Consellos científicos para un concelleiro de Obras novo e inexperto

A risco e ventura do meu peto, e a maior gloria da miña reputación, veño de rematar un sisudo estudo sobre a percepción que os veciños da parroquia de Cadrón teñen sobre os servizos e infraestruturas subministradas polo Concello. Do voluminoso traballo, -case dúas mil follas cheas de letras, números,  raias e curvas asintóticas-, entregueille ao novo concelleiro de Obras un resumo de non mais de vinte follas, con letra grande e debuxos explicativos; que non é el home, polo que din, de perder tempo na letra pequena nin na pescuda da causa última das cousas. Por iso, tendo en conta o seu carácter pragmático e finalista, centreille o resumo nunha táboa de tempos de reacción perante calquera modificación, ben nas infraestruturas ben nos servizos prestados, e tanto no aumento coma na diminución dos mesmos.

As devanditas alteracións estudadas van dende o alumado dos farois ata o mobiliario do local social (antigo teleclub) e dos parques públicos, os cubertos das paradas de autobús, as fochancas das pistas e limpeza de gabias, os contedores do lixo,...etc. Dentro de cada ben ou servizo municipal contemplei dúas posibles situacións: que a alteración supuxera un aumento (dous contedores de lixo no canto de un, por exemplo); ou, pola contra, unha diminución (que un punto de luz se fundira, por exemplo). Dentro de cada unhas das situacións medín en días o tempo que transcorría entre o cambio efectivo producido e a descuberta do mesmo por parte dos veciños, a reacción de queixa ou contento, e por último, o agradecemento ou a reclamación pertinente. A “queixa” ou “contento” son estados anímicos que seguen á descuberta por parte dos cadroneses  de calquera alteración no seu hábitat , e admiten tantas variedades coma individuos hai. A “reclamación” ou o “agradecemento” son os últimos estadios da evolución da “descuberta” na que os estados anímicos rebordan e faise partícipe deles ás autoridades municipais. As “reclamacións” poden ser verbais ou por escrito, e os “agradecementos” admiten unha chea de expresións: que se unhas troitas do río das Abellas, uns botes de mel de carqueixa, uns xamóns curados do Eroski ... en fin.

A táboa ten unha pinta tal que así:

Entre as conclusións mais salientables que propoño no estudo está a do Período Óptimo de Reposición de bens ou servizos, marxe de manobra que eu sitúo no que dura a etapa da “queixa”. Un concelleiro novo e inexperto pode ser partidario da reposición inmediata de calquera ben ou servizo escarallado, e pensar que iso é o mellor para si e para o pobo administrado. Pois non! Repoñer un servizo -un punto de luz que se fundiu, por exemplo- antes de que o propio usuario descubra a súa falta é tirar cos cartos, xa que pensará que sempre houbo luz e non será consciente do gasto (unha bombilla mais) nin do desvelo da Administración; pero tampouco se debe chegar á reclamación, xa que daquela o xestor público vai ter que partillar o mérito da reposición coa propia reclamación.

Outra das conclusións que lle propoño ao novo concelleiro de Obras é a posibilidade de xogar cos tempos da descuberta en tempos de crise e orzamento cero: a saber, se non hai cartos para mais bombillas, unha solución pode ser ir movéndoas de sitio (quitas unha aquí e póla alá, e logo quítala alá e póla aquí) xogando cos tempos de descuberta, de tal xeito que ninguén se vai decatar da falta de luz. E outro tanto podes facer cos bens e servizos que así o permitan.

Algúns de vós seguro que vos preguntaredes abraiados como é que os cadroneses tardan tanto en percibir a falta de luz nas congostras, cruceiros e incluso diante das súas propias casas. No estudo explico amplamente as razóns, que por suposto non son eiva do animal, pero xa vos podo adiantar que non son eles xente de meterse na noite; e os poucos que si, cando veñen da taberna traen as luces postas e ven coma se fose día.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.