder das persoas

Cando se creou AGE no ano 2012, ante a inminencia dunhas eleccións autonómicas tecnicamente anticipadas, todo sucedeu demasiado rápido, e de xeito fulgurante unha coalición inédita irrompía no que vimos chamando Parlamentiño dende 1982. As negociacións pra crear esa coalición resolvéronse en cuestión de semanas, e por urxencia inevitable foron só as respectivas direccións das catro forzas confluentes as que se puxeron en contacto pra chegaren a un acordo de acción conxunta. AGE abriría a súa andaina superando todas as expectativas ao acadar nove representantes. Era o comezo dunha nova cultura política en Galicia: a do entendemento da esquerda rupturista máis alá das lindes orgánicas e dos propios campos de influencia de cada partido. 

Era o comezo dunha nova cultura política en Galicia: a do entendemento da esquerda rupturista máis alá das lindes orgánicas e dos propios campos de influencia de cada partido

E de feito, un síntoma de avance no eido da comunicación e da imaxe política viña acompañar este cambio de mentalidades. Os partidos, segundo a tradición do século pasado, adoitaban identificarse mediante siglas, mentres que as novas formacións serían xa «bautizadas» con nomes facilmente pronunciables, coma os das persoas. Velaí o caso de ANOVA, nome que non admite alteración ou redución a siglas e procede dun xogo de palabras, ou o posterior e ben exitoso de Podemos. O certo é que AGE quedou ás portas de incorporar esa nova nomenclatura, pero iso era só un detalle menor, froito da precipitación dos acontecementos. 

Ao mesmo tempo que AGE empezaba a funcionar no Parlamentiño, nas vilas e cidades do país iniciábanse timidamente os contactos entre responsables de coordinación das asembleas locais das forzas integrantes. Pero aínda non se rompera claramente o illamento das diferentes familias políticas, fosen nacionalistas ou federalistas. É dicir, os e as militantes non entraran en contacto directo, non intercambiaran os seus teléfonos, non tiveran ocasión de ir tomar un viño pra falar de loitas e reivindicacións inmediatas ou de calquera outro asunto cotián. Arrastrábase aínda un lastre de vellas concepcións, e cando se falaba de unidade seguíase pensando maiormente en xuntanzas de traballo entre cadros dirixentes ou en actos públicos pra facer visible unha estratexia común. Ou sexa, en termos convencionais nalgúns dos procedementos, aínda que fose con intencións sinceramente anovadoras.

Foron as persoas a título individual e con independencia de pertenceren ou non a un partido, as que teceron as redes de contactos e crearon as novas dinámicas de acción política, tendo as asembleas abertas como sólido alicerce

Mais chegados ao verán de 2014, trala aparición dun fenómeno sociopolítico tan novidoso e transformador como sería a Marea Atlántica, e a súa rápida reprodución por todo o país (Compostela Aberta, Ferrol en Común…), as cousas mudaron de vez e xa sen volta atrás. Foron as persoas a título individual e con independencia de pertenceren ou non a un partido, as que teceron as redes de contactos e crearon as novas dinámicas de acción política, tendo as asembleas abertas como sólido alicerce. E así sucedeu tamén na Marea de Vigo, a segunda constituída en Galicia, dende setembro de 2014. No local da Asociación Cultural Bou Eva, durante meses, ducias de persoas de diversa procedencia tivemos a ocasión de coñecernos e colaborar en mil tarefas miúdas, e así fomos sabendo quen eramos realmente: cal era a nosa profesión ou traballo (ou situación anguriante por falta del), en que barrio viviamos, en que asociacións ou movementos cidadáns tiñamos actividade previa, pero tamén, e de xeito natural, calquera outro tipo de informacións que adoitan intercambiarse cando a xente se reúne e comparte unha causa.

Así foi como os nomes das persoas activas na Marea, inicialmente circulantes entre nós con apelidos: Pedro Antelo, Asunción Vaamonde, Quico Recondo, Paula Quinteiro, Luísa Santomé, Manuel Hermo, Marga Barreiro, David Rodríguez, Antonio Fernández, Iria Beltrán, Miguel Quinteiro, Pedro Cuadrado, Ángela Serantes, Peyo Rivera, Alberto Ardid, Alexandra Fernández, Manuel Lorenzo, Nicolás Legido, Beatriz Suárez, Antonio Rodríguez, Guillermo Crego e outros moitos que sería imposible mencionar aquí, pasaron a ser simplemente nomes propios na súa forma abreviada e máis familiar, fosen hipocorísticos, alcumes ou apelidos modificados. Porque o trato xera confianza e recoñecemento mutuo nun plano que non atinxe soamente ás loitas pola xustiza social nun sentido abstracto. Estamos todas e todos implicados de tal xeito que as caras e nomes e angueiras dos demais se converten nunha parte indisociable do noso compromiso político. E nesa irmandade pola base fundaméntanse os logros e aliméntase o entusiasmo que agora, unha vez máis, se espalla por toda a nación coma un clamor e unha vaga de frescura imparable.

Nesa irmandade pola base fundaméntanse os logros e aliméntase o entusiasmo que agora, unha vez máis, se espalla por toda a nación coma un clamor e unha vaga de frescura imparable

E todo isto explica sobradamente por que Guillermo Crego escribiu onte unha mensaxe tan sinxela coma esta para divulgala na rede:
«Estamos en Moaña no acto de En Marea, con Alexandra, Pam, Rubén e o Ferro. HAI MAREA!!»

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.