A nosa realidade está nas palabras

Hai un tempo asistín como representante público a varias xuntanzas con xente do sector do mar e unha das persoas díxonos algo do que non podo estar máis de acordo e que o BNG leva repetindo moitos anos: "O problema deste país é que Galicia non ten un goberno que mire polos sectores produtivos e defenda os seus intereses".

Estas sabias palabras lembráronme, ás que no seu día reflectiu Castelao nunha das súas marabillosas láminas do álbum Nós onde puña; "as sardiñas volverían se os gobernos quixesen".

A afirmación deste mariñeiro rebela varias realidades que calquera persoa pode ver se escudriña un pouco. A primeira das realidades que garda ese enunciado, é que os diferentes gobernos da Xunta de Galiza e do Estado español non atenden os graves problemas que padecen os sectores produtivos deste país, sectores como o pesqueiro, o lácteo ou o naval, por só dicir algúns, que son moeda de cambio nas institucións comunitarias da Unión Europea. O Estado español nin se molesta en loitar por estes sectores fundamentais para Galiza porque a nivel estatal non pintamos nada, a España non lle importa Galiza, prefiren defender outras rexións e outros sectores, aínda que con iso estean xogando con milleiros de postos de traballo no noso país. Senón que llo digan aos profesionais que traballan no mar que non fan máis que ver como existe un reparto de cotas inxusto, axudas ao despece de barcos no canto de promoveren un modelo sustentábel e de futuro, ou como nefastos acordos pesqueiros nos deixan fóra de caladoiros e en condicións desiguais a outras frotas. Que llo digan aos milleiros de persoas que traballaban no sector naval que agora emigraron ou simplemente están no desemprego, que llo digan aos gandeiros/as que durante anos compraron cota para poder producir e que agora é papel mollado, gandeiras/os que loitan por ter uns prezos dignos cos que poderen sobrevivir, que llo digan aos milleiros de mozas e mozos que se ven obrigados/as a emigrar ou fican no país con contratos precarios e mal pagados... este é o drama que lle provocan aos sectores produtivos e sociais mais tamén a outros moitos sectores de Galiza.

A segunda das realidades que se desprende tanto do dito polo mariñeiro como do de Castelao, é que para que Galiza consiga reverter a situación de inferioridade na que se atopa dentro do Estado español e podermos comezar a amañar moitos dos problemas que padece esta vella e loitadora nación, debemos conquistar máis peso político ou dito doutra maneira, termos soberanía política con máis poder decisión. Pero, como se consegue?

Debemos mirar máis aló do negativo para ver o realmente construtivo e positivo da realidade co que sentirnos orgullosos e orgullosas do que somos, do que temos e do que facemos, dito en poucas palabras, valorarnos como pobo, mais isto non abonda por si só. É imprescindíbel darmos un paso adiante e tomar parte activa na acción política, a verdadeira arma de transformación coa que conseguiremos melloras noutros eidos, quer sexa o laboral, o social, o ecolóxico, o nacional... [insira calquera outro aquí] e comezar a rachar as políticas que nos empobrecen.

Nós, o pobo galego, debemos confiar nas forzas políticas propias que non lle deban submisión a ninguén, para que coñezan a nosa propia realidade, que traballen e miren polo noso, sen que isto supoña ir contra ninguén. Hai unha candidatura que representa á perfección esa pluralidade, rebeldía, ilusión e forza capaz de ser voz dos que non a temos, fagamos que a partir do día 20 de decembro, Nós Candidatura Galega sexa a nosa voz propia en Madrid que transforme a realidade de Galiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.