Aquí e agora. Coas nosas mans

Noa Presas, Olalla Rodil, Carme Adán e Carlos Callón. Velaí os nomes das persoas que encabezan aquí e agora as listas de Nós-Candidatura Galega para as próximas eleccións xerais. Se eu quixese destacar algún argumento a prol desta aposta, centraríame, sen ningunha dúbida, en recoller os seus sorrisos, a súa enerxía positiva feita vontade de transformación. Os seus nomes representan o empeño de construírmos, coas nosas mans, unha Galiza con mocidade e emprego digno; a aposta por un desenvolvemento sustentábel no noso rural; o futuro do noso tecido produtivo;  o orgullo de posuírmos unha lingua que nos fai tan especiais como todos os pobos que habitan este planeta terra; a defensa da educación e da sanidade públicas, dos dereitos sexuais e reprodutivos; o compromiso cos dereitos colectivos..., e a alegría, como maneira de estarmos no  mundo.

Olalla, Carlos, Noa e Carme son persoas que podes atopar na tenda da esquina, a facer deporte –unhas a correr, outras na piscina–, participando para evitar que unha familia perda a súa casa por un desafiuzamento, enchéndose de carraxe pola escravización laboral, gozando do concerto dun dos grupos de música da súa vila, manifestándose contra a violencia machista ou a recoller o lixo dos nosos ríos nunha andaina ecoloxista. Son persoas áxiles, entusiastas, teimudas, dispostas a debuxar aquí e agora camiños para realidades de esperanza.

Somos moitas as que nos sentimos cos pés na propia Terra e as mans a exerceren os nosos dereitos, aquí e agora. Eis a única maneira de estar no mundo con orgullo, para tender as pontes precisas e crear redes de mudanza colectiva, que nos liberen de tantas dominacións.

Carme, Noa, Carlos e Olalla teñen discursos novos, ar fresco que consegue resoar nos nosos ouvidos. Porque o fan sabedoras de seren un dos chanzos desa escaleira por que subimos, decidida e alegremente, galegas e galegos. Porque se saben parte desa longa ringleira en que se dan as mans desde un Antón Vilar Ponte a unha Olalla Fernández Davila e a unha Rosana Pérez Fernández, que tiveron que ir a Madrid para exixir xustiza e verdade. Por iso, no ronsel de tantas outras voces que reclamaron unha Galiza soberana, deron un necesario paso adiante para se converteren en referentes, co obxectivo de seren a imaxe de tantas outras persoas que teñen a nosa nación no centro. Somos moitas as que nos sentimos cos pés na propia Terra e as mans a exerceren os nosos dereitos, aquí e agora. Eis a única maneira de estar no mundo con orgullo, para tender as pontes precisas e crear redes de mudanza colectiva, que nos liberen de tantas dominacións.  

Carlos, Carme, Olalla e Noa transmiten, con humor e rebeldía, o mandato de Nós-Candidatura Galega: desenvolver propostas políticas que parten do recoñecemento da dignidade galega para, desde ese pobo a que pertencemos e que debe posuír todos os dereitos posíbeis, traballar por unha sociedade crítica e diversa, por un mundo feminista e antipatriarcal. Somos un pobo xeneroso e con recursos. Porque o empobrecemento do noso país non destruíu as nosas potencialidades nin a nosa capacidade creativa. Somos un pobo que quere exercer os dereitos coas súas propias mans. Aquí e agora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.