0 Gardados para despois

Carlos Neira Suárez

A sorte está botada

A sorte está botada, ou agora xa foi Marica non chores.  Quero dicilo antes das eleccións, porque aseguro éstas non amañarán nada. A desunión das forzas que en Galiza están polo cambio non foi posibel, e por muito que parezan algúns satisfeitos ou animados, foi frustrada unha ocasión de constituir unha auténtica alternativa con posibilidades de continuidade e de futuro.

Ogallá  fose só eso, un ocasión perdida, mais coido que as consecuencias terán muitos efectos inmediatos.  Explícome:
Unha candidatura unitaria en Galiza, sen exclusións, tería significado unha alternativa galega con apoio da esquerda estatal, Pola contra, tal e como se fai, a chamada En Marea é unha candidatura de Podemos apoiada por algunha organización galega (agardo non ter que explicar a condición de galega niste contexto).  Certamente, se fose unha simple alianza táctica e conxuntural non tería máis obxectivo que auxiliar a Anova e EU, incapaces ambas por si de obter representación nas Cortes do Estado, ao tempo que se potencian as posibilidades que lle son propias a Podemos, en eleccións que son súas, como eles mesmos gostan de dicir.

Mais non a poden presentar así.  Os axentes do pacto tripartito precisan (Podemos non, claro) de explicar esta alianza como un proxecto político de fondo que necesariamente cuestiona na totalidade o esquema partidario galego, a sua historia e principios, embarcándose nun proxecto que, non obstante, carece de formulación concreta e obxectivos explícitos, previsións de método e etapas dun proceso, etc. etc.

A referencia á un hipotético momento de ruptura está xa desmentida pola realidade.  Non hai proceso de ruptura en ningún sentido, chámese arrumbe da restauración borbónica, proceso constituínte ou alternativas á unión europea ou á monetaria, mesmo  ao sistema capitalista.   Ficou logo nun pretexto, que pese a todo non é retirado dos lemas da campaña.  Persiste, pois, o engano.

Para opórse a unha candidatura unitaria que poidese incluir ao BNG e a outros (Compromiso por Galicia, Terra Galega, etc.) os muñidores da coalición afirman perseguir proxectos distintos, e así debemos considerar os dous que dan lugar a duas candidaturas das organizacións da defensa das maiorías sociais.

Dando por feito que o de NÓS-CANDIDATURA GALEGA é un proxecto concreto, con Galiza como centro, pregúntome  cal é o proxecto da coalición PODEMOS-ANOVA-EU?

Sen dúbida o primeiro a considerar é a ubicación de Podemos no novo sistema político partidario español.  Todo o que diremos pode ser aplicado a Ciudadanos, que ten unha aparición súbita e forzada tamén, mais este non  atinxe ao espazo que nos interesa analisar.  A promoción inaudita do partido de Pablo Iglesias non é casualidade.  A sua presencia en todos os medios resulta ostentosa, muito máis se comparamos coa ocultación antidemocrática de alternativas como a de IU, con presencia parlamentaria e posibilidades que se foron recortando artificiosamente nos derradeiros meses, ou a de partidos como BNG con presencia no Parlamento do Estado.

Segundo demostran as enquisas do CIS que resume Calidonia en Praza Pública, na composición do electorado de EnMarea aparece unha boa parte que na posición do galeguismo vs españolismo dí sentirse só español ou  máis español ca galego, e mesmo arrumbaría coas autonomías.  A miña experiencia persoal permíteme ver que son acaídas estas definicións.  Mesmo se puidesemos ver a autoubicación dese electorado no esquema esquerda-dereita, (ou as posicións sobre o idioma galego)  tamén o arco ideolóxico da coalición ofreceríanos unha amplísima apertura, banda difusa e variopinta coloreada intensamente por ambos extremos.

Se o proxecto político que en principio puidera subxacer na coalición fose a formulación da alianza en Galicia dunha predominante forza política propia e transformadora co seu parello equivalente no Estado que servise a un plan concreto de actuación política para un proxecto doutra España, que abordase a fondo as necesidades de Galiza, temas como a soberanía alimentaria, o decrecemento, a radical organización democrática dende as administracións locais, etc., daquela estaríamos a comprender.  Que a este proxecto se lle colgasen os apoios das plataformas locais, estaría xustificado.

Mais non,  non pode haber coincidencias e non se fala, e non poden estar en programa algún  temas como nova Constitución, República, Estado plurinacional –dereito a decidir ou sistema federal, etc--, desaparición de Deputacións e demarcacións provinciais, Senado, deseño de Europa e alianzas alí, definición e defensa dos sectores que han de ser públicos, banca, grandes comunicacións, enerxía, e recuperación do perdido en servizos  educación (ensino concertado)  sanidade (privatizacións varias), efectivas  competencias galegas sobre sectores básicos  (pesca, portos, autovías, planificación forestal e agrícola, etc).  

Naturalmente, as propostas dun tal programa  terían que ser tanto da coalición local, acó explícitas coma do aliado estatal, defendidas no global español con claridade.  Non  hai tal trance.   E non o pode haber, porque o aliado fondamental ten outros plans para a consolidación do seu partido, entre os cais está, como se ve, a ocupación dun espazo máis centrado e central na política española, ao tempo que lle sobran e combate outras forzas como IU no conxunto español e partidos propios de Galiza e as outras nacións.

Estamos máis ben diante unha convocatoria electoral que significa o reaxuste do esquema partidario español  de continuidade, desta vez con encontro de dobles , unha fórmula actualizada do bipartidismo sistémico, e Podemos é parte indispensabel desta construcción. 

Así, pois, enfrentámonos a un forzado engano que agocha a necesidade de dous axentes galegos de curtas miras, Anova e Esquerda Unida, de colgarse das posibilidades que Podemos ten nesta ocasión electoral.  Podemos, de paso, salva con vantaxe unha posición de debilidade orgánica e participativa en Galiza, onde é certo que o activismo político –grazas ao nacionalismo—xa tiña abondosos vagóns de enganche antes e despóis do 15M.  

Se a coalición PODEMOS-ANOVA-EU tardará pouco en amosar as enormes contradicións que o seu acordo implica, a outra candidatura, (Nós) que foI máis respetuosa nas formas e os procedementos e máis clara nos obxectivos, métese tamén nun tempo que non lle vai permitir retornos. 

Dito doutro xeito, o BNG terá que repensar muito o seu proxecto, alianzas, métodos e visión do país.     

E as chamadas Mareas?.   O paso do tempo mostrará as fortalezas dunhas e doutras, mui diferentes.  O certo é que se non se formula e se dota de forma orgánica un proxecto que as ampare e unifique, terán curta vida.   O principal mérito destas plataformas, para adentro, é a capacidade de pór a traballar en común a muita xente diferente:  e cara afora, a demostración do impacto que as fórmulas unitarias teñen na resposta da poboación. 

Por iso, a posición de apoio incondicional dalgúns destes colectivos a unha alternativa electoral de parte, indefinida e mui pouco sólida, de conformación totalmente contraria aos procedementos que as mareas defenderon e activaron, de imposición pola vía dos feitos de pactos e candidaturas, non pode menos que considerarse imprudente.

O pior é que, no camiño da batalliña que realmente se xoga contra os iguais, a ver quen é máis forte e quen ten que pasar polo aro, cando non hai aro, nen paso, nen forza;  nese camiño, digo, furgouse nas feridas, abríronse outras, destruíronse vontades, escorrentáronse xentes que viñan con gañas de facer cousas e criaron unha terra de ninguén non doada de atravesar.

Para que así non me quede o texto, tan pesimista, aclaro que é posibel que dende as persoas e  pequenas unidades de traballo común que non se teñan implicado en batalliñas de parte contra os irmáns poderán sair –e eu axudarei a que saian--  propostas para o inicio dunha nova xeira, da que espero que resulte a organización con vontade de maioría que leve a Galiza a outro futuro, e dende o noso país colabore á transformación do Estado e de Europa en beneficio da xente.

Partidos como Compromiso ou Cerna, xentes que viviron o desastre do Encontro pola Marea e lles sobreviven os azos, e plataformas locais como Lugonovo, SadaMaioría, Valmiñor ou Asamblea pola Unidade de Cangas, entre outras, deben explorar as posibilidades de traballo común.  Eis un quefacer optimista.

Acerca de Carlos Neira Suárez