Ciudadanos, un voto de urbanización

Malia que as enquisas previas ao 20 de decembro contemplaban que Ciudadanos ía conseguir varios deputados (entre dous e tres) polas circunscricións galegas e roldar o 17% dos votos, na realidade, a cifra global en Galicia foi do 9,07% e a obtención dun escano pola Coruña.
Nesa provincia, Cs obtivo o 9,91% dos votos; en Pontevedra, o 9. Nas provincias orientais non chegou ao 8%. Os resultados do partido laranxa superan o 10% en todas as cidades agás en Vigo (9,95%) mais en ningún caso se achegan ao simbólico 15% en ningún lugar.

Mais, quen vota a Ciudadanos en Galicia? Hai maneira de aproximarse ao perfil do seu electorado analizando os datos algo máis polo miúdo na provincia na que maior éxito obtivo a formación que lidera Albert Rivera?

O discurso de Ciudadanos está considerado polos politicólogos unha mestura de pragmatismo neoliberal e suma de siloxismos para unha sociedade non plenamente alfabetizada. É un partido que conxuga o discurso simplista habitual na dereita cun sentimento de nostalxia pola España anterior á crise do 2008; ou mellor dito, a España que ten saudades do aznarismo económico. Rivera transmite a idea de que o Estado autonómico é así coma unha planta que ao medrar foise torcendo e logo murchando mais que cun pouco de fertilizante por aquí e un tantiño de auga e sol por alá volverá abrochar froitos así de gordos de prosperidade.

A súa apelación está dirixida ás xeracións que soñaban con compraren un audi e un chalé nas urbanizacións dos arrabaldos das áreas metropolitanas. Familias que se sentiron estafadas polo PSOE, que confiaron en Mariano Raxoi e que quixeron castigar o PP desde a dereita. O voto a Cs é, en parte, o mesmo que propulsou a Alberte Núñez Feixoo a San Caetano no 2009: menores de 45 anos, nacionalistas españois, frustrados pola diverxencia entre as súas expectativas persoais (laborais, económicas) e unha realidade social que non entenden. Persoas que entenden a crise como unha oportunidade de devolverlles o dereito a ter ese audi e ese chalé, aínda que a cambio teñan que facer un seguro médico privado ou pagar unha boa alarma.

Analizamos máis polo miúdo os resultados na provincia da Coruña: Cs conseguiu o seu mellor resultado en Galicia no concello de Oleiros (13,99%). Logo en Ames (13,65), Sada (13,56), Culleredo (12,98) e Cambre (12,78). É dicir, nos municipios arrabaldo das cidades da Coruña, principalmente, e de Santiago. Superan a media de apoios tamén en Arteixo, Bergondo, Coirós, Narón e Teo. Tamén nalgunhas vilas callou algo máis ca na media o voto a Rivera: en Boiro, en Ribeira e en Negreira.

De cara ás eleccións galegas do próximo ano, o PP quizais opte por insuflar un nicho galego para Cs que asegure que o voto que perde neste segmento social poida servirlle no último caso para alcanzar unha maioría á madrileña fronte á esquerda. Cómpre estar atentos por se nos espazos de política na CRTVG de repente empezan a florecer tertulianos ciudadanistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.