A Marea do día despois

Hai anos, cando estalou o 15M na Galiza, a reacción da esquerda galega non foi precisamente de alegría. Foi máis ben unha reacción de desconcerto. Dicímolo porque agora é moi fácil reivindicar o fenómeno a posteriori, pero era fácil escoitar polas prazas a moitas esquerdistas marmurando todo tipo de sospeitas delirantes que o que facían era revelar o carácter intrinsecamente conservador das vellas organizacións: que se o 15M era un invento de España, que se non entendía a composición de clase de Galiza, que se demostraba un novo tipo de despolitización reaccionaria e, por último (a nosa favorita), que se era un invento dos servizos secretos para desactivar a esquerda.

Era fácil escoitar polas prazas a moitas esquerdistas marmurando todo tipo de sospeitas delirantes que o que facían era revelar o carácter intrinsecamente conservador das vellas organizacións

Aquela mobilización foi cualitativamente transformadora. Para empezar, lembraba que o noso país non estaba á marxe do movemento real global, das súas formas de expresión e das súas demandas. Ocuppy Wall Street, Grecia, Tahrir, Sol: o novo proletariado metropolitano tamén era parte dunha Internacional, como a definía Derrida nos seus Espectros de Marx: aínda intuitiva, sen organización, pero conectada por solidariedades subterráneas. En segundo lugar, puña enrriba da mesa a sectores de clase esquecidos e ignorados polas ferramentas de representación da esquerda tradicional, como o sindicalismo ou os partidos. Por último, a pesar de que a nivel de masividade foi menor que outras mobilizacións, o 15M en Galiza deixaba un imaxinario alternativo a partir do cal iniciar un proceso de construción política.

En realidade, esa herdanza tivo múltiples expresións organizativas das cales ninguén pode apropiarse, dende certas formas que penetraron á esquerda tradicional como foi AGE até os municipalismos rebeldes. Quizáis estas eleccións sexan distintas e esta vez a Marea, a candidatura, teña unha función que aínda non se expuxo.

E se a Marea puidese ser o inicio do partido-movemento das clases populares galegas? E se fose un espazo superior aos partidos, colectivos, unha institución que teña vida máis aló das eleccións, mestiza, contraditoria?

Está claro que na Marea conviven dúas tensións diferentes, que por certo, non se separan por afiliación partidaria. Por unha banda, os que ven á Marea dende un punto de vista simplemente instrumental, que din de forma grandilocuente que o xeito de facer as cousas está condicionado por uns tempos rápidos, pero son incapaces de imaxinarse a Marea como unha proto-institución, como algo máis que un acordo entre partidos e notables con fins electorais, de saír da súa política de camarillas, da súa política “sen loita de clases”. Pero hai unha aternativa: E se a Marea puidese ser o inicio do partido-movemento das clases populares galegas? E se fose un espazo superior aos partidos, colectivos, unha institución que teña vida máis aló das eleccións, mestiza, contraditoria? Imos avanzando a nosa proposta: as eleccións son para nós só unha escusa. Queremos que a Marea se converta nunha Ría, nun ecosistema onde a cidadanía poida construír acotío as súas loitas e unha nova Galiza, a das e dos de abaixo. Un espazo para a militancia, pero tamén que sexa unha conexión para as loitas, para os movementos, os municipalismos, pero que sexa algo máis: algo que estea presente cando non haxa disputa electoral, nos barrios, vilas e teña conexións cos centros de traballo. Que sexa asembleario e que as militantes das organizacións políticas teñan que convencer á asemblea de que as súas posicións políticas son as xustas. Que sexa capaz de ser o paraugas da onda 15M, pero tamén de todo ese mundo, inxustamente esquecido porque non ten quen o escriba, de loitas sindicais, fabrís (porque si, existe unha Galiza industrial), de todo ese “moito” que ás veces non ten representación,  máis alá da política das redes sociais e dos posuniversitarios. En definitiva, o que Gramsci chamaba unha institución que constrúe contra-sociedade.

Queremos que a Marea se converta nunha Ría, nun ecosistema onde a cidadanía poida construír acotío as súas loitas e unha nova Galiza, a das e dos de abaixo

Por iso estas eleccións son clave. Hai que gañar en Galiza, ser a primeira forza a nivel electoral,  para que xa non haxa escusas o día despois, para a través desta batalla electoral ir forxando lazos por abaixo que xa non se poidan “ir á casa” e volver ao de antes, á dispersión e ás pelexas de grupiños entre bastidores. Galiza foi un exemplo de loitas durante as últimas décadas. Despois do 20D tocaranos enfrontarnos a máis recortes, a máis austeridade. Mesmo se gañamos estas eleccións, tocaranos enfrontarnos a poderosos inimigos, a todo un armazón de intereses, a eses poderes económicos que non se presentan ás eleccións, que van facer todo o posible para frear o cambio, por moi pequeno que sexa, como vimos en Grecia. Para frealos e pasar á ofensiva, necesitamos que a Marea sexa máis que un grupo de deputadas ou un acordo entre partidos. Lanzamos a idea, para quen a queira apropiar, facela súa e traballar para convertela en realidade. Somos amigos e compañeiras de toda esa xente, estean onde estean, teñan militancia ou non, aínda que non nos coñezamos. Aínda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.